Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - martes, 18 de noviembre de 2025
Pateando o centro de Ourense

Como dúas horas ou dúas horas e media dan para moito, vou patear o centro de Ourense, que aínda non o coñezo moi ben, díxenlle a un por lle dicir algo. Se cadra díxeno para min, mentalmente. É igual. O caso é que saín pola porta e púxenme de camiño. Uns metros pola rúa Sáenz Díez. Outros cantos pola Samuel Eiján, onde, faltaría máis, parei a tomar un café e a preparar certos papeis; uns para entregar na rúa Bedoya e os outros para dentro de 21 días exactos.
Tomando café houbo que matar o tempo. Como mato eu, hoxe en día, o tempo? Con música e un bolígrafo verde que escribe azul. A música, xa se sabe, unha semente ou mestura de temas que van desde o jazz ó folk, pasando polo rap, pop, clásica, blues e bandas sonoras. A tinta azul... a tinta deixa caer pingas de orballo sobre un papel en branco.
Subín pola rúa Curros Enríquez e Bedoya para entregar, aquí, uns dos papeis citados. Baixei por esta e metinme pola de Santo Domingo, rúa da Paz e rúa das Tendas para desembocar na Praza Maior. Alí peguei a volta pola rúa Lamas Carvajal. Na rúa do Paseo intentei mercar un paraugas, xa que o outro día, un refacho de aire, fixo que o que levaba pola Valenzá se tivese que quedar xa non contedor. O puto aire deulle máis que volta e media; tres ou catro baleas dixeron basta. Como non me gustaba ningún, botei a capucha da cazadora e aguantei a marmañeira, a chuviscada. Acelerei un pouco o paso e, nun amén, xa estaba de novo no punto de partida. Na espera, aínda conseguín ler algo. Intento non perder nunca o tempo.

O meu poema

Son o Mad Max do Sáhara Occidental. Segundo o australiano andaba á procura dunhas gotas de gasolina, eu ando na busca dunhas pingas de auga. Ou só que sexan de orballo. Estou seco. Levo varios días vagando por esta soidade de deserto. Nin un maldito oasis. Nin un maldito signo de existencia. De día ásome de calor. De noite morro co frío. Pero aguanto coma os heroes. Son heroe de película. É dicir, falso.
Son o ruxerruxe dun pesadelo que latrica, que esbardalla tras os valados dos sentimentos. Intento sentarme no algoritmo do desexo, nese conxunto de regras que, ó aplicalas, permiten resolver un problema mediante un número finito de operacións. Os meus problemas non os resolve ningunha operación matemática porque, simplemente, son autosuficiente para solucionalos eu. E se chove que chova.
Son a banda sonora de "O derradeiro dos mohicanos" e sigo o ritmo das carreiras dos indios polo Oeste americano. Nos primeiros temas lanzo frechas envelenadas para exterminar ós camisas azuis. Nos restantes dou golpes de machada contra os fortes, as fortificacións dos ianquis. E corro como Daniel-Day Lewis na procura de Madeleine Stowe.
Son a sombra que a luz nocturna impulsa sobre a parede da miña nostalxia, esa na que bailei coa inocencia pintada de branco e, ós cachos, coa carraxe ouleando polas corredoiras da miña adolescencia. Non sempre a felicidade se viste coa elegancia da ledicia. De cando en vez unha sombra escurece a brancura. Sombra que se esfuma ante a estrutura dun poema. O meu poema.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES