A hidromancia é un tipo de adiviñanza que emprega a auga para predicir o futuro. A súa etimoloxía provén do grego "hidor"= auga e "manteia"= adiviñanza.
A hidromancia ten raizames moi antigos e foi practicada por diversas culturas ao longo da historia.
Pausanias no século II describiu a fonte de Epidauro, dedicada a "Ino" na que os pans eran arrebolados polos fieis coa esperanza de recibir un oráculo da deusa.

Se se aceptaban os pans que afondaban na auga, significaba boa sorte, pero se eran lavados por riba da fonte, significaba mala sorte.
Outro costume das antigas tribos xermánicas era tirar os pequeniños nacidos ao río Rin porque se pensaba que se o neno era ilexítimo, afogaría, mais se era lexítimo, nadaría.
No santo André de Teixido, un pouco máis abaixo da igrexa ou ermida, entre as penas, deita unha fonte con abondosa auga, limpa e fresca que lle chaman a Fonte do Santo, que os romeiros beberán, pois é un costume que, a modo de oráculo, acoden os devotos. A fonte ten tres canos e a auga mantense na cavidade ou pía que a contén e á que os romeiros arrebolan un cacho de pan que, se nada, é a proba de que as peticións que fixeses ao santo, cúmprense, mais se o cacho de pan afonda, sería un mal presaxio. Primeiro empezou a desaparcer o pío da fonte e despois o costume tan antigo e orixinal que debeu ter na nosa Galiza unha grande importancia nas etapas precristiás.
Antes a Fonte do Santo chamábase así porque tiña unha imaxe de pedra do santo André, pero tendo en conta que as fontes eran sagradas para os celtas e castrexos, sóubose que a citada imaxe foi posta para fundir as crenzas vellas coas novas confesións cristiás. Hai quen di que o manancial ten a súa orixe debaixo do altar onde se venera o apóstolo santo André.
O que non nos deixa lugar a dúbidas é que o culto á auga facíase na nosa Galiza e supoñemos que en toda Europa occidental, así como ás árbores e aos penedos e segundo Martín Bracarense (De correctione rusticorum) alá polo século VI aínda daquela os labregos galegos facían ofrenda de pan e viño ás fontes, por iso é moi probábel que este rito teña visos de ser moi común desde a noite dos tempos.
BIBLIOGRAFÍA:
MANCIÑEIRA PARDO DE LAMA, Federico (2024).- San Andrés de Teixido. Historia, leyendas y tradiciones. Edición fácsimil de 1921. Arenas, La Coruña.
MARTIÑO DE BRAGA.-De correctione rusticorum (Javier Correa Corredoira. Espiral Maior. 1997)