Flores, cirios e velas
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 04 de diciembre de 2025
Chegou o día de outro dos espectáculos da Igrexa Católica. O primeiro espectáculo é a morte e paixón de Cristo, que tódolos anos nos presentan como un auténtico espectáculo macabro e circense e como xa o coñecedes, non o vou a describir, sobran palabras.
O outro dos espectáculos trátase do día de DEFUNTOS, ese día, no que os veciños se gastan o que non teñen para mercarlles flores, cirios e velas aos seus seres queridos que xacen nos cemiterios.
Non nos serven flores do noso xardín. Non nos serven flores do xardín dun amigo ou veciño. Non valen flores do noso horto. Non, teñen que ser flores da floristería que neste día custan tres veces máis, que o resto do ano. Millóns de euros que España ten que inverter en países estranxeiros aos que lles mercamos as flores. Tras Países Baixos, os países que máis flores lle venden a España son Colombia con 11,6 millóns de euros, Ecuador con 14,4 millóns de euros, Portugal con 6,7 millóns de euros e Italia 12,8 millóns de euros respectivamente. Pero amigo, o que importa e lucirnos e facerlle competencia ao nicho de o lado coa a nosa mini capela funeraria diante da sepultura.
Pero, de onde vén esta macabra tradición?. Pois veredes, esta macabra tradición vén desde que a Igrexa Católica se impuxo a todo o habido e por haber, incluso a tódolos reis de tódalas nacións. E todo, no nome de Deus e de Cristo.
Resulta que desde tempos inmemoriais, a Igrexa Católica ou o Vaticano (chamádelle como queirades), prohibíronos ducharnos, alegando que a ducha era malísima para a nosa saúde e que Deus non o permitía. De feito, aínda hoxe en día as monxas e curas teñen prohibido ducharse ou lavarse con xabóns aromáticos. Pero claro, o que ocorría, era que logo despois, durante as misas e actos relixiosos en interiores había tal cheiro nas igrexas e locais de culto, que trataban de contrarrestalo metendo flores aos pés das imaxes dos santos, porque así, as flores eran distribuídas por todo o templo. Á parte de iso, temos que lembrar que o incenso era outro dos ingredientes por medio do incensario, que nos disimulaba ese enorme cheiro popular. Un exemplo moi grande, o enorme incensario da Catedral de Compostela que se "tirabolaba", por todo o templo precisamente, porque os peregrinos de tanto andar aínda cheiraban moito máis.
Por outra banda, temos que engadir os cemiterios, pois claro está, os cemiterios antigos non tiñan as medidas de hixiene tan estritas como agora e por iso, o cheiro dos defuntos facíase notar, e tamén se disimulaba carretando flores e sobre todo, cando eran días sinalados como o día de Fieis Defuntos.
Hai que engadir, e non sei se o sabedes, que está prohibido levar os mortos a dentro das igrexas por motivos de hixiene, pero a única igrexa que cumpre con esa norma desde fai moitísimos anos, é a Igrexa Parroquial de Santiago de Foz, a nosa Igrexa.
Pero iso non é todo, por que naceu o famoso "Ramo de Azar", para as noivas?. Pois queridos amigos, ese famoso ramo, naceu pola mesma razón, pois os noivos para casar na igrexa, debían ir sen ducharse e para evitar o seu cheiro, a noiva levaba un ramo de Azar e o noivo algunha que outra flor no ollal, peto ou outro lugar da chaqueta.
Pero claro, hoxe en día ese efecto "floristeiro" non nos serve para nada, por unha banda, porque máis ou menos o que non se ducha, lávase por "parroquias" e por outra banda, as flores de hoxe en día, non cheiran a nada, por iso a moitos lles serven as flores de plásticos, que mercan moito máis baratas nos "Chinos", duran moito máis aínda que son moito máis prexudiciais para o medio ambiente.
E por último, os cirios e as velas. Outro conto máis que nos inventaron como as famosas "mariposas" en aceite, que supostamente nos dixeron sempre que eran para "iluminar aos mortos cando vagan na escuridade das tebras", contradicíndose coma sempre, cando nos din que "Ao fin dos tempos, Cristo volverá sentado á dereita de Deus Pai para xulgar a vivos e mortos", polo tanto, iso quer dicir, que ningún morto deambula na escuridade nin na luz, porque o fin dos tempos nin chegou nin se sabe cando vai chegar.

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)