Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - viernes, 07 de noviembre de 2025
As présas tamén minguan

Baixo un manso silencio, Lourenzo Cougil Dumas estaba a pasear pola rúa Bugallal de Baños de Molgas. Pasos curtos e lentos. O tempo das súas présas xa pasara. A idade trotara como cabalo de batalla pola súa existencia. O seu ritmo, agora, que remedio, era pousado, alguén pensaría incluso que con pachorra, pero non; non daba para máis.
A Lourenzo chamábanlle O Santiagués. Nunca foi nin nunca viviu en Santiago. Puxéranlle o alcume polos Pingas de Orballo contos, polos cómics de El Capitán Trueno. Este personaxe, ó entrar en batalla sempre exclamaba "por Santiago y cierra España". Lourenzo Cougil prendeuse desa apostila que, sabíase que máis cedo ou máis tarde, algún alias sairía de aí. A xente do rural, desa mal chamada Galicia profunda, tamén é lista.
Así mesmo era normal (e é normal) que cangue coa saca porque, aínda hoxe, a 50 ou 60 anos das súas lecturas infantís, de cando en vez ou mesmo moi a miúdo, solta o famoso "por Santiago y cierra España". Por certo, as únicas palabras en castelán que pensamos que usou e usa na súa vida. Le en castelán, mais falar sempre falou en galego. Sempre. Mesmo naqueles anos nos que, na escola e no colexio de Os Milagres, o obrigaban a facer uso do castelán. El non, el seguía coa súa teima e non había maneira; nin tan sequera cando a regra do mestre caía con forza sobre as súas mans. En Os Milagres, os curas xa o deran por imposible.
O Santiagués vai e vén pola rúa do Bugallal. Cando cansa senta nunha pedra, nun mazadoiro posto ex profeso para el. Foi el mesmo quen o colocou ó notar que as súas présas minguaban.

Os morcegos

Notifiquei o asentamento dun pensamento que tiña gardado nun recanto do tempo. O tempo é o de menos. E o pensamento... o pensamento versaba sobre o ir e vir, sobre o arrandeadoiro dun morcego. Os morcegos, pobres, tamén merecen a nosa atención. Só que sexa polo mero feito de ter unha baixa agudeza visual. A fama esa de chuchar o sangue débese máis ben ó cine de terror.
Ademais, con todo o que lles fixemos pasar de rapaces, ben merecen agora unha pequena gabanza á súa existencia. De rapaces acosabámolos nos canellóns de Baños de Molgas cunhas varas longas para intentar zouparlle cando pasaban por enriba das nosas cabezas. Si, era unha caza de diversión, unha caza de nenos inocentes, pero caza. Máis dun caía medio ferido, medio morto e, non contentos con iso, colliámolos polas ás e intentabamos estudalos, experimentar, mesmo os faciamos fumar.
Os morcegos, co tempo, convertéronse en todo un símbolo, en toda unha icona, en todo un xénero cinematográfico. Imos ver unha de vampiros, se dicía. E sabiamos que aparecerían, primeiro, covas cheas de morcegos, que algún destes conseguía morder a un humano e aí empezaba a vampirismo de toda a contorna. E xa postos, asomaba o conde Drácula, que era morcego e vampiro de noite, polo que non tardaba en saborear, principalmente, os pescozos das mulleres de pel fina. Os morcegos colleron mala fama, pero son uns marabillosos mamíferos ecolóxicos. Controlan pragas de insectos e pequenos vertebrados.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES