Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Reflexións do meu amigo Balbino acerca de...

Curros Neira, Jesús - lunes, 24 de noviembre de 2025
O divorcio de Sánchez e a súa parella política de Waterloo

Os tempos son chegados. Foi unha relación difícil dende o comezo, con discusións e liortas constantes pero, inda así, ámbolos dous sabían que se necesitaban un ao outro. E, no fondo -moi no fondo- queríanse porque... onde ían ir un sen o outro? Xa di o refrán que os amores pelexados son os máis estimados. Inda que pola teima de insisir nas diferenzas, que ás veces son insalvables, en troques de resaltar o muito que os unía e por culpa do resto da xente, que sempre mira con envexa aos verdadeiros namorados, Pedro e Carles romperon, e parece que a cousa é seria. Mesmo podería ser definitiva, se ben tratándose de noivos nunca se sabe...

Agora a parte catalana da parella, o noso moi prezado Carles, choromicando e laiándose das múltiples promesas incumpridas por parte do seu noivo político, di que xa non cre nas súas palabras, que todo foi prometer e prometer ata meter e que, despois de metido, xa non hai nada do prometido. Que triste final para estes amores! O bo de Carles quería volver do seu longo retiro en Waterloo -que non deixa de ser un exilio inda que teña que pasalo nunha mansión que para si quixesen moitos millonarios- e, xa de paso, que no parlamento europeo falen en catalán, e que chegue o diñeiro a Cataluña con fartura e eu que sei que máis cousas... Pero, despois de dous anos de paciente espera, non hai nada de todo iso e Carles fartouse. Porque, como seguramente estará a pensar este pobre home esquecido inda que non o diga, "amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale".

¿E agora que vai pasar?, pregunta a xente. ¿Vai haber moción de censura? ¿Van apoiar as iniciativas da oposición para amolar ao goberno do presidente Sánchez? ¿Ou van limitarse a xemer e lamentarse sen atreverse a dar un paso que puidese ser irreversible? Pois neste intre no que nos atopamos non se sabe, mais o meu bo amigo Balbino, aproveitando que o outro día cachoume pola rúa pensando nos biosbardos, dedicouse a facer algunhas reflexións acerca da situación na que se encontra o país que paso a expor a continuación:

Adoita dicir o señor Sánchez que é presidente porque gañou as últimas eleccións xerais celebrabas hai dous anos. Balbino non entende se o presidente engánase a si mesmo vivindo nunha burbulla alimentada pola súa fértil imaxinación ou se o problema está, se cadra, en que o home non está moi forte en matemáticas. Porque a cuestión é: En que universo cento vinte supera a cento trinta e sete? Di esto Balbino porque o número de deputados que ten no Congreso o Partido Socialista é de cento vinte mentres que o Partido Popular obtivo cento trinta e sete escanos. Así as cousas parece que quen gañou as eleccións foi Feijóo, non Sánchez. Daquela, por que é presidente este último? Pois a resposta a este enigma doulla hai ben pouco a man dereita no Congreso do noso estrañado Carles, a señora Míriam Nogueras, quen, despois de chamar de todo a Pedro Sánchez menos bonito, aclaroulle que "o Partido Socialista perdeu as eleccións e se o presidente é vostede en non Feijóo foi polos sete votos de Junts". Pódese dicir máis alto, pero non máis claro.

Pero esta situación ten para o meu amigo Balbino un serio problema. Con frecuencia óese falar da maioría progresista que apoia ao Goberno, pero isto que quere dicir? Que hai unha maioría de esquerdas no Congreso? Se traducimos "progresista" do politequés ao galego, iso é precisamente o que significa. E seica isto é verdade? Temos que aceptar como dogma de fe que os do PNV ou os de Junts, os herdeiros da vella Convergencia i Unió, son agora de esquerdas? Os nacionalistas vascos sempre foron en cuestións sociais e económicas bastante conservadores, de feito representaban os intereses da burguesía e o empresariado vasco. En canto aos neoconverxentes lembran moito máis aos partidos de ultradereita nacionalista europeos que aos de esquerda e, en calquera caso, tamén foron sempre os defensores dos intereses dun sector da alta burguesía e do empresariado catalán. De maneira que a maioría gubernamental que temos no Congreso é máis ben unha mestura de esquerdas, dereitas e nacionalistas pouco avidos uns cos outros e que, por iso mesmo, non comparten nada agás o seu interese en que os de VOX estean o máis lonxe posible do poder. Que acordos poden saír desa mestura? Evidentemente ningún, como a experiencia ten demostrado ben abondo.

Dicen que non hai cousa que una máis que o feito de ter un inimigo común, e iso é unha verdade como un templo. Pero para gobernar hai que ter algo máis que un inimigo, hai que concordar en ideas e intereses. E como diaños vai concordar un representante da alta burguesía catalana cun comunista de Podemos ou de Sumar? Por iso don Pedro Sánchez non pode aprobar leis no Congreso e por iso mesmo leva dous anos sen aprobar uns novos orzamentos. E agora, aplicando o vello principio de que todo o que vai mal pode ir a peor, resulta que esa maioría feble ráchase por culpa das arroutadas do anoxado Carles.

Como podería arranxarse isto? O meu amigo Balbino sempre creu que habería que modificar o sistema electoral. Hai corenta e sete anos, cando se aprobou a Constitución, o importante era reforzar aos partidos políticos posto que o país estaba a saír dunha ditadura. Pero agora, despois de case que medio século, non ten sentido que os partidos continúen a actuar ao marxe da vontade popular. Non pode ser que o partido máis votado non goberne e que os perdedores nas eleccións se xunten para apartar do poder ao gañador. Disque o gañador dunhas eleccións ten máis apoio popular que os que as perden e por esa razón negarlle o dereito a formar goberno non parece o máis democrático. Porque "democracia" significa "poder do pobo". Pero que poder ten o pobo se vota unha cousa e logo veñen os partidos e deciden outra ben distinta? Os que seguen a defender este sistema adoitan dicir que cando se unen varios partidos que superan en escanos e votos ao gañador teñen todo o dereito a decidir. E iso é certo co sistema vixente, pero en outros países de Europa non se fan as cousas deste xeito. En Francia, por exemplo, vaise a unha segunda volta para que sexa a xente a que decida quen ten que gobernar, non uns políticos reunidos nun despacho. E en Grecia a Constitución outorga máis escanos ao vencedor das eleccións para que poida cumprir co mandato popular. Iso si que é auténtica democracia, é dicir, "poder do pobo".

Tamén adoitan dicir os defensores do actual sistema que as coalicións dos perdedores están apoiadas por máis votos. Pero isto é verdade? Balbino pensa, e creo que non anda moi errado, que os que votan aos socialistas difícilmente votarían ao PNV ou aos nacionalistas de dereitas de Junts. E non digamos xa aos de Bildu! Con eses non irían nin a cobrar unha herdanza. Por iso estas coalicións son completamente artificiais e carecen de auténtico apoio dos votantes. E isto é valido tanto cando o PSOE gaña as eleccións e o PP arrebátalle o poder pactando con VOX como cando é o caso contrario. Non hai excepcións.

Pero o sistema que temos é este e con el hai que entenderse. E o caso é que Carles non se entende co o seu vello amigo Pedro. Eles din que a súa é una ruptura definitiva, que non ten volta atrás, que acabouse o amor de tanto usalo... Pode ser, mais cantas veces as parellas rompen para sempre e o día menos pensado tes que rascarte o peto porque che chega unha invitación á súa voda. Xa veremos se neste caso de Carles e Pedro non temos ao final que rascarnos o peto para pagar o esposorio, non si? Pois iso...
Curros Neira, Jesús
Curros Neira, Jesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES