Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - jueves, 27 de noviembre de 2025
A bicicleta do silencio

Subín á bicicleta do silencio para pedalear polas carrilleiras da concordia. Era mes de abril. Agora mesmo estamos en novembro. Polo medio dese tempo corrín polas corgas da esperanza, por eses camiños de carros estreitos e profundos, que discorren xeralmente entre valos, lombas e outras elevacións do terreo. Ás beiras de cada corga as flores dos toxos pintaban de amarelo a nostalxia e o desexo.
Subín á bicicleta do silencio para pedalear arredor de todas as airas de Baños de Molgas, nas que a infancia ía e viña por entre os palleiros da morriña e os canastros da señardade. Aira: sitio chan próximo á casa ou ás casas, feito de terra firme ou de pedra, onde se mallan os cereais, se botan a secar os legumes, etc. E onde os cans deitan a súa pachorra, e a ollada perdida dun neno asenta sobre o cume do palleiro.
Subín á bicicleta do silencio para pedalear deica o monte Medo e, alí, desde o alto dun outeiro, oulear de anhelo, e de afán, e de ansia, e de arela, e de cobiza, e de degoiro, e de degoro, e de devezo, e de ilusión, e de soño, e de... de desexo. En cada ouleo, un pensamento. En cada pensamento, un recordo. En cada recordo, un día tras outro, un mes tras outro e un tempo que será eterno.
Subín á bicicleta do silencio. O berro deixou de ser berro e a adolescencia quedou preñada de sentimentos. Circulo, agora, neste mes de novembro, polas corredoiras da memoria e deixo que o tempo se deite sobre a almofada dos meus latexos.

Necesito que o mundo se mova!

Estou á espera de que aconteza algo, pero non ocorre nada. Tan só hai silencio. Mentira! Nos meus oídos métese o ruído, marabilloso ruído, dunha banda sonora. A música, aínda que sexa ruidosa, non molesta. A música non incomoda, non importuna nunca. Axuda.
Contemplo o voar dunha mosca desas de inverno, desas esfameadas que só andan a velas vir e, iso si, a molestar. Menos mal que non lle fago moito caso. Pero que non se poña a tiro, que eu son un chapamoscas profesional. Pílloas coa man dereita nun santiamén; o santi para lanzar a man aberta e o amén para pechala. Mosca cazada.
Sigo á espera de que suceda algo. Fóra da mosca que anda por aí, todo segue igual. Como a vida de Julio Iglesias. Mellor como a miña, que aquí está, gozando deste momento calmo no que non acaece nada. Tamén é verdade que é algo estraño; o de gozar con esta quietude. Adoito ser un bulebule, un charabiscas facendo sempre cousas, non estando case nunca quieto... nin en silencio. Sempre rosmo unha canción ou algún tema musical. Estes, máis ben, asubíoos. Xa me di a muller que lle caio pesado, aburrido porque sempre vou medio cantando ou medio facendo algo... porque me aburro e necesito algo.
Agora mesmo, aínda que non sucede nada, lévoo ben polo detalle de, precisamente, escribilo. Se non fora por isto, tería que estar lendo, ou picando algo, ou xogando co móbil... Necesito acción! Necesito que o mundo se mova! Non quero ser un prosma!
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES