Pingas de Orballo
Rivas Delgado, Antonio - viernes, 31 de octubre de 2025
Que terá que ver...
Un raio de sol. Un cacho de lona que se bambea a causa da brisa. Unha nube branca, tan só unha, ó lonxe, moi ó lonxe. Polo demais, ceo azul. Móbil sobre a mesa. Café enriba da mesa. Adornos do Samaín espallados pola cafetaría. Que terá que ver o Samaín con aqueles que bailan baixo as cores do arco da vella?
Un instante de silencio dentro do barullo. Un slogan colgado do fol dunha gaita. Un reloxo que marca as horas. Un bolígrafo que escribe palabras torcidas. Un pensamento que vai e vén polas corgas do tempo. Unha espada que atravesa a coiraza dun que xa está morto. Un soño que corre polas estradas da memoria. Que terá que ver o soño con aqueles que se acovardan e se deixan ir?
Unha xirafa na sabana. Unha mosca pesada. Un ruído que racha aquel instante de silencio. Un ouleo que se estende polos confíns do universo. Un lobo que oulea desde un outeiro. Desde un outeiro do monte Medo. Un caderno a medio escribir. Unha distancia que hai que medir. Unha fantasía que loce cores na canella da ansiedade. Que terá que ver a fantasía con aqueles que nin tan sequera saben soñar?
Un local que se enche. Un clásico futbolístico que se achega. Mentres non chega, toca espera. Unha espera na que hai que matar o tempo. Un tempo que pasa sempre á mesma velocidade. Á velocidade que marca aquel reloxo. Na espera tamén asubío polo baixiño e debuxo unha flor de toxo. Na espera, escribo. Que terá que ver a escritura con aqueles que nin lles apetece ler?

Rivas Delgado, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora