As Escolas de Begonte
Blanco Torrado, Alfonso - jueves, 08 de octubre de 2009
Begonte está a vivir nunha fervenza de asociacións, algunhas dedicadas ao acompañamento das nenas e dos nenos no seu crecemento coma persoas e cidadás. Por iso, felicitamos ao concello pola idea de restaurar e converter en espazo de encontro as escolas de Cerdeiras, Donalbai, Felmil, Illán e Saavedra
As parroquias, para non esmorecer, urxen a dotación de servizos, que axuden a mellorar a calidade de vida, por iso é de loar, que unhas comunidades que inzan en iniciativas, vexan compensado o seu esforzo con esta decisión. Hai anos que demandan convertelas en lugar de recreo, con xogos, biblioteca
, mesmo de fogar e arquivo da memoria dos devanceiros. Nun momento no que loitamos contra o despoboamento, estes beneficios, convidan a manter vivas as aldeas. Recuperalas é de ben nacidos, porque os veciños axudaron a erguelas co seu traballo, cartos, materiais
Enxergadas cos soños e teimas máis limpas, contribuíron á formación de xeracións, coma a fortuna máis grande que lles podían legar. Asentáronas en pedra firme, labrada por canteiros da zona, coma os de Donalbai. Estes centros amasados coa solidariedade da parroquia, coma un sinal de identidade, van ser un manancial das lendas, ritos, símbolos de cada unha delas, porque a literatura oral e crenzas transmiten a mentalidade e o xeito de facer pobo, coma estuda con rigor, o investigador, Xosé M. Blanco Prado. A miúdo, non teñen o sentido estético doutras edificacións, pois foron feitas cunha uniformidade importada doutras zonas, e teledirixida en épocas autoritarias, sen aprezo pola arquitectura orixinal da comarca. Algunha é anterior, coma a de Saavedra, local da Asociación de Veciños
Pero teñen un rexo valor emocional e afectivo, que axuda a crear vencellos. Sen esquecer a achega que fixeron ao ensino de labregas e labregos que conservan a cultura, idioma, tecnoloxía, artesanía, a maioría anónim@s, outros compartiron dun xeito público esta sabedoría, coma o creador Xabier Quijada de Donalbai, o filólogo Manolo Ferreiro, e xa antes o filósofo Sergio Rábade, en Saavedra. É un escándalo e un pecado que as reitorais, tamén erguidas co esforzo e a fe dos antepasados, sigan derrubándose, ante a indiferenza das institucións.

Blanco Torrado, Alfonso