Testamento aberto (14)
Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 09 de diciembre de 2025
Esta segunda parte do cóctel de aventuras (azucres) e desventuras (limóns) da biografía do meu amigo e paisano Xurxo da Meda, máis que das súas confidencias libeina dos papeis que foi traendo á miña asesoría. O dereito fiscal estúdase nos libros en canto ás bases do mesmo, pero logo está o BOE, ao que hai que estar subscrito, e lelo acotío, para que non se nos escape unha coma, ¡que miúdos son os Inspectores de Hacienda niso de detectar erros! As peripecias, as peripecias e mailas picardías, súas, dos socios, da súa actividade en xeral, detéctanse, cuantifícase, por indicios, máis ou menos como fai a Policía, que no meu caso tiña a categoría de doutorado pola miña experiencia bancaria, que non hai mellores sabuxos cós directivos dun Banco para saber, para detectar, o cheiro da calaza especulativa.
As burbullas, e a inmobiliaria non pode ser menos, caracterízanse pola cantidade de aire, ¡de conto!, que son capaces de inxerir, de reter. ¿Si, ou non si?
Neste conto atraparon ao bo do Xurxo, que de mandar nunha cabra pasou a obedecer ordes e consignas doutra, doutra cabra, aquela das amañadas do mercado inmobiliario, que o puxo firmes, despersonalizado, bastante máis que cando desfilaba á cabeza do seu Terzo. ¡De noivo da morte a escravo da especulación, que parece un ascenso, aínda que non o sexa! Pero el sentíase feliz, feliz e realizado, que iso é importante.
As manipulacións sempre teñen máis raiceiras, máis aínda, cós toxos: Aquel Axente da Propiedade Inmobiliaria que lle fixo o favor de integralo na súa
, ¿masonería?, non nacera por xeración espontánea, que o xerou seu avó nada menos que desde Cuba. Aquel rapaz, dunha casa rica, non precisaba emigrar, pero fíxoo desde que soubo iso das progresións xeométricas. Na casa podíanlle pagar cota, pero el optou por embarcarse na Marola, ¡a única vez que non regateou os costos! Ía facer o mesmo o fillo dun dos caseiros de seus pais
¿Si; o caseiro, si, e eu, non? ¿Quere evadirse de traballar para nós? ¡Veremos se o consigue! Aló se foron, e aló buscaron traballo.
O fillo do amo díxolle ao fillo do caseiro:
-Como trouxen cartos, ti pos un ultramarinos, e eu o financiamento! ¡Repartimos as ganancias a partes iguais!
O fillo do caseiro nunca tal oíra, pero deixouse levar polo señorito, que tanto sabía que ata sabía termos por el nunca oídos. No sucesivo, o caseiro de gardapó; e o amo, de Amos anda, engravatado, cheirando a colonia e atusmándolles ás mulatas, que diso había o demo delas naquela Habana do azucre e do fornicio. O que nunca chegou a descubrir aquel caseiro foi o das facturas aportadas polo Amo, polo das maiúsculas, que nunca reflectiron o desconto acordado co almacenista, co provedor; percibido a metálico, sempre a metálico, polo Amo, ¡ben-sei-ora!, que por algo e para algo fora á escola, en Lugo capital, ¡de pago! Deste xeito o amo gañaba dúas veces: O desconto do almacenista, de entrada, e a continuación a metade dos incrementos percibidos polo Caseiro, que xa haberá que poñelo de maiúsculas polo importante que se sentía na súa abacería El Gallego. O nome do Amo, como menos importante, que da sombra non saía, ¿para que ía poñerse no rótulo da tenda?
Pero non parou aí a cousa pois aquel Amo estaba afeito a ter non un caseiro, senón varios, así que alugou locais, céntricos, estratéxicos, tomándose a molestia de acudir ao porto de La Habana cada vez que arribaba un barco de Galicia, ocasión na que apadriñaba a calquera con tal de que os vise espelidos, espelidos e descoñecidos, pois para coñecido chegáballe co Caseiro! Deste xeito, en dous anos, vinte tendas, e sempre no mesmo plan, favorecendo aos do gardapó, que xa lle bicaban os pés, cousa que nin se lles ocorría facer co seu anxo da garda; ¡e tiñan razón, tiñan a súa razón, pois o anxo nunca se lles mostrara!
A todo isto, por efectos da Lei Seca, aquela prohibition da Enmenda XVIII, os gringos colleron o hábito de ir ao ron á Habana. Ás mulatas á Habana os gringos sempre foran, xa antes da independencia cubana, que por iso había poucos tripulantes a bordo no momento da explosión do Marne, pero, ao ron? ¡Iso fomentouno precisa e oportunamente a propia Prohibition! ¿Onde o compraban, quen llelo vendía? O noso Amo, galego coma nós, pero máis áxil que moitos dos seus paisanos, que por algo era fillo de cacique, afeito que estaba ao porto da Habana, tomaba contacto, organizaba, mandaba, distribuía os cargamentos, pero sempre na sombra, que fai moita calor na Habana! Os caseiros tiraban da carreta, eles mesmos, e a catro pasos, a bordo! Non cobraban os caseiros, iso non, pois os pobres abondo facían con tirar das carretas; o Amo aliviábaos niso recollendo os dólares, e
, repartindo! Como tamén sabía dividir, os gaños repartíaos á súa maneira, sempre coa consideración de que os Caseiros non se volvesen Amos, que non lles cumpría xa que non estaban afeitos a selo!
Para o Amo as mulatas estaban ben, pero só ata certo punto, pois para nai dos seus fillos, dos lexítimos, escolleu a filla dun naviego, casado, casualmente, cunha rica-femia de Vilalba, localidade lucense onde seica tiñan un pazo
Medraron os fillos do Amo, criándose con dobre nacionalidade, pois en Galicia tiñan pazo, caseiros, casas alugadas
; ¡a intemerata! E ben que lles pintou pois cando foi o crac de Nova York, os fillos do Amo repregáronse, co velliño, para a súa terriña, tan súa que era, centos de hectáreas! Pero non parou aí a cousa pois o que se quedou en Vilalba, cando a guerra de España, con tantas miserias, fillos mortos ou perseguidos, cartillas do racionamento, escaseza de medicinas, e un longo etcétera, abundaron as familias que se acolleron aos seus préstamos caritativos, escriturados baixo a indulxencia de Vendas con pacto de retro. Como aquel amo tiña tanto a que atender, cando chegaba o vencemento e aqueles debedores acudían ao pazo do prestamista, aínda que o deberan facer máis ben a un Xulgado, e depositar o reintegro, coa desgraza de que o seu benfeitor, nesas ocasións, ¡ouh casualidade!, sempre estaba ausente, como pouco, no cuarto de baño, e de alí non saía! Con estas caridades os méritos desta familia foron tan grandes que colleron medo, e, deixando un administrador en Vilalba, distribuíronse, uns en Santiago, outros en Madrid, outros na Coruña
Precisamente o neto da Coruña, fiel á tradición familiar, abriu unha Axencia da Propiedade Inmobiliaria, coa oportunidade da reconstrución, extensión urbanística, da posguerra. Claro está, el non podía atender a todo, así que, ben ensaiado que o tiñan, dedicáronse a patrocinar construtores que desen a cara, e fixesen os traballos sucios, e cos sucios os arriscados e mailos pesados
, rede salvadora na que acabou caendo, como tantos outros, o noso Xurxo!
-.-
-Pásolle unha chamada; di que é don Xurxo
-Xurxo, pásache algo
para non vir! É a primeira vez que me chamas ao Banco.
-¡Deume un cólico, pero igual tes a menciña! Teño que verte á noite, sen falta, pero na túa casa
-Se estás mal, vou eu, aí, a onde paras; ¿ou onde estás?
-Estou nunha obra, e fáloche polo teléfono provisional, polo que temos aquí, así que non podo ampliar. ¡Vémonos!
-Si, ho, que xa irei cedo para a casa.
Nin que dicir ten que o esperei intrigado, e incluso preocupado, pois o seu acento, a súa forma enigmática de falarme, non facía presaxiar cousa boa.
-O caso é que non sei como comezar
-Polo tellado, non, e iso que é a túa especialidade!
-Os pisos sempre os vende o compañeiro, que el está máis práctico niso, pero aquel día presentouse un comprador, que se lle antollou o sexto
, nesa obra de Peruleiro, e díxome que o atendese, que tiña présa, que tiña que volver para Asturias, que andara buscando piso porque vén destinado para Coruña; que se deixaba rematado, mandaba directamente o camión das mudanzas. O socio non daba vido, e o señor acelerábaseme. O da A
, xa me entendes, o socio A, o da Axencia, tíñanos dito que había que vendelos en 600.000 pesetas, cobrándolles, a título de fianza ou anticipo, 60.000, que o resto, 540.000 era o que se ía poñer na Notaría, onde tamén tiñan que pagar ao contado. Eu, que son parvo, que ben o levo demostrado en tantas cousas, acepteille un talón bancario, ao meu nome, que me insistiu en que cartos non levaba encima
, posto que non vivía na Coruña, e os Bancos xa cerraran!
-Xurxo, un cheque? Nin case fai falta que me contes o resto, que xa o adiviño. Despois de escriturado denuncioute por cobrarlle esa prima encima do que pon a Cédula de Calificación Definitiva, non si?
-¡Estes de Montecubeiro
, e por engado, banqueiro!
-Banqueiro, non; bancario, e chégame!
-Para o caso
En resumidas contas, aquí me tes, de cólico, que había ben tempo que non tiña un desgusto dos gordos. O socio A, ademais de rifarme, como nunca me fixeran, nin na Lexión, ameazoume con botarme da sociedade se volvo a meter o cazo no seu pote do caldo; e non só iso, que teño que apeitar, a título persoal, coas consecuencias, gastos de avogado
, o que veña! El, pola súa parte, só me dixo que é amigo do Xuíz, pero sen darme esperanzas; que se o fallo é condenatorio, as 60.000 terei que devolvelas eu, a pesares de que a cobranza do cheque xa a embolsou el, o A. ¡Se nos descualifican a casa, adeus á miña, que nin sei se me quedará para pagala! ¿É, ou non é, cólico, un cólico terminal!
Véuseme unha luceciña á cabeza:
-Se che dixo que é amigo do Xuíz, algunha esperanza ten; a dificultade está na túa resposta xudicial, alegar que o cheque foi para outra cousa, pero..., ¿como demostralo? A todo isto, ¿ese asturiano xa está aquí, trouxo os mobles?
-Tenos na casa, e me parece que xa vive no piso que lle vendemos.
-Daquela, e conste que só o fago pola amizade que che teño, vou falar co asturiano, eu mesmo. Se vén a razóns, despois de defender a túa inocencia no caso, ¿autorízasme para compensarlle os quebrantos, pois de balde, o que se di de balde, aínda que el estivese conforme, a súa muller non llo vai consentir! ¿Que che parece se lle ofrezo cen mil pesetas, sumando as sesenta con outras corenta, en concepto de resarcimento, e que retire a demanda, ou alegue que foi un mal entendido, que aquelas sesenta non foran prima, senón á conta das 540.000? É unha solución algo trapalleira, pero non se me ocorre outra! No sucesivo, o estraperlo que o faga o socio A, que ti está visto que non vales para traballar neste teatro!
Deume unha aperta e foise ledo, ou polo menos, esperanzado, pero eu non o estiven menos o día que pactei con aquel asturiano. O pecado quedou perdoado, pero
, coas cen mil de penitencia!
-.-
Unha tarde presentouse na Asesoría cun brazado de papeis para que lle fixésemos a Declaración da Renda. Noteille que se facía o preguiceiro, que non tiña ganas de irse, como se me quixese contar algo, así que mandei á Secretaria a un recado á papelería para quedar a soas.
-Desembucha, que te coñezo!
-Mira, ho, -que era o seu remoquete, o seu derrame do motor-, o caso é que daquilo da prima, ¿que da prima, do primo, da primada que fixen!, quedei un tanto avisado con respecto ao porvir que me espera na compañía, e como fixemos bos gaños nesa torre de Peruleiro, ándame na cabeza poñerme, simultaneamente, á construción da miña, aínda que vai ser un esforzo grande, coma aqueles dos cento sesenta pasos, pero se a sociedade se vai ao carajo, ou temos perdas..., pois iso, que non quede o meu refuxio sen facer!
-Alá ti, pero eu queríache falar dunhas parcelas que se venden aí na Zapateira, na Chousa do Cura, e conservándoas algún tempo, ata que se vaia saturando ese barrio, podías ganar
-¿Ganar; para que, ou para quen; para os fillos, ou para os netos? ¡Non os teño!
-Algún promotor coñezo, eu tamén, que non ten familia e ben que se afana; un deses case é veciño noso, de aló de Caraño
-¡Xa o coñezo; ese Cortón, un forofo do Deportivo! Pero eu teño deporte abondo co que fixen naqueles tres anos de Gastador da Lexión. ¿Non din que, o que moito abarca aperta pouco? A min déixame co que teño
Pero aínda non cho dixen todo, que os meus socios andan detrás duns solares aí na Agra do Orzán, que nolos vende un señor que ten un matadoiro
-Xa o coñezo!
-Nesa zona, se non pasamos, non sei se de catro ou cinco andares, non esixen ascensores, e iso, para min, tan afeito aos de Suíza, non me convence, que virán máis emigrantes, e virán de vellos, e molestaranos as escaleiras
-Niso douche a razón. ¡A ver se os convences para que as fagades con elevador!
-Intentareino; pero, do meu, que aínda non me deches o teu consello?
-Creo que me coñeces dabondo para saber que non me gustan as cousas mal feitas; á túa, polo menos á túa, ponlle bos materiais, que se te ves escaso, algo poderemos aportar no Banco, un crédito. . .
Xurxo, como bo galego, sempre retorcendo. . .
-Mira, ho, contra os bancos teño unha cousa: que alí na Meda os homes sentábanse neles, e as mulleres fincábanse nas selas. ¡Daqueles xebramentos igual me veu o da miña mala sorte coas mulleres, pois, de tanto vivir separados, eu tiña a febre de achegarme a elas, co cal súas nais comezaron a desconfiar... ¡Pero isto xa cho teño contado!
-Tráeme os últimos planos, os do proxecto definitivo, pois, aínda que eu, de facer casiñas no monte, daquela, cando andaba coas ovellas, non pasei, igual se me ocorre algunha modificación; quero dicir, algunha suxestión! -Maticei.
Niso quedamos, e volveu a marcharse agradecido, que en definitiva era o que el quería, que falásemos dos seus planos, dos seus planos e dos seus plans, pero Xurxo aínda ten pegado aquilo da nosa terra de, Vou dicir ao que veño, e seguían falando doutras cousas, ata que daban vencido a súa timidez. ¡Pódese ser lexionario e ser tímido nos falares, ben o sei!
-.-

Gómez Vilabella, Xosé M.