Caldaloba, algo máis que unha torre
Meilán García, Antón X. - lunes, 01 de diciembre de 2025
Caldaloba, "Un BIC que decae entre discusiones" titulaba a xornalista María Roca un artigo no xornal El Progreso o 9 de novembro, onde contaba o trapicheo xurídico que se traen o concello de Cospeito, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia.
Caldaloba non é unha torre calquera. Non é unha torre máis de Galicia. Caldaloba é unha torre mítica na nosa Historia. Caldaloba é un símbolo da resistencia dos galegos no outono do medioevo. Aquí os Reis Católicos deron cunha muller co sangue de Pardo de Cela e dos Castro, sangue inconformista, rebelde e loitador: dona Constanza de Castro, filla do Mariscal. Traizoado o pai dúas veces porque non podían con el: unha na Frouseira polos seus criados, e outra no Castrodouro, na casa de Afonso Yáñez, capelán e criado do bispo mindoniense, lévano para Mondoñedo. Alí tállanlle a cabeza, sen contemplacións, mais non sen antes pasar polo confesionario do bispado co fin de deixarlles as terras aos cregos e facerlle berrar ben alto que creía en Deus: ¡credo, credo, credo! repetía, mentres lle tiñan a cova preparada na capela maior da catedral. Mais a filla, dona Constanza, que non puido soportar tanta dolor e pesadume, malia que tiña dous fillos pequeniños, Afonso e Constanza, métese en Caldaloba co seu home, Fernán Ares de Saavedra, e un fato de criados para vingar a degolación do pai e poñerlles peito ás tropas dos Reis Católicos. E alí estivo máis dun ano resistindo, loitando e chorando por aqueles seus fillos que deixara ao coidado dos criados. Non puido ser. López de Haro despois de tanto tempo de loita, perda de homes e diñeiro, decide empregar unha táctica semellante á de Fernando de Acuña na Frouseira e no Castrodouro. Alí venceron ao pai mediante a traizón, aquí envelenan as augas da torre, polo que morren varios dos defensores, entre eles, dona Constanza de Castro. Quedaron catro, tres criados sans e Fernán Ares ferido pola pedra dun trabuco. Os demais morreron ben pola loita ou ben por envelenamento, que están soterrados pola contorna. Lugar venerábel, pois, Caldaloba. Morreron defendéndose do avasalaxe dos Reis Católicos. Ten algunha torre de Galicia unha historia semellante a esta? Unha torre, vencellada á degolación do Mariscal, á loita da filla e un fatado de galegos durante, ao menos, quince meses contra os Reis de Castela e un final por envelenamento, porque non puideron derrotala polas armas: toda unha heroína dona Constanza, que puxo por diante a sede de xustiza que criar aos fillos e vivir coma unha dona no seu pazo. Non merece, pois, Caldaloba ser rehabilitada e protexida coma lembranza do que aquí sucedeu capitaneados por unha muller que deixou a vida loitando por defenderse dos reis casteláns? Alcalde de Cospeito, en trinta anos que leva ao mando do Concello, non puido facer algo, algo, algo por Caldaloba? Señores da Deputación de Lugo e da Xunta en Santiago, Caldaloba e BIC dende 1994, e se é BIC, hai que entender que é un edificio a preservar polo seu interese cultural, e en trinta e un anos non fixeron nada, nada, nada de nada; aí segue cuberta de maleza. De verdade, señorías, están para protexer a nosa cultura, o noso patrimonio, a nosa historia ou priman as suas diferenzas e animadversións que hai entre vostedes? Polo menos, non digan que non sabían que Caldaloba non é unha torre calquera.

Meilán García, Antón X.