O aquel
Máis tarde ou máis cedo, todos os escritores, articulistas, relatores e demais presuntos escritores acaban escribindo citas doutros autores para salientar algo, para presumir un pouco de cultos e porque queda bonito.

Eu tamén fago iso. O que pasa é que, segundo ós demais sinalan a autoría da cita con nomes e apelidos, eu vou ó fácil e deixo caer o Aquel. Así quédanme as costas gardadas por se a cita é errónea ou, simplemente, porque a invento. Como dicía aquel...
E a partir de aí solto a cita, verdadeira ou falsa, para que tamén quede bonita, para que tamén alguén diga "mira ti o que sabe", "mira ti canta cultura ten encima", etcétera. Como dicía aquel, o universo era infinito e Buzz Lightyear ía máis alá. Como dicía aquel, dúas máis dúas son catro e coas demais operacións, Deus dirá.
Como dicía aquel, hai que confesar e ser legais dicindo que se non nomeo a autoría de tal ou cal cita, débese a que intúo que xa todo o mundo sabe quen é o autor. Non sei... por exemplo: dáme un punto de apoio e moverei o mundo (Arquímedes), ou fai o amor e non a guerra (John Lennon), ou o idioma é a forza que nos xungue e sostén; se perdemos a fala non seremos ninguén (Manuel María), ou un día sen rir é un día perdido (Charles Chaplin). E se me poño xa en plan cinematográfico, hainas ás moreas: Fareille unha oferta que non poderá rexeitar (O padriño), ou que a forza te acompañe (Star Wars), ou chámome Bond, James Bond. Como dicía aquel, as frases cinematográficas darán para outro Pingas máis.