Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - miércoles, 05 de noviembre de 2025
Erguer co pé esquerdo

Baixei o lombo para atar os amallós dos zapatos. Nun primeiro momento notei algo así coma un flash escuro, é dicir, un mareo e tamén, xusto ó momento, un estralo. No óso da soá. Xa non teño idade para agacharme moito. Ó incorporarme, zas, peguei co cóbado dereito nun recanto da mesa. E como non teño graxa ningunha, como son todo ósos, si, vin as estrelas. Querer saír de can empezaba a poñerse costa arriba.
Mais como sempre fun heroe para todo, tirei para adiante; a min non me retén nada na casa. Abrín a porta e, Pingas de Orballo ale carallo, tardei en retirar a cara, polo que peguei contra o nariz, o fociño. Non sangrei de puto milagre. Empecei a pensar nesas películas cómicas e mudas de Charlot, Harold Lloyd, Buster Keaton, etc., nas que só hai golpes e máis golpes. Tamén empecei a temer de que aí non paraba a cousa, de que, como se adoita dicir, erguín co pé esquerdo.
Ante iso, baixei con moito tino as escaleiras. Pero, estaba visto, Evaristo, non tardei en torcer un nocello. As expresións e pensamentos cara á eses insultos e palabras groseiras non se poden escribir aquí. Xa moi cabreado e, iso si, aínda máis doente, seguín. Puxen un pé na rúa e non me atropelou un coche grazas á virxe dos Milagres. Nun amén estiven a punto de retroceder e subir de novo para a casa. Para que, me dixen; se subo seguro que me mato polas escaleiras abaixo.
Por fin sentinme seguro cando sentei na terraza do bar e me puxeron o café. Boteille o primeiro trago e pensei que me quedaba sen lingua. Definitivamente, erguera co pé esquerdo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES