Excmo. Alcalde Presidente do Concello de Lugo
Timiraos, Ricardo - martes, 11 de noviembre de 2025
Excmo. Alcalde Presidente do Concello de Lugo
Lugo
Excmo. Señor:
Vaia por diante a miña felicitación para vostede, e a Corporación que tan dignamente preside, polo exemplar comportamento e recoñocimento de dúas figuras senlleiras, que Lugo tivo a sorte de acoller e disfrutar. Valorar o traballo e a dedicación de dous persoaxes da categoría humán e intelectual, tanto de D. Rafael de Vega Barrera coma de D. Xesús Alonso Montero, non só debera ser unha obriga, senón un lexítimo orgullo para a Cidade. Noraboa por ise recoñocimento. ¡Mágoa que non houbera milleiros de homes coma eles!
Nos tempos de hoxe bó sería aplicar aquela vella enseñanza relixiosa: "Polas súas obras, os coñeceredes". Libres de etiquetas e envexas de xentes ruíns.
O meu paso por Lugo foi como alumno de D. Xesús e a él debo, a maís de sentilo como amigo, ise namoramento da nosa Língua. Escribín fai anos:
"Se Deus, para face-lo mundo,
Galicia colleu de espello,
non sería de estrañar
que para enseña-lo amor
usara o idioma galego".
Só un mestre, coma D. Xesús, que cree no seu labor é capaz de sementar isas verbas soñadoras que alimentan a vida. E D. Xesús sementounas en moitos de nós. Sigo sendo, aínda que a miña modesta producción sexa case toda en castelán polo efecto migratorio, un eterno alumno de Alonso Montero. Gratitude sempre, meu querido D. Xesús.
En canto a D. Rafael, a quen coñocín por algúns escritos da súa figura, coido que a barbarie da Guerra Incivil cometeu otra gran inxustiza con él. Limpando as nosas bágoas daquela Desfeita, tiven a sorte de ter un pai que sementou en nós o perdón -O Vello Cárcere de Lugo sabe de que falo- e aprendín que é o verdadeiro camiño para unha reconcialización sincera e supón un fermoso paso nise senso. Loable paso dado polo Concello de Lugo, que supón a esperanza de bó xuizo, de reparación e concordia... E nobleza obriga.
Vaia pois a miña felicitación máis sincera para todos vostedes.
Atentamente,
Ricardo Timiraos Castro
Viveiro - Colmenar Viejo - Madrid

Timiraos, Ricardo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora