DOMINGO XXXII T. O.
Cabada Castro, Manuel - domingo, 09 de noviembre de 2025
qO contido da lectura do Antigo Testamento xunto co texto do evanxeo convídannos a renovarnos na fe na Resurrección, que é consecuencia da de Xesús. No libro dos Macabeos vai aparecendo xa a fe na Resurrección en relación co feito fundamental de que Deus o fixo todo da nada. Se Deus é quen de crear todo, terá igual poder tamén para refacer o que semella desaparecer coa morte, sobre todo cando esa morte é indebida ou inxusta, tal coma proclama un dos sete irmáns ante os seus torturadores: "De Deus recibín este meus membros...; espero recibilos del novamente". É esta fe na resurrección a que lles dá azos e esperanza aos macabeos. Pódese aceptar a morte "cando tal como di o cuarto dos irmáns- se espera resucitar para a vida".
Mais esta nacente ou xerminal conciencia da resurrección, que se albisca xa dalgún modo no Antigo Testamento vai acadar un pulo especial no Novo Testamento coa presenza, o actuar e a clara mensaxe de Xesús. De xeito que a nosa vida se vai transformando continuamente e de maneira máis rechamante coa morte. Mais esta nosa vida non rematará endexamais. Ao Deus nos facer partícipes da súa propia vida, dánola así á súa grandiosa maneira, é dicir, xenerosamente, podéndomos dicir que nola dá sen data de caducidade..
Vemos no relato do evanxeo como, fronte aos saduceos (que, á diferenza dos fariseos, non crían na resurrección), Xesús sostén decididamente a resurrección dos mortos. En contraste cun certo modo de pensar que podería quedar reducido a simple sentimentalismo en relación cos defuntos, dinos el: "Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos. Para el todos están vivos". É una afirmación impresionante!
En moitas culturas, tamén e de maneira especial na nosa galega, os ritos e lembranzas en relación cos defuntos teñen moita presenza pública e de moi diversas maneiras. Hai poucos días, co comezo deste mes de santos, familiares ou amigos dos nosos defuntos acudían con flores a visitalos, honralos ou lembralos. Mais, fronte a tal comprensíbel e normal comportamento, a actitude de Xesús en relación cos defuntos non se parece moito a este modo de proceder. A razón é que el se presenta ante nós xustamente como o anunciador e proclamador da vida. Unha vida que Deus nos dá e para sempre.
En consecuencia, para o Deus anunciado por Xesús, en realidade os mortos non son tales. Pois -como se nos di no texto de Lucas- para el "todos están vivos". Os que vivimos por estarmos vivos e os que nos deixaron porque continúan a vivir dunha forma distinta, mais real, por inconcibíbel que isto nos pareza. "Deixade que os mortos enterren os seus mortos", proclamaba Xesús noutro contexto. En realidade, se Deus é un Deus vivo, que existe e vive desde sempre e para sempre, sendo el mesmo o facedor da nosa vida, entón a que chamamos morte non ten propiamente nada que ver con el. Por iso a morte, co peso e a carga que nós lle damos, non ten para el tal categoría. En consecuencia e en última instancia, a morte non pode ser senón un episodio dalgunha maneira transitorio (por estraño, doloroso e sorprendente que sexa) no interior dun proceso totalmente mergullado na vida.
Nese mar infinito de vida que é Deus mesmo e no que -como nos di o Apóstolo Paulo- "vivimos, movémonos e existimos".
Entendida a morte deste xeito, cómpre aínda engadir que estariamos de feito a crer nun "Deus dos mortos" cando non anunciamos a vida e traballamos por ela en tódalas súas formas; cando non procuramos o ben, o progreso, a xustiza, a misericordia; cando non loitamos a prol de que todos sexan respectados nos seus dereitos; cando non damos alento aos que o demandan, cando non lles ofrecemos a posibilidade de participaren no gran don recibido de Deus -a nosa fe, esperanza e caridade-, cando nos pechamos nos nosos particulares intereses e egoísmos, coidando que de tal xeito conservaremos a nosa vida, sendo así que a vida propia é máis vida cando dela lles facemos participar os demais.
Mais por que Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos? Por que "para Deus todos están vivos"? A resposta, paréceme, podería ser esta: PORQUE DEUS É AMOR (tal como repetía Xoán), PORQUE DEUS NOS QUERE, PORQUE DEUS NOS AMA, E DE VERDADE. Neste sentido, escribiu unha vez un gran pensador: "Amar a alguén é dicirlle: ti non morrerás endexamais".
Todos temos algo de experiencia disto. E se non, pensade nalgunha ou nalgún a quen queredes moito. Se no noso poder estivese, non permitiriamos en modo algún que tal persoa morrese. Pois ben, Deus quérenos e ámanos de verdade. Quere, en consecuencia, a nosa vida e ten ademais poder absoluto para conservala e aumentala. Nisto radica xustamente a "resurrección que Deus nos anuncia e promete en Xesús. Porque Deus nos ama de verdade e mais por el ter poder pra facernos vivir sempre, por iso pode resucitarnos e quere resucitarnos tras esa estraña e ardua transformación que chamamos a morte.
[Ver Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Vigo, SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos)-As Edicións do Adro). Ciclos A, B e C. Tres tomos (2024-2025). Distribución: Editorial Galaxia].

Cabada Castro, Manuel