A xenreira mental ianqui
A semana pasada vin, practicamente seguidas, dúas películas que trataban sobre a problemática escravista e racista dos Estados Unidos, ese país tan patriota, tan de ensinar nos seus xardíns e soportais a bandeira das barras e estrelas, pero que, se se furga un pouco, non tardan en asomar as miserias e as xenreiras que tivo e que ten; desde o exterminio ou masacre dos indios ata a escravitude dos negros. Aínda hoxe, por moi seus que sexan e porque tiveran incluso un presidente negro, o racismo segue a ser a súa xenreira mental.

"Harriet, en busca da liberdade" (2019) é unha película bastante normaliña na que si destaca a actriz Cynthia Erivo, nomeada ó Oscar por ese traballo. Versa sobre a abolicionista Harriet Tubman, que liberou a moitos escravos tras escapar ela mesma da escravitude en 1849.
Harriet Tubman nacera o 9 de marzo de 1822 en Maryland, no seo dunha familia escravizada. Desde nena coñeceu a dor e a inxustiza da escravitude, pero tamén desenvolveu unha forza interior que a levaría a converterse nun símbolo de resistencia e esperanza.
No citado 1849 logrou escapar da plantación onde traballaba, recorrendo máis de 150 quilómetros cara ó norte, ata alcanzar a liberdade en Pensilvania. Porén, a súa historia non acabou aí. En lugar de quedarse a salvo, decidiu regresar unha e outra vez ó sur para rescatar a outros escravizados a través do chamado Ferrocarril Subterráneo, unha rede secreta de rutas e refuxios que axudaba ás persoas a fuxir ós Estados libres.
Ó longo dunha década, Harriet Tubman realizou polo menos 13 viaxes e liberou a máis de 70 persoas, sen perder nunca a un só fuxitivo. A súa valentía e astucia valéronlle o alcume de Moisés, en clara referencia ó líder bíblico que guiou ó seu pobo cara á liberdade.

Tamén "Seis triplo oito" (2024) se queda nunha simple película cando o tema que trata podía dar para moito máis: 855 mulleres (negras, por suposto) uníronse á Segunda Guerra Mundial para solucionar o atraso, a demora de tres anos de correo non entregado. Enfrontadas á discriminación (por ser negras, faltaría máis) e a un país devastado pola guerra conseguiron clasificar antes de tempo máis de 17 millóns de pezas de correo. O de antes de tempo era precisamente para demostrar que, a pesar de ser negras, podían. Como puideron recibiron parabéns e condecoracións. Se non puideran, fixo que sería por ser negras.