Na función de guichar
Ninguén sabe de min e eu sei de todos. Estou escondido a uns 30 metros de altura sobre o nivel do atrio da igrexa de Baños de Molgas, máis en concreto, no campanario. Preciso dos auriculares máis que calquera outro día... para non escoitar as badaladas do reloxo cada 15 minutos. As primeiras sempre asustan un pouco.

Demasiado fortes e demasiado á beira. Ás seguintes xa se acostuma un.
A recompensa a esta ocultación está na contemplación do ir e vir dos veciños, de ver algúns dos seus segredos e, todo hai que dicilo, de espiar as súas vidas. Son O Guichón da vila. En maiúscula porque así é como me chaman. O nome xa o di todo. Non podo evitalo. Ás veces mesmo me subo ós carballos para guichar o que fai a xente. Outras veces tamén é certo que invento certos parladoiros. Porque, iso si, todo o que vexo agochado, axiña o pregoo polas noites nos bares ou cafés.
Son fillo de Lucinda e Felisindo, Os Vixiantes. Tanto miña nai como meu pai eran profesionais da observación, é dicir, espías, ou sexa, guichar a vida dos demais. E, claro, todo se pega. De tal pau tal acha. Eu realmente chámome Agustín Froufe Meamán.
Levo oito horas no campanario guichando como Florencio lle fai as beiras a Lucrecia, a muller do Eusebio. Ó mesmo tempo, Eusebio entrou pola ventá da casa de Rosalía. Un pouco máis abaixo da rúa do Agro entra no cortello da Adelaida o Eladio, fillo do Florencio. Empezo a mastigar nun bocadillo de chourizo esperando máis acontecementos. Porque os haberá e seguro que se armará un cristo.