A ra xigante
Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán) - jueves, 20 de noviembre de 2025
Os que vivimos na costa á beira do mar, sabemos perfectamente que o mar nos trae sorpresas con moita frecuencia. Paseamos, sobre todo en tempo de inverno pola costa ou polas praias, e nos encontramos varados na area con cousas que nos sorprenden. Poñer como exemplo ver as "anatifas" que semellan ser percebes, de cómo se aferran a calquera obxecto flotante para acabar aparecendo mortos nas praias. Ou ver como moita xente recolle os "ollomao" ou "bítere" e que ninguén sabe que ese é un opérculo calcáreo que obtura á caracola "astrea rugosa", e que a moitas mulleres lles fai a ledicia de levar ás xoierías para convertelos en aneis, pendentes, pulseiras ou colgantes, un amuleto que se di que trae boa sorte.
Tamén vemos troncos de árbores que xa desgastados polo trote no mar, forman figuras estrañas e ás veces cachiños pequenos que levamos para a casa para decorar nas nosas estanterías dos mobles.
Hoxe en día, cando vemos cousas raras ante nós ou uniformes, sempre se nos ven á mente o do "cambio climático", sen recordarnos que todos eses fenómenos son produto natural do arrastre da auga do mar da que nos esquecemos que é poderosa, porque non deixa de ser un mineral e xa non falemos do efecto que deixa na formación das xógaras.
Pero claro, ás veces xorden fenómenos naturais que non lles encontramos explicación, porque claro, nós non temos os estudos ou a formación suficiente para saber a propia natureza deses fenómenos e explícovos o que quero dicir: Fai moitos anos, ben o recordaredes, vimos no cine en Foz a película "20.000 Leguas de Viaxe Submarino", unha película baseada na novela do famoso francés Xulio Verne, en dita película hai unha escena na que unha lura xigante ataca ao submarino "Nautilus" aferrándose ao navío e que incluso chega a atrapar ao propio capitán Nemo, ideador e capitán da nave.
Pois ben. Cando saímos do cine, pensamos que o da lura xigante era ficción, que era obra da imaxinación de Xulio Verne, porque nas nosas costas nunca víramos luras xigantes nin nunca na nosa vida de nada parecido escoitáramos falar. (Aclarar, que na película non falan de "lura", falan dun polvo xigante, pero puido ser un defecto de tradución, xa que a película non é española e ao traducir por encefalópodo, pensouse nun polvo e non nunha lura, pero víase con claridade que se trataba dunha lura e non dun polvo).
Quen nos dixera a nós, que anos máis tarde poderíamos comprobar a existencia de luras xigantes no noso propio país, ou sexa, na chamada "fosa cantábrica" entre Asturias e Galicia, onde xa apareceron luras de ata catorce metros de lonxitude e dun peso aproximado aos trescentos quilos. Están no "Centro del Calamar Gigante de Luarca" en Asturias conservados en formol.
Pois ben, todo isto venme ao caso, porque estes días, encontreime cun garda civil moi amigo meu co que tomei un café nun bar e charlamos de moitas cousas, pero unha delas, deixoume pasmado de todo e quérovola contar.
Falábame este garda civil, que fai máis ou menos mes e medio, apareceu en Fazouro, concretamente na praia da Pampillosa unha ra xigante. Unha ra que trouxo aos biólogos intrigadísimos e ás propias autoridades aínda que nun principio trataron de ocultalo para evitar a masificación de persoas nas dúas ribeiras do río Ouro.
Resulta que, ao parecer, dous rapaces de Fazouro estaban pescando no río Ouro, pero xusto na desembocadura na Pampillosa. De súpeto, os rapaces observan un estraño animal sobre das enormes pedras que forman o dique que conducen o río ao mar. Os rapaces miran pasmados aquel becho de enormes dimensións e decátanse que se trata dunha ra enorme. Temerosos os dous, bótanse a correr deixando quedar as canas de pescar e os cestos e foxen de cara á estrada que vai de Foz a Nois e ao chegar á ponte, páranse e miran desde a ponte a ver se o animal seguiría alí. Pois si, alí seguía a ra pousada nas pedras tal e como eles a viran antes.
Os dous rapaces estiveron debruzados na ponte un bo tempo, pero a ra non se movía do lugar e ata parecía como se estivera morta. Pasados uns quince minutos do achado, aparece un coche da garda civil. Os rapaces danlle o alto ao vehículo e coméntanlles aos gardas o tema en cuestión. Os gardas civís incrédulos baixan do coche e efectivamente, alí sobre das pedras estaba toda campante a ra exposta ao sol.
Un dos gardas baixou con tento e achégase o máis que pode ao anfibio e dispáralle unha foto que acto seguido envía por vía WhatsApp, como tamén acto seguido fala pola radio con alguén. A resposta é inmediata, que se vixíe ao anfibio mentres non chegan uns biólogos de Lugo enviados pola Xunta de Galicia.
Mentres que a garda civil e os rapaces agardaban a chegada dos biólogos, vixiaban á ra que en ningún momento fixo amago de moverse. Pouco tempo tardaron os biólogos. Era de tal importancia o achado que os biólogos chegaron a Fazouro en helicóptero, aterrando na explanada da Capela de San Salvador.
Nun principio, os biólogos ao ver ao anfibio, xa lle calcularon a ollo que mentres que o peso normal dunha ra oscila entre os 20 e os 80 gramos e poden medir entre 6 e 10 centímetros, este noso fenómeno pesaba sobre 20 quilos e media sobre 50 centímetros. Ese cálculo aproximado, foi bastante acertado, pois unha vez collida a ra, foi pesada e medida e pesaba 18 quilos e 931 gramos e media 43 centímetros de longo, algo insólito.
Pouco tempo tardou en chegar unha furgoneta na que viña un gran acuario. Colleron auga da propia desembocadura do río e encheron o recipiente e cunha rede especial colleron ao animal para levalo e estudalo.
Segundo os biólogos, este fenómeno vai a ser moi controlado para saber se ten parella e descendentes destas dimensións. Tamén opinaron que podería deberse a unha mutación producida polos pensos que se lle daban ás troitas na factoría troiteira de Fazouro preto de Fontao, pero esa teoría, xa foi descartada automaticamente por ser a única ra xigante, pois se se debera á alimentación por pensos dos que tamén se lle daba ás troitas, nun sería esa ra a única en medrar de forma tan xigantesca. Os biólogos tamén observaron que esta ra non croaba e tampouco saltaba, pois aínda que por ser xigante, debería brincar porque ten forza suficiente nas pernas. Outra das cousas estrañas para os biólogos, foi saber como puido aparecer preto da praia da Pampillosa, dado a que a auga doce do río xa se mestura coa salgada do mar, que chega como a uns tres quilómetros río arriba, de aí, que a auga que botaron no acuario, botaran da mesma auga do lugar en que se encontrou ao anfibio.
Os biólogos nun principio, rogáronlle tanto aos rapaces que a encontraron como á garda civil, que non se comentara e sobre todo nos medios de comunicación para evitar aglomeracións de persoas nas ribeiras do río, por se o animal tivera parella ou compañeiros das mesmas dimensións.
A min contóuseme despois de mes e medio de silencio, porque a estas alturas, xa nada se volveu a saber que foi da "Ra da Pampillosa".
NOTA: Esta historia é ficción, froito da miña imaxinación.

Basanta Martínez, Xesús (Xesús do Breogán)