Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As cores negras da globalización

viernes, 02 de octubre de 2009
A fermosa muller negra leva con coidado a culler ata a boca do ancián. O home come ensimesmado. E a muller limpa coidadosamente unha gota de sopa que pinga.
A escena ocorre na terraza dun bar. Ou na cociña dunha casa. Ou nunha das infinitas residencias de vellos. Inmigrantes coidando de nós, traballando nos traballos que rexeitamos, mantendo o músculo de economías que medran mellor mergulladas, traendo fillos e futuro a unha terra con poucos nenos.

Vense monxas negras rezando nos duros conventos dun silencio de pedra. Ou curando, enfermeiras, as dores máis crónicas. Non falta moito para que sacerdotes de pel negra ocupen as igrexas baleiras catequizando a un país descrido que só adora ós deuses escuros do diñeiro.

Poñeremos un millón de gardas civís e o dobre de policías vixiando o arame de espiño das fronteiras ou ese corredor da morte do estreito de Xibraltar. Pero os condenados pola fame, a corrupción, a SIDA, as guerras do fin do mundo e a miseria seguirán morrendo. E tentarán entrar no paraíso saltando sobre os cadáveres dos que foron derrotados.

Contan que en África hai países enteiros onde, como no inferno de Dante, perderon toda esperanza. Contan que nos países veciños do Magreb unha natalidade desbordada fai que unha porcentaxe altísima da poboación teña menos de vintecinco anos. Esa inmensa rapazada é invitada a cotío a través do ollo tramposo da televisión a un banquete farturento, pero xamais poderán sentarse na mesa dos ricos.

Por iso veñen. Por iso seguirán vindo. E morrendo. Porque saben que na illa de Manhattan, o corazón de neón dos cartos máis desapiadados, hai máis terminais telefónicas que en todo o continente africano.

Seguirán tentando entrar nunha sociedade de consumo que, se exportara o seu modelo inviable de vida, precisaría tres planetas azuis como o noso para sacia-lo insaciable apetito de Occidente.

Tentarán entrar unha e outra vez agora que saben que un cidadán estadounidense consume cento cincuenta veces máis de enerxía que o cidadán dun dos principais países productores de petróleo: Nixeria. Nos Estados Unidos chegaron xa ó desbarre consumista: máis coches que conductores.

Seguirán vindo porque son ben conscientes de que a presión sobre o medio para manter os privilexios consumistas dunha inmensa minoría estragou ecoloxicamente e esgotou os recursos dos seus países de pel escura.

Veñen e seguirán a vir porque alguén lles contou que aquí arriba tratamos mellor os cans de pel branca que aló baixo tratan ás persoas de pel negra. Gastamos máis ou menos a mesma milmillonada de euros en comida para mascotas que na loita contra a fame.

E ademais saben que os nosos nenos, tan gordos como mal alimentados, teñen escasas posibilidades de morrer coa SIDA ou de que algún tirano mantido por cartos de pel branca lles corte as mans en Sierra Leona, ou os recrute para o seu exército en Liberia, ou os viole no seu harén en Zaire.

O consumismo que nos consume fai que esteamos enfermos de opulencia. Pero non somos máis felices, e condenamos a parte da nosa mocidade a un camiño cara a ningures, a ser rebeldes sen causa, a instalarse cronicamente no presente, incapacitados de soñar.

A entrada no ceo de pel branca ten un altísimo prezo de desprezo que están dispostos a pagar: non son benvidos.

A muller negra, fermosa como unha princesa, remata de dar a sopa ó ancián perdido nas corredoiras do alzheimer. Co pano branco limpa coidadosamente os beizos do home. Delicadamente. Cunha infinita tenrura.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES