Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nicaragua no inferno de Dante

Pinto Antón, J.A. - viernes, 02 de enero de 2026
"Lasciate ogni speranza voi ch'entrate" sobre as portas de Nicaragua Nicaragüita. Finca do ex-comandate ex-sandinista e a súa dona, extraña parella que devora o país e as xentes. Daniel Ortega e Rosario Murillo, 'Rosario Ortega e Daniel Murillo', versos dun poema de desesperanza: "¡Miradlos, qué viejos son!/¡Qué viejos son los lagartos!".
Mentres, a xente sobrevive na mala vida imposta, entre o pesimismo, a incredulidade e a desesperanza. Ata o 70% da poboación, segundo a enquisa Gallup, decátase de que o país vai por rumbos equivocados baixo as poutas da ditatorial parella.
O país, invivible, amordazado polo medo e a represión, importa pouco máis aló das fronteiras. Orfos das e dos mellores expulsados da patria, perseguidos, encarcerados, e ao fin, privados da nacionalidade nica. Entre eles, o noso Sergio Ramírez, premio Cervantes. Tamén a poetisa Gioconda Belli. As defensoras dos dereitos humanos Sofía Montenegro e Vilma Núñez. Xornalistas, políticos, activistas, profesionais que xa están fóra deixan desvalido o país dentro. A penúltima diana é a Igrexa católica: por fin conseguiron expulsar un símbolo da resistencia, monseñor Rolando Álvarez, outro bispo e 17 sacerdotes. Expulsados do país e da nacionalidade con acusacións propias de satrapías caribeñas: traizón á patria, co coñecido vademécum: sofocar voces incómodas, persecución social, cárcere. E expulsión, despois de lles roubar vidas, bens, casas, cidadanía. Mentres, vaise murchando aquela primavera onde florecía a esperanza. Hoxe, só o 13% da poboación considérase sandinista. ¡Qué mala sorte teñen os pobres cando caen baixo a violencia de policías e paramilitares, brazos brutais executores do réxime totalitario da extraña parella! Un terzo da poboación non pode comprar comida. O menú cotiá da maioría dos habitantes é desemprego, inseguridade, represión, pobreza. Desde este lado do estado de benestar éche ben difícil mirar a un país onde fallan os servizos básicos, empezando pola saúde.
Velaquí outro non-país onde o 50% quere emigrar e xa non pode ao paraíso USA. Polo de agora fóronse 600.000 nicaraguanos. Outro 33% a Costa Rica, saturada de migrantes. Países veciños, El Salvador, Honduras, Guatemala, baldéiranse de fuxidos da violencia, a fame e as inxustizas.
Ata 1.300 políticos, capaces e molestos opositores, están na cadea. Outros foron expulsados do país onde medra a impopularidade da extraña parella Ortega-Murillo. Ámbolos dous abriron a tapa da caixa de Pandora e dela escaparon os malos ventos do illamento internacional, falta de dereitos humanos e perda da democracia. Pero, contra a frase de Dante Alighieri no dintel da porta do inferno "Abandonade toda esperanza os que entrades aquí", no fondo da maltratada Nicaragua hai rescaldos de esperanza.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES