Baixo as balas duns ricos sen conciencia
O cine amose o tema ou xénero que amose sempre se basea en algún acontecemento ou acción real. No cine mestúrase a ficción coa realidade e viceversa. O público, o espectador, moitas veces, intenta copiar, seguir, reproducir o que viu na pequena ou na gran pantalla, é dicir, vivir a auténtica realidade. Teño visto xa varias películas nas que, na ficción, certos personaxes pagan millonadas para matar a outros personaxes nesas chamadas "cazarías humanas".

Tal ficción parece que acaba de facerse real. Mellor dito, xa se fixo (o que pasa é que acaba de saír á luz agora). Aconteceu entre os anos 1992 e 1996 no asedio a Saraxevo. Un escritor italiano sacou ó clareo uns "safaris humanos" nos que, xente con posibilidades, con moitas posibilidades pagaban para facer de francotiradores. Fálase de que as cantidades ían desde os 80.000 ós 100.000 euros. Así mesmo, salienta que non só participaban nesas cazarías os seus compatriotas, senón que tamén houbo franceses, ingleses, canadenses e americanos.
Ó ser humano sempre lle gustou o morbo, sempre quere saber ata onde pode chegar o seu poder. Quere saber realmente de que é capaz. Como todos levamos o demo dentro, ás veces non nos custa moito sacalo deica as súas máximas consecuencias. E como con cartos todo se consegue... que mellor emoción que ver, notar e palpar o medo dos demais, a debilidade dos demais.
É moi triste pensar nesas animaladas, nesas atrocidades. Ós propios bosníacos non lles chegaba coa propia guerra en si, como para ter que morrer ademais baixo as balas duns ricos sen conciencia.