Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - miércoles, 12 de noviembre de 2025
Fornada cada oito días

Aproveitando que está o tempo de chuvia, estou á espera de ver caer pans cocidos do ceo. Levo xa uns cantos días esperando e non cae ningún; só pingas de auga que, as condenadas, mollan e xa cansan, xa aburren.
Os pans cocidos do ceo tampouco caían na miña infancia. Naquel tempo caían máis ben, sobre a mesa da cociña, pan duros. Cada vez máis duros. Miña nai facía a fornada cada, máis ou menos, oito días. En cada fornada adoitaba meter no forno comunal oito pans; un por día. Pingas de Orballo Tiñan (sempre usaba o forno coa mesma veciña) que quentalo cada certo tempo porque non se podía cocer todos os días ou cada poucos días... por falta de leña. Así, entre as dúas, unha puña o mangado de leña unha semana e a outra á seguinte. Ante isto, tamén existían os aproveitados, que cocían ó día seguinte ou horas máis tarde para aproveitar que o forno estaba quente e gastar menos leña.
Oito pans. O primeiro era gloria bendita: crocante, tenro, fresco. O segundo estaba ben. O terceiro xa as ansias del non eran as mesmas. O cuarto xa case era mellor migarllo ó leite ou ó prato quente que se comese naquel momento para que amolecese. Os demais días, xa se entende, cada vez máis duro e algún poida que incluso xa con balor, con mofo. Non pasaba nada; raspabas o balor co coitelo e... bocado para adentro. Era pecado mortal tirar co pan, coa comida.
Así unha semana detrás doutra. O oitavo pan, e se tocaba comelo no monte con algo de touciño (a verdade é que sempre era co touciño graxento, cheo de lardo), ás veces, había que mollalo incluso en auga para poder fincarlle o dente. Tempos de miseria aínda que non se pasase fame.

Na procura de Matt Damon

Levo tres semanas no planeta Marte. Estou só. Aquí non hai ninguén. Nin tan sequera está Matt Damon. Se estou aquí é precisamente por el. Vin na súa procura e... ou xa marchou, ou anda por aí perdido, ou aquí nunca estivo. Agora empezo a recoñecer que o cine, as películas son distraccións, fantasías que nos meten na cabeza e que cremos de máis. Sinceramente, pensaba atopar e saudar a Matt Damon.
Estou só. Non hai un maldito marciano. Por non haber non hai nada. Non vin unha xesta nin moito menos un toxo. Terreo si que hai, para albergar iso e moito máis. Non hai regatos, non hai paxaros, non escoito o ruído do mar porque tampouco hai mar. Non hai un farrapo de gaita!
Pingas de Orballo Como non quero saber nada dos ianquis, en vez de saír de Cabo Cañaveral, optei polo alto da Chaira, xusto á beira do campo de fútbol de Baños de Molgas. Uns poucos familiares e tres ou catro veciños a despedirme. Alguén me dixo que levase o meu can Uriarte, pero tiven medo a que non aturase a viaxe. Agora mesmo estou arrepentido; sería a solución a esta soidade que empeza a corroerme. Puto Matt Damon! Non puido esperar un pouco.
No traxecto, dentro da nave espacial, non fixen outra cousa que ler, escoitar música e, iso si, aproveitando que estaba só e que non me escoitaba ninguén, cantei a grito pelado e, por esta vez, sen pensar na famosa ladaíña de miña nai: "ai, neno, que mal cantas".
Estou só. A soidade empeza a... Un momento! Alá ó lonxe ven Matt Damon! Nai que o pariu, como vai cambiar o conto!
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES