Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Andrómeda, a veciña cósmica

Rivas Delgado, Antonio - lunes, 24 de noviembre de 2025
Fascíname tanto o cosmos, o universo que, atopándome co dato de que onte cumpríronse 101 anos que Edwin Hubble publicou o seu descubrimento da galaxia de Andrómeda, tiña que falar sobre ese espazo exterior que sempre me marabillou cando o vexo, principalmente, en películas. O científico demostrou que era unha galaxia e non unha nebulosa, como seica se cría. Desta maneira, sóubose que a Vía Láctea non era a única galaxia do universo.

Andrómeda, a veciña cósmica A pouco máis de 2,5 millóns de anos luz (ano luz, uns 9 billóns de quilómetros) da Terra, a galaxia de Andrómeda segue a espertar un interese renovado entre astrónomos e afeccionados. Lonxe de ser un simple punto difuso no ceo nocturno, este colosal sistema estelar converteuse nun laboratorio natural para comprender a historia, o futuro e a estrutura do cosmos. Cada novo estudo revela unha peza máis do quebracabezas galáctico, deixando claro que observar Andrómeda é, en certa maneira, ollar o noso propio destino.

Cun diámetro aproximado de 220.000 anos luz, Andrómeda supera con moito á Vía Láctea. A súa masa total (estrelas, gas e materia escura), foi obxecto de debate durante décadas, pero as medicións máis recentes suxiren que podería ser similar á da nosa galaxia, aínda que cunha distribución diferente. Esta estrutura permitiu comprender a maneira en que as galaxias espirais evolucionan e se fusionan ó longo de miles de millóns de anos.

Un dos aspectos que máis fascina ós investigadores é o movemento relativo entre a Vía Láctea e Andrómeda. Aínda que, visualmente, semella estática, a veciña aproxímase a nós a uns 300 quilómetros por segundo. Este achegamento, lonxe de supor unha ameaza inmediata, forma parte natural da dinámica do Grupo Local, a pequena veciñanza cósmica que ambas as dúas dominan. Pénsase que nuns 4.000 e pico millóns de anos, ambas galaxias chocarán nun proceso que transformará por completo a súa fisionomía. Non será un choque violento de estrelas, senón unha fusión progresiva que dará lugar a unha estrutura elíptica, bautizada provisionalmente como "Lactómeda".

Máis alá da investigación profesional, Andrómeda segue a ser un símbolo da astronomía para afeccionados. En noites escuras, pode observarse a simple vista como unha mancha tenue, un recordatorio conmovedor de que o Universo está ó alcance das nosas pupilas. Con instrumentos modestos, a súa forma espiral empeza a revelarse, invitando a miles de persoas a interesarse pola ciencia e o coñecemento. E pola inmensidade do máis alá.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES