Á hora de peregrinar tamén se recoñecen as clases sociais na nosa Galiza porque os peregrinos que van e foron a Santiago de Compostela coincidiron coas clases sociais máis altas como son os reis e os grandes magnates españois e europeos dos que se fai gala no Códice Calixtino e outros documentos medievais e de todos os tempos, feito que contrasta co santuario do santo André de Teixido, por excelencia para os pobres e humildes, nunha palabra, para os fillos do campo que foron sempre a xenuína raza dos descendentes dos castros, pero que non valería para os príncipes que van de romeiros xunto a Xacobe pois semella que a súa grandeza non lles permitiría peregrinar polas inhóspitas e accidentadas terras de Ortegal para presentarse diante da imaxe do titular de Teixido, por iso non observamos que alí houbese munificencia real como houbo en Santiago, nin engrandecemento do seu primitivo mosteiro, nin da súa pobre ermida a través de privilexios reais, esmolas ou donativos que a fixesen esplendorosa como a de Santiago.
Tampouco a nobreza dos Montenegro, Pardo, Andrade, Castro, Figueroa e demais, incluída a nobreza eclesiástica, parece que non sentisen nin a máis mínima necesidade a través dos séculos por engrandecer este santuario que aínda hoxe ten un modestísimo templo, unha pobre ermida como teñen todas as parroquias da nosa Galiza e que sexan pobres, por iso a ermida do santo André vive sempre ao longo da historia cunha pobreza e cativeza de acordo coa clase social dos seus romeiros e devotos que entronca directamente co pobo ou coa poboación rural da nosa Terra e que hoxe en día pode chegar a perderse pola continua desaparición da clase labrega que

houbo en Galicia ata finais do século XX, pero que hoxe está xa desaparecida; podemos dicir que tal feito coincide tamén coa desaparición do arado romano e máis do vesadoiro que marcan esa primitiva Galiza romance que sobreviviu ata remates do século pasado, sempre disposta á veneración do santo André de Teixido ou santo André de Lonxe. Esta clase social era tamén a que mantiña a nosa lingua galega a través da historia durante polo menos 400 ou 500 anos de séculos escuros que coincidirían coa perda de Caldaloba por parte de dona Constanza de Castro.
O santo André non podemos perdelo porque en caso tal tamén desaparecerían as crenzas ancestrais dos nosos antepasados proxenitores que se foron transmitindo oralmente de pais a fillos mediante unha máxima que quedaba na xenética dos descendentes: "Ao santo André de Teixido o que non vai de vivo, vai de morto", e que pasou de xeración en xeración nas xentes das nosas parroquias e que non facía falta escribilas porque nós como bos sucesores dos celtas e dos castrexos non adoitabamos transcribilas ao papel.
Sempre houbo unha pequena contenda entre os peregrinos de Santiago e os peregrinos do santo André de Teixido e podemos dicir que desde a Baixa Idade Media e aínda máis no Renacemento as romarías á Capelada eran moi renomeadas e constituían peregrinacións asociadas aos costumes e aos sentimentos da xente labrega que chegaban a competir coas de Santiago de Compostela segundo nos di Murguía, pero hoxe as de Santiago superaron con moito ás do apóstolo santo André aínda que estas sexan moito máis auténticas e confluentes co pensamento galego.
Canté a nosa lingua e a nosa terra pervivan para sempre e se atopen no santo André de Lonxe polos séculos dos séculos!, ou como lle dixo Deus ao Apóstolo dos pobres, que ninguén se libre de facela, nin vivo nin morto.
BIBLIOGRAFÍA:
MANCIÑEIRA PARDO DE LAMA, Federico (2024).- San Andrés de Teixido. Historia, leyendas y tradiciones. Edición fácsimil de 1921. Arenas, La Coruña.
MARTIÑO DE BRAGA.-De correctione rusticorum (Javier Correa Corredoira. Espiral Maior. 1997).