Sempre é unha delicia comprobar o recoñecemento que se fai aos artistas autóctonos que ao mesmo tempo de selos atesouran valores universais. Co gallo do 150 aniversario do nacemento do insigne pintor ferrolán Fernando Álvarez de Sotomayor está aberta unha exposición na Fundación Barrié nos cantóns da Coruña, e coincidindo coa miña estadía na cidade herculina alá fun. Sotomayor foi un dos pintores máis destacados da súa xeración e amais director do Museo do Prado perante trinta anos, toda unha marca..

A exposición compóñena unha selección exhaustiva da súa obra que percorre practicamente todas as etapas da súa producción e evolución creativa. Nesta mostra, minuciosamente elixida, abondan imaxes que teñen que ver directamente con Galicia, mesmo na paisaxe como en retratos, obras procedentes na súa maior parte de institucións e de coleccións privadas. Como retratista o pintor ferrolán alcanzou grande recoñecemento. Eu, malia non ser un erudito, desfrutei desta visita porque non é necesario entender e si sentir deixándose levar pola sensación que produce a contemplación desa compilación do máis destacado da obra do artista que vai provocar diversas impresións anímicas dependendo de quen a contemple. Pasa o mesmo por exemplo coa música ou a poesía; aquela transmite a súa mensaxe a través das notas que son como as cores e trazos na tea do pintor, e esta un monumento cicelado co uso axeitado das palabras. E cadaquén viva as súas propias emocións.
Ferrol foi berce de excelentes artistas que utilizaron a pintura como medio de expresión. Aí temos a Felipe Bello Piñeiro que malia nacer en Mugardos, mellor dito no Seixo (se non matizo isto alporízase comigo o meu amigo Bernardo Maíz), poderiámolo considerar como pintor ferrolán, Agustín Robles, Pérez Villamil, Segura Torrella, Máximo Ramos, mesmo Imeldo Corral ou González Collado e un longo etcétera, e por suposto Fernando Álvarez de Sotomayor. E todos nalgúns intres tocaron o tema de Galicia ben na súa paisaxe ou na representación de personaxes relacionados coa nosa terra.
Aínda que sei o complicado de facer itinerante a exposición, pola miña mente pasou a idea do bo que sería traela a Ferrol, berce do artista. De momento témola na Coruña ata o día 11 de xaneiro. Paga a pena achegarse por alí. Abofé.