Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Reflexións do meu amigo Balbino acerca de...

Curros Neira, Jesús - viernes, 07 de noviembre de 2025
O que fixeron os españois en América e todas esas andrómenas

Atopei o pasado día doce de outubro ao meu bo amigo Balbino dando un tranquilo paseo por un parque próximo á súa casa. Estaban neses momentos a retransmitir pola tele o desfile militar co que as nosas autoridades celebran a festa do descubrimento de América. Pero a verdade é que nin a Balbino ni a min interésanos moito esas cousas dos desfiles nin as celebracións oficiais, agás cando o noso presidente púxose á beira dos reis coa súa muller a dar a man á xente invitada na recepción no Palacio Real de Madrid. Iso foi, sen dúbida, unha anécdota para a lembranza, inda que os seus protagonistas seguramente preferirán esquecela. E non estou a referirme precisamente aos reis, que quede ben clariño.
Mais, ao marxe dos actos desa data -que non deixan de ser bastante aburridos-, o que interesaba a Balbino nesa xornada festiva era comentar o que está a pasar dende hai un tempo tanto na outra beira do Atlántico como nesta. E qué está a ocorrer?, preguntarán os nosos lectores. Pois ben, a cousa é que algúns revisionistas da historia, influenciados polos seguidores desa andrómena importada dos Estados Unidos que é a ideoloxía woke, e os gobernos hispanoamericanos vencellados ao Grupo de Puebla consideran agora a Colón un aprediz de xenocida, aos conquistadores españois como asasinos, e aos evanxelizadores como uns tipos que non foron alá máis que para acabar coas culturas autóctonas dos habitantes disque orixinarios da América precolombina (uy, perdón; quixen dicir da América de antes de que chegara toda esta xentalla a poñer fin ao paraíso azteca e inca). Dende hai un tempo dedícanse naquelas terras de ultramar a derrubar estatuas, a cambiar nomes de rúas e a esixir ao noso goberno que pida perdón axeonllado e dándose golpes de arrepentimento no peito: eu pecador me confeso... son un xenocida!
E pregúntase Balbino: Pero seica esta xente non leu nin un libro de historia de Primaria? Porque, imos ver, Cristóbal Colón -que disque era xenovés, inda que hai quen pensa que naceu nada menos que en Pontevedra- non foi alá para matar, escravizar o roubar a ninguén, que Balbino saiba. Colón só pretendía chegar á India e a Catay, ou sexa, o que agora chamamos China, e atopouse cun obstáculo no medio do seu camiño que resultou ser América. Iso foi o que ocorreu o 12 de outubro de 1492. É posible que outros europeos visitaran antes aquelas terras, temos a certeza de que os navegantes viquingos chegaron ata a Groenlandia e as actuais costas do Canadá, pero o problema é que estes descubrimentos non trascenderon. Ninguén no vello mundo decatouse de que aquelas terras estaban alí, e as xentes que as habitaban vivían nun estado un tanto calamitoso, dominadas por imperios que mataban ou escravizaban aos seus inimigos. Así estaban as cousas alá cando chegaron uns cantos tipos de Castela, non moitos, e contactan coas xentes asoballadas por eses imperios sanguentos. Inmediatamente os pobos dominados polos aztecas se rebelan e, guiados por Cortés e un puñado de casteláns, céibanse das cadeas. E temos que pedir perdón por iso? Nós? Daquela era mellor que continuaran sacrificando inimigos vencidos para consagrar os seus templos coa sangue das vítimas? Seica era preferible que seguisen comendo os corazóns palpitantes dos seus reféns, e mesmo de nenos de poucos anos?
Certamente non se pode negar que houbo abusos por parte de moitos colonos, que os tipos que recibían encomendas fixeron non poucas falcatruadas e que frei Bartolomé de las Casas conta historias arrepiantes do trato que algúns suxeitos malignos daban aos indixenas que recibían das autoridades para coidalos e evanxelizalos. Pero estes comportamentos detestables deben achacarse a persoas particulares porque dende o primeiro momento da conquista e colonización de América os Reis Católicos ditaron as primeiras Leis de Indias, que tentaban protexer a estes novos súbditos da Coroa de España. E ao longo de máis de tres séculos a poboación indíxena, que durante as primeiras décadas sufriu as guerras de conquista e o castigo de pragas e infirmidades para as que non tiñan protección, creceu e misturouse cos españois que viaxaron ao Novo Mundo para facer fortuna. Deste xeito, cando a comezos do século XIX os crioulos se levantan contra as autoridades coloniais, a poboación dos pobos precolombinos formábana millóns de persoas que van colaborar cos españois en contra das elites crioulas das que non se fiaban. E tiñan razón para desconfiar, porque foi despois da independencia das repúblicas americanas cando peor o pasou esta xente, sen a protección dos virreis españois e das Leis de Indias. En algunha destas novas nacións leváronse a cabo auténticos exterminios dos pobos indíxenas. Como di Balbino, hai cousas que é mellor calar.
Pero hai outro aspecto do período colonial do que non falan políticos como López Obrador ou Maduro e é a rica herdanza cultural que España deixou alá. Só en México hai oito cidades coloniais Patrimonio da Humanidade. En toda América quedaron espléndidas catedrais, igrexas, conventos, palacios e recintos murados. A Coroa de España creou alí dende o primeiro momento universidades e imprentas. Isto non é importante? Cantas cidades Patrimonio da Humanidade crearon os ingleses nos Estados Unidos ou en Australia? Cantas catedrais construíron? Ah, seica ningunha. Esa xente dedicouse a facer diñeiro alá e levalo para Inglaterra sen deixar nada nas súa colonias. E temos que pedir perdón nós?
Pero o malo non é que certos dirixentes americanos non teñan nin idea de historia, non. O malo é que algúns políticos españois pensan o mesmo, e mesmo hai idiotas que entran nos museos a estragar obras de arte porque nelas aparece Colón. E a guinda a tanta incultura a tivemos recentemente, cando o goberno de Sánchez pediu perdón a México pola conquista. Por certo, sen acordar a cousa coa oposición nin votalo sequera no Congreso.
Pois ben, Balbino acepta que se pida perdón á señora Sheinbaum. Pero agora agardamos que a señora presidenta de México nos pague o que custou construír a catedral do DF, que non se fixo con catro pesos; e que despois a peche para recuperar os cultos aztecas, que volvan sacrificar xente aos deuses e que consagren os seus templos con sangue; e, por último, que esquezan a lingua española, que é parte desa herdanza que tanto lles amola, e volvan falar en azteca. E xa de paso, que a presidenta de México pida perdón a todos os pobos escravizados polo emperador azteca antes da chegada dos malvados españois. Nós xa empezamos, agora tócalle a eles, non si? Pois iso...
Curros Neira, Jesús
Curros Neira, Jesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES