Na busca duns motivos
Realicei unha xenuflexión ante unha estatua de sal que atopei polo camiño e receille un responso ós mortos daquel verán. Máis ben, canteillo. Requiem aeternam dona eis, Domine, et lux perpetua luceat eis. Ou o que é o mesmo: dálles, Señor o descanso eterno, e que a luz perpetua os ilumine. Kyrie eleison, Christe eleison. É dicir, Señor ten piedade, Cristo ten piedade. Polas almas de tales ou polos mesmos.

E iso que xa me considero máis ateo que católico. O que pasa é que tiven unha nai de misas diarias e rosarios nocturnos á calor da lareira. E todo se pega.
Logo de cumprir co deber de... respecto, máis que relixioso, seguín o camiño que me levaba a Getsemaní, o xardín aquel de Xerusalén onde Xesús rezou antes de que o arrestaran. Eu andaba a buscar os motivos que me levaron ó presunto ateísmo e debería percorrer algúns emblemas da cristiandade. Non tardei en reflexionar ante o efecto da arresto. Non é nada bo que arresten a alguén. Aínda que logo se demostre que era inocente, o feito queda aí como unha marca, como unha mancha mala de eliminar.
Por que arrestaron a Xesucristo? Seguro que cada un conta ou escribe a historia á súa maneira. Para as autoridades relixiosas e políticas era un alborotador. Para o pobo, un mesías. Din que o pobo sempre ten razón, pero...
Como non quero meterme a fogueteiro ou no mar sen roupa de augas, outro responso polas almas de todos os que se foron, bos e malos. Absolve, rogámosche, Señor, as almas dos teus servos, de todo vínculo de pecado, para que, na gloria da resurrección, descansen resucitadas entre os teus santos e elixidos. Por Cristo noso Señor. Amén, digo eu.