Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cincuenta anos conducindo

Bravos, Marisol - jueves, 20 de noviembre de 2025
Cincuenta anos conducindo non sería motivo dun titular para a maioría dos condutores, pero a min non me pasa desapercibida unha data ano a ano, porque representa un acontecemento que cambiou o rumbo da miña historia. Hoxe quero dedicarlle este comentario ao carné de conducir para o que teño que remontarme a 1975, un ano que tamén lembro asociado á morte de Franco, a persoa que, por negar unha pandemia, marcou a vida de miles de nenos españois: "os nenos da polio".
Pero volvo ao carné que é máis motivador que a neglixencia de non administrar unha vacina. Todo comezou cando recibín un aviso de persoal do SEREM -Servizo de Cincuenta anos conducindo Recuperación e Rehabilitación de Minusválidos- para que pasara pola oficina situada no Campo Castelo porque querían propoñerme algo importante. Sen perda de tempo, unha tarde de marzo de moito vento achegueime, e non daba crédito á proposta que escoitaba: necesitaban saber se me prestaba a sacar o carné de conducir porque unha autoescola de Lugo, daquela autoescola Dina, preparaba un coche, en concreto un SEAT 600. Sen ter idea do que implicaba aceptei sen dubidar e quedamos á espera de rematar o curso, naquel momento facía primeiro de Maxisterio.
Cheguei de volta á pensión sen ser consciente do percorrido que fixen, entendo que o foi á inversa, pero non teño recordos polo impacto que me causou. A partires dese momento non deixaba de pensar como tería que facer no coche. Na miña casa tamén lles sorprendeu moito a noticia, sobre todo, á miña nai que me dicía: "como vas conducir ti?". Aínda así aceptaron pagarme a pensión un mes máis no verán para empezar as clases de teórica e as manobras, que entón se facían nas pistas das Arieiras. Calquera das dúas se me deron moi ben aínda que, como anécdota, teño que dicir que a véspera do exame nas prácticas fixen case todo mal. Non era un bo presaxio, pero non me desanimei.
Como se trataba dun experimento esixían un número de prácticas moi alto, o que encarecía o carné. O exame constaba de tres partes: teórica, manobras e cidade, que eu non puiden facer no mesmo día porque antes do de cidade había que facer un pequeno percorrido cun inspector médico que debía certificar o manexo do coche. Superada a proba da teórica pasei ás manobras: a famosa "ele", subida en rampla, aparcamento... cun examinador con fama de ser moi esixente, e tamén as superei. Quedaba a proba da cidade que tiña a súa maior dificultade na zona de Recatelo, coñecida entón como o "pozo da morte" polo número de suspensos. Despois de ter o certificado do inspector, co que me sigo relacionando, chegou o día do exame e aprobei. A miña alegría era moi grande, demostraba que "podiamos conducir" e quedaba a porta aberta para outros compañeiros.
Co carné na man, rapidamente empecei a pensar en mercar coche aproveitando que tiña nunha conta as becas de estudos que me foron concedendo. Un vendedor, que aínda conservo de amigo, faloume do SIMCA 1000. Comparado co 600, representaba todo un avance porque xa tiña cambio automático, e coas orientacións que me deron na autoescola encontrei un taller para que o adaptara. Podo asegurar que conducir é unha forma de autonomía, liberdade e independencia; e as persoas con diversidade funcional teñen dereito a gozala grazas a unha normativa cada vez máis inclusiva, recollida no Regulamento Xeral de Condutores. Tamén neste apartado se evolucionou xa que nunha revisión médica nun centro de recoñecemento autorizado, que agora se fai previamente, constan as adaptacións pertinentes para acceder ao permiso de conducir. Así mesmo están contempladas variadas opcións como dispoñer de máis tempo para completar o exame teórico, material tecnolóxico e linguaxe adaptados, presenza de intérpretes de lingua de signos...
Casualidades da vida: Franco morre o día 20 de novembro e a data do meu carné é o día 21. Quizais quixo ter ese detalle para compensarme das secuelas da polio.
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES