Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - martes, 11 de noviembre de 2025
Baixo o influxo da lúa vella

Candil que se apaga. Escuridade que asoma. Lúa vella. Coa lúa vella os lobos oulean. En algún lugar, alguén pasa amodiño. Noutro, alguén senta. Tinta azul que esvara por un papel que xa non está tan branco. Nostalxia dun tempo que foi. O tempo é o que pon a cada un no seu sitio. Aínda que hai moitos que non saben onde están, nin onde viven. Viven por vivir.
Feixe de palla. Reata que ata, que amalloa os feixes. Pinallo de carro. Rabela do arado. Galiñeiro, agora mesmo, baleiro. Cortello de porcos. Xeada de inverno. Caldada de pote. Pote na lareira da señardade. Hai xente que asubía onde ten que cantar. Hai lobos que oulean cando ten que oulear. Eles saben moi ben cando teñen que oulear... baixo o influxo da lúa vella. Hai lúa vella no ceo molgués.
Pingas de Orballo Fachuzo que alumea. Claridade na noite. Aira en silencio. Do canastro só queda o esqueleto. A memoria, ás veces, é efémera. A alegoría é a representación dunha idea abstracta, unha acción moral, onde de ordinario cada elemento representativo corresponde a un elemento da idea representada. É dicir, un símbolo, un emblema, unha insignia, unha imaxe, unha iconografía. Ou sexa, que todo foi, todo é e todo será.
Verbas sisudas non queren testemuñas. Como se alegra o corvo do que fai o lobo. De alcalde a verdugo mirade como subo. A troita e a mentira, canto maior, tanto mellor. Quen con lobos anda a oulear aprende (hai moito tempo que ouleo). A formiga foi mexar ó mar e dixo que era unha axuda. Non hai refrán vello que non sexa verdadeiro. Segue a lúa vella sobre a miña cabeza.

Por medo?

Abre a boca. Vas notar unha pequena picada, Cerra a boca. Mentres a anestesia fai efecto, pequenas bromas sobre a mala fama dos dentistas. Máis ben, sobre o medo ós dentistas. Si, habíaos brutos. Tamén é certo que os seus instrumentos eran outros. Como en todo: o tempo pasa e algo se mellora.
Abre a boca. Empezamos. Se notas algunhas molestia, dilo ou ergue unha man, etc. Pechamos os ollos. Por que pechamos os ollos? Porque nos molesta a potente luz que lles alumea a eles? Non creo. Todo sería cuestión de non mirar para o resplandor. Porque nos dá apuro mirarlle ós ollos á dentista ou ó dentista? Poida que, ás veces, si; mais non creo que ese sexa o motivo. Porque nos pode salpicar algo da porcallada cando nos furgan nese dente ou dentes? Tamén poida que si, pero... Pero eu creo máis ben que cerramos os ollos por ese simple feito de non ver, ou sexa, ollos que non ven, corazón que non sente. É dicir, non sentir o medo. Todo se basea no medo.
Aínda que, eu, nunca lle tiven medo ós dentistas. Precisamente pola anestesia. Mentres haxa anestesia, non hai dor. Mentres non haxa dor, todo vai vento en popa. Sempre me molestou, iso si, a saliva esa que xera a boca e que semella que te afoga. Así como tirarse moito tempo coa boca aberta. Acaba cansando. Tamén acabo con dor de mans. E que terá que ver as mans coa boca? A tensión! Aperto os puños de tal forma que non tardo en notar a dor. Por medo?
Abre a boca. Cerra a boca. Abre outra vez. Masca no plástico. Freta no plástico. Enxauga a boca. Abre a boca. E notas os instrumentos. E oes os utensilios. E miras para o teito. Aínda que a maioría do tempo os ollos estean pechos. Por medo?
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES