Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xesús Cristo, Rei do Universo

Cabada Castro, Manuel - domingo, 23 de noviembre de 2025
Coa celebración de Xesús Cristo Rei do Universo finaliza o ano litúrxico. No próximo domingo comeza, co tempo de Advento, o novo ano litúrxico. Remata así o tempo eclesial cunha festa englobante, universalizadora: Xesús como rei de toda unha creación inabarcábel da que todos e cada un formamos parte.

No grande, alén das galaxias das que ata agora temos noticia. No pequeno, nas incribles pequenas estruturas que nos van descubrindo pouco a pouco os investigadores. Pois ben, Deus é infinito ou super-infinito a tódolos niveis, non ten límite algún na súa grandeza, no seu poder, na súa bondade. Así que resulta lóxico que o universo participe tamén dalgunha maneira da grandeza do seu Creador. Sobre todo tendo en conta que o Deus Pai tiña desde sempre o proxecto de que o seu Fillo se convertería nun de nós nun momento concreto da historia humana.

Podemos dicir, xa que logo, que o "reino" do que Xesús sería rei non podía ser cousa cativa ou modesta. Como, se non, podería dicir o apóstolo Paulo na súa carta aos Colosenses que o "Fillo benquerido" de Deus "é imaxe do Deus invisible"?. Se iso é así, o "pisiño" no que habitamos, é dicir, o universo enteiro, asemellarase seguramente á grandeza infinita do seu creador. Por iso esta festividade vén dicirnos que Cristo Xesús é verdadeiramente Rei. En momentos cruciais da súa vida, preto xa da súa inxusta e violenta morte, responderalle a Pilato: "Eu son Rei"- Este será xustamente o título do letreiro sobre a cruz na que foi crucificado: "Xesús Nazareno, rei dos xudeus". Título que se converterá coa súa resurrección en universal: Xesús rei, non só dos xudeus, senón de toda a humanidade, de todo o universo.

Naturalmente, tal realeza é moi distinta das humanas realezas. De aquí que a el non lle compracese que, aínda séndoo en realidade, o considerasen rei ou o tratasen como tal, fuxindo de calquera intento das xentes de o proclamaren rei, anunciando, en troques, unha mensaxe de fraternidade universal, alicerzada non no poder, senón no servizo. Velaí as súas palabras:

"Sabedes que os que figuran como xefes das nacións as asoballan e lles impoñen a súa autoridade. Non ha ser así entre vós. Ao contrario, entre vós o que queira facerse grande ha ser o voso servidor e o que queira ser primeiro ha ser servo de todos; porque tampouco o Fillo do Home veu para que o sirvan, senón para servir e dar a súa vida en rescate por todos". Debido a isto e de maneira axeitada, a liturxia alude hoxe a unha coñecida pasaxe de Mateo sobre o xuízo final.

Precisariamos moitas vidas para chegarmos a comprendela na súa radicalidade. Dísenos nela que a lei sobre a que se baseará o xuízo definitivo sobre a nosa relación con Deus, é dicir, sobre a nosa relixiosidade, non vai ser esta en canto tal, senón a nosa humanidade, o noso "servizo" aos demais. Xulgarásenos, efectivamente, sobre a nosa semellanza co seu modo de ser e co seu comportamento.

Mais non se trata só de cumprirmos cun mandato xeral ou abstracto, senón de que el, polo feito mesmo de se ter encarnado, veu identificarse en certo modo con todos. Ao el se identificar así con todos, fomos en certo modo divinizados, convertidos pola graza de Deus en fillos de Deus. De aquí a incríbel e inmensa dignidade nosa. Calquera pobre, emigrante, enfermo, preso etc. ten a mesma, se non maior, dignidade ca os que non están en tal situación. Porque son xustamente eles e non outros os que máis precisan da nosa atención, dos nosos coidados. Só así comprenderemos por que Xesús considera estas persoas como identificadas con el mesmo: "tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de beber; fun forasteiro e acolléstesme; estiven en coiro e vestístesme; enfermo e visitástesme; na cadea e viñéstesme ver".

É ben posíbel que haxa persoas que realicen obras de amor e misericordia sen elas saberen que el está presente nos presos, nos marxinados etc. Mais pouco importa tal ignorancia se elas se deixan levar polo que lles pide o corazón. A eles responderalles coas palabras do texto de Mateo: "Canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos, fixéstelo comigo". E hai necesidades físicas e tamén morais e afectivas. No evanxeo fálasenos de ámbalas dúas. Xesús practicou este tipo de consolo moral e afectivo ata o último intre da súa vida. Cando un dos seus compañeiros de tortura lle di "Lémbrate de min cando chegues ao teu reino", apresurarase a contestarlle: “Hoxe estarás comigo no Paraíso”.

[Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos)-As Edicións do Adro). Ciclos A, B e C. Tres tomos (2024-2025). Distribución: Editorial Galaxia]
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES