Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Historia de Shuggie Bain

Pinto Antón, J.A. - viernes, 26 de diciembre de 2025
O libro de Douglas Stuart ou a baixada aos infernos do neoliberalismo que tivo como profetas á Dama de Ferro e ao actor secundario que chegou a presidente USA.
Velaquí a historia dun cativo de once anos que tenta sobrevivir no Glasgow dos 80. Barrios devastados pola desindustrialización, a pobreza, o po de carbón e néboa. Siderurxia, minas e asteleiros pechados.
Velaquí unha cidade ferida pola crise industrial. Tsunami económico multiplicado polas políticas thatcheristas. Caída da producción dun 10% e aumento do paro nun 141%. Cunha clase obreira aplastada e sen futuro, sobrevivindo nun brutal extrarradio de bloques grises. Nese submundo, a familia Bain abandonada polo pai. Ao final, quedan Shuggie e Agnes, a nai. Esta muller sen sorte vai ser o epicentro de todas as tormentas agarrada ao efémero salvavidas do alcohol, o único a man para tantos náufragos. O outro apoio e Shuggie, rexeitado pola súa condición sexual. Atrapado entre a nai alcohólica á que adora e o ambente de cascallos sociais, machismo, homofobia e violencia. Vítimas do desmantelamento do tecido industrial que expulsou á intemperie a comunidades, antes cohesionadas, fóra do estado do benestar. Ser neno é tarefa difícil tentando salvar á nai nun mundo de quenllas.
A novela disecciona paisaxes urbanas e sociais cunha precisión, beleza e amargura case autobiográficas. Traducida a máis de 30 idiomas, con premios como o Man Booker 2020. Dura, estremecedora, chea compaixón polos personaxes que gravitan ao redor de Shuggie e de Agnes.
A novela do amor do fillo pola nai vaise convertendo nun alegato político. Unha historia de tenrura que transcorre nun ecosistema social que afunde aos máis febles. Un relato de clase social, identidade de xénero, violencia familiar. Coa aspiración a unha vida mellor, a saír do barrio que estigmatiza. O carácter de clase asoma nunha cidade dividida pola fenda económica e cultural de odios e receos entre católicos e protestantes. Coa bandeira banal do fútbol: Rangers e Celtic.
As desapiadadas políticas que afundiron a próspera cidade mineira deixaron beirarrúas negras de carbón. Por elas deambulan ondadas de derrotados á espera da esmola semanal das axudas oficiais que alongan a agonía. A familia de Shuggie éche unha máis. A nai é, era unha fermosa muller chea de soños, á procura dunha casa, dunhas faragullas de benestar. Abandonada polo home na rateira dun barrio inhóspito.
A Historia de Shuggie Bain é, sobre todo, un canto á quentura humana no medio do afundimento da pobreza, a soidade, a frustración. Tamén ao amor inquebrantable de Shuggie que non abonda para salvar á nai cando os donos do poder e do diñeiro tentan e conseguen destruír a urdida humana das sociedades.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES