Levan miles de anos os nosos paisanos furando a codia desa terra de Palas de Rei, primeiro con arados romanos e agora con tractores, para quitarlle o seu produto e engordar as vacas leiteiras que dan traballo ás empresas do ramo, e tamén os mariñeiros e marisqueiras da ría de Arousa levan outros tantos arriscando a súa vida, sucando as súas augas para arrincarlle os prezados peixes e mariscos. Uns e outras ían vivindo, malia sufrir as calamidades que conta O Tío Marcos da Portela no seu "Catecismo do Labrego" e as que pasaba o "Tío Miseria" de Enrique Labarta Pose, mentres soñaba con gañar uns ferrados de terra no ceo para el e a súa muller, porque supoñían que o fillo xa sería dono dun montón de fanegas polas desgracias que tivera que aturar na súa curta vida, antes de deixar este mundo, sen embargo agora até esas terras lles queren quitar os que desgobernan a Xunta desde fai quince anos.

Menos mal que a presión popular obrigounos a retirar algún proxecto de lei co que pretendían quitarlles o mar para darllo as multinacionais, como fixo Feijoó coa Caixa Galicia vendéndolla a Juan Carlos Escotet por cerca de 1.000 millóns de euros, despois de saneala con 9.050 millóns do erario; o mesmo que fixo Aznar cando saneou Sintel con 14.000 millóns das antigas pesetas para venderlla despois ao seu amigo, o terrorista e mafioso, Mas Canosa, por 4.900 millóns, porque a súa intención é desmantelar o Estado poñendo todo o que sexa rendíbel nas mans dos seus amigos e familiares. A presión popular tamén parou a mina de ouro de Corcoesto coa que pretendían quitarlle a terra os campesiños e campesiñas de Cabana de Bergantiños para entregarlla á empresa canadense Edgewater Exploration, porque para eles Galiza é unha mina a ceo aberto, unha colonia que hai que esquilmar.
Antes Feijoó e agora Rueda, no seu empeño en favorecer as multinacionais e aos grandes monopolios, estiveron e están empeñados en deixar a miles de familias sen os medios cos que gañan a súa comida diaria. Gobernaron e gobernan para eles e non para o pobo que lles dá o voto. Agora están empeñados en socorrer Altri, a costa das paisanas e paisanos, querendo expropiar as súas terras, unhas das mais produtivas de Galiza, onde pacen as vacas e fan queixos co seu leite, ademais doutros produtos agrarios que crean riqueza na comarca. Incluso esixen ao Goberno español que subvencione con diñeiro público ese megaproxecto privado, que envelenará as augas do río Ulla e deixará tamén sen traballo ás mariscadoras e os pescadores da ría de Arousa. Expropiar as terras e subvencionar cos nosos impostos á multinacional que tan só creará 500 postos de traballo, dos que poucos ocuparían os veciños das zonas afectadas por ese monstro que acabaría coa economía da comarca da Ulloa e coa frota pesqueira mais grande do Estado, a da ria arousán, a ría mais produtiva do mundo segundo A Voz de Galicia.
Non lles importa que se queden sen terras, sen vacas, sen barcos e sen marisco os miles de paisanas e paisanos que lles dan o seu voto, por favorecer as multinacionais que presuntamente lles dan cartos para as eleccións e resérvanlles un posto no consello de administración, un plan de pensións para cando se xubilen da política; nin tampouco lles importa a saúde dos seus votantes dos once concellos que collen auga do río Ulla, que se verían obrigados a beber auga pezoñosa que a celulosa devolve o río.
Perdoádeme a comparanza, pero as actuacións destes gobernantes contra o pobo que os mantén, faime lembrar a traizón dos reis españoles, os Borbóns Carlos IV e o seu fillo Fernando VII, cando o 5 de maio de 1808, no acordo de Baiona (Euskadi Norte), lle venderon o seu reinado a Napoleón, quen lle deu a Carlos a astronómica cifra de trinta millóns de reais anuais, o fermoso castelo de Compiègne a xeito vitalicio e a posesión perpetua do castelo de Chambord. Ao seu fillo, Fernando VII, o rei felón que acababa de destronar a seu pai, mercoulle o reino de España ofrecéndolle a coroa de Etruria, sucesor do Gran Ducado italiano de Toscana, pero el preferiu a propiedade do castelo de Navarre e unha pensión de catro millóns de reais anuais.
Eses antepasados do emérito e de Felipe VI, mentres o seu pobo loitaba contra os franceses, festexaban a traizón tirando foguetes para celebrar as vitorias de Napoleón sobre os seus vasallos.
Agardemos que se cumpra a profecía que escribiu o periodista Fernando Salgado ao ver a manifestación do 15 de decembro: "Teño a impresión de que a macrocelulosa de Altri proxectada en Palas de Rei, quedou o domingo sepultada na praza do Obradoiro, a escasos metros da cripta onde xacen os restos do Apóstolo".
Aí debía quedar, e moita xente aledaríase si Rueda e os seus camaradas non puideran festexar a vitoria de Altri sobre o pobo galego.