O morto que estaba morto
Non adoito coller chamadas de contactos descoñecidos, pero hai un cacho, e non sei por que (quizais por tardanza na reacción ou quizais por un presaxio), contestei unha. Era voz de home. Sen saudar nin nada soltoume de golpe unha frase que me deixou coa boca e os ollos abertos: vén investigar a un morto que está morto en Baños de Molgas.

O de un morto que está morto deixoume un pouco así como aparvado. Pensei que se era un morto, sería porque xa estaba morto. Non sei, ó mellor foi o home que non soubo expresarse doutra maneira. É igual, non lle din máis voltas á cabeza e marchei a fume de carozo cara á miña vila. Nestes casos, acelerei o coche un pouco máis pola estrada de Paderne de Allariz e púxenme nun santiamén -o santi para subir ó coche e o amén para baixarme del- na Venecia ourensá.
Ó primeiro veciño co que me atopei pregunteille polo morto que estaba morto; máis coa intención de saber como reaccionaría ante a pregunta que coa de saber o lugar exacto do óbito. O que non souben reaccionar moi ben fun eu ó ver que, moi tranquilamente, me dicía e me sinalaba que me achegase á ponte do Muíño da Luz. Nin si inmutou ó dicirlle o morto que estaba morto.
O asunto xa empezaba a atufar un pouco. En cinco minutos planteime na carreira que leva a esa ponte e axiña o vin. Alí estaba o morto, que, efectivamente, estaba morto, máis que morto. Víase ás leguas que levaba xa varios días mortos. Mirei para os veciños que se achegaron comigo e díxenlles que ese morto non estaba morto, que o asasinaran. Ah, contestaron. E afirmaron coas cabezas en sinal de admiración.