A metempsicose é unha doutrina filosófica segundo a cal unha alma, tras a morte do corpo que habitaba pasa a ocupar outro ser humano ou animal, tal como nos manifesta o Dicionario da Real Academia Galega.
O mesmo Platón xa consideraba a alma como eterna e xa existente antes do nacemento porque sobrevive á morte e na súa obra "A República" emprega o mito de Er onde un guerreiro relata as súas vivencias no máis alá incluíndo a existencia doutros corpos que esperan para formar novas vidas.

A metempsicose e a reencarnación parecen conceptos iguais, pero teñen diferenzas importantes. As dúas cren que o espírito pasa a outro ser vivo despois da morte, mais a metempsicose implica que a alma pode transmigrar a outros corpos, incluíndo tamén aos animais, tampouco hai un xuizo polas accións pasadas que sería probablemente o pensamento dos nosos antepasados segundo se nos manifesta na romaxe do santo André de Teixido ou santo André de Lonxe, reminiscencias da mitoloxía naturalista dos nosos devanceiros celtas e castrexos que a igrexa soubo cristianizar tan habilmente porque está presente na máxima ou sentenza coñecida por todos "Ao santo André de Teixido vai de morto o que non foi de vivo" que é un adaxio ou dito que tamén admite "O que de morto non vai ao santo André de Teixido, foi de vivo". No mesmo proverbio xa se está presupoñendo a existencia da alma, existencia que moi ben soubo recoller a Igrexa que nos cristianizou.
Cando imos de romeiros ao santo André de Teixido recollemos tamén outra idea moi importante xa que te librarás de matar os animais que por alí deambulen, nin tan sequera molestalos ou intimidalos, aínda que sexan cobras ou lagartos desprezábeis noutros contextos, pero aquí son ou poden ser almas en pena daqueles descridos, indiferentes ou descoidados que ao longo da súa vida non se propuxeron ir ao santo André de Teixido como obrigaba a tradición e agora marchan arrastrando os seus corpos como réptiles e arrastrando tamén as súas culpas porque metidos dentro das súas escamas e das súas peles van peregrinando porque son almas que se reencarnaron en animais que peregrinan igualmente para cumprir o compromiso.
Todo isto ten tanto arraigo nas crenzas populares que nos manifestan datos incontestábeis da relixión dos nosos antepasados como crentes da transmigración das ánimas e aos que a Igrexa soubo cristianizar aínda que ela non comparta a idea da reencarnación en animais; tiña, por así dicilo, feito o camiño para trasladar un santuario naturalista e poñerlle o nome cristián do santo André de Teixido para continuar coa tradición celta ou castrexa das ánimas en pena e da Santa Compaña ou procesión de almas que percorren os camiños anunciando a morte de alguén próximo.
Con estas crenzas a Igrexa soubo introducirse dunha maneira total, mais sempre deixando que as relixións primixenias continuasen aínda que non compartise os seus pensamentos, coidando que no futuro todas as ideas fosen procesadas e engulidas polas súas.
BIBLIOGRAFÍA:
DICIONARIO R.A.G.
MANCIÑEIRA PARDO DE LAMA, Federico (2024).- San Andrés de Teixido. Historia, leyendas y tradiciones. Edición fácsimil de 1921. Arenas, La Coruña.
MARTIÑO DE BRAGA.-De correctione rusticorum (Javier Correa Corredoira. Espiral Maior. 1997)
PLATÓN.- La Republica o el Estado. Edic. de Miguel Candel. Edit. Espasa Calpe. Colección Austral.