Os retos cos seus perigos e absurdos, como ese de defecar na piscinas. As modas acerca do que sexa.
E a última (esta inocente), coa que me estou atopando, sen saír do asombro, é a de ir ver a posta de sol (por veces máis que o mar e o sol o que vemos son as cabezas dos que temos diante, pero iso é o de menos); o dito: ir ver a posta de sol, en manada e aplaudir. Sempre se fixo, a xente sensible acudía a calquera lugar onde era visible e emocionábase; os máis esotéricos buscaban o raio verde e os demais conformabámonos con asistir a ese espectáculo que non por ser habitual era menos marabilloso. Adoito fascinou o comezo e o final, o nacemento e a morte, o amencer e o crepúsculo. Este, igual que o anterior, cando se produce co mar no horizonte, aumenta o seu valor na escala da fermosura. Pero resulta frívolo aplaudir a natureza cando non implicas algo máis.

A beleza cura e a natureza ofrécenos unha gran dose desa menciña como para manternos sans, polo menos de espírito. Habería que aplaudir cada vexetal que nos achega osíxeno, cada paisaxe que nos conforta, cada rocha que nos fala do interior da Terra... Habería que pasar o día agradecendo a vida que nos reporta, pero non o facemos, máis ben actuamos coma rapaces malos que nos aproveitamos de canto hai, que destruímos como se non houbese un mañá, que consumimos o que nos corresponde e moito máis, de tal forma que o planeta sofre e nos castiga co cambio climático.
Con este asunto pásame o mesmo ca co nudismo. Sempre pensei que os nudistas serían solidarios, limpos, de esquerda, e sans; pero non, son simplemente nudistas que se encoiran nas praias dos demais e manteñen as súas coma sempre, con textís (din eles). Ser nudista non leva aparellado ningún outro valor e iso defrauda. Cos aplausos á posta do sol pasa o mesmo. Os que o fan non están dispostos a loitar para defender o planeta, para non permitir construcións que o afean, para que non planten eucaliptos... non, eles simplemente aplauden por moda, aplauden para ter un acto común, para irmandarse e estar ao día; - A onde vas, Vicente? - A onde vai a xente e podería ser bonito, eu incluso podería apoialo se tivese algún significado.
Por que non aplaudimos cando vemos unha paisaxe fermosa, cando atopamos un anaco de terra coidado, cando tiran unha construción ilegal, cando multan algo que non se debe facer? Por que non aplaudimos actuando, implicándonos en manter a fermosura? Non, simplemente aplaudimos porque iso non implica nada máis que facelo, quizais dando razón de que aí está a beleza e queremos que se manteña ou aplaudímonos porque somos estupendos e descubrimos un lugar que aínda non ensuciamos e queremos demostrar que estamos aquí. Eu estaba alí, aplaudindo cando se podía ver a posta de sol sobre o mar sen que nada o impedira. Eu estaba aplaudindo porque as cousas funcionan como cando o faciamos ás oito da tarde no confinamento, agradecéndolle aos sanitarios o seu traballo pero... ao tempo había quen os atacaba porque podía contaxialos se vivía nas súas proximidades. Así de contraditorios e absurdos podemos ser.
Pois ben, o día en que ese aplauso leve consigo algo máis: un compromiso co planeta, co lugar, coa conservación do patrimonio, será estupendo, porque daquela tamén nos aplaudiremos a nós mesmos por facelo posible. Por evitar que os incendios, as plantacións indebidas, as industrias contaminantes, a minería abusiva, o consumo irresponsable, o tratamento inadecuado dos residuos sólidos urbanos e tantas cousas máis están limitados e estamos traballando a favor da nosa vida e da dos que nos continúan e están a vir.
Ese día teremos dereito a aplaudir. Mentres tanto, agardo que a xente que o fai vaia caendo na conta de que non temos ningunha garantía de continuidade se non facemos algo. Porque aquilo de que o cambio climático era algo que se producía de vez en cando, sen consecuencias e sen causas humanas, con todo o negacionismo que o acompaña, xa está demostrado que é unha falacia. Pero isto tamén nos fai dubidar: de verdade a xente se dá conta de algo?, de verdade nos serve para algo a cabeza cando os máis novos queren repetir a historia de hai un século e acabar co mellor da sociedade, de verdade poderemos seguir sendo humanos despois de Gaza e o asasinato a mansalva unicamente para a defensa dun dirixente que quere evitar que o xuzguen?
Tamén nos aplaudiremos por isto? Por permanecer inactivos mentres tiran aos meniños como xogo de guerra? Por permitir que alguén bote abaixo todas as leis que nos demos, para facer algo máis humanas as guerras (que xa de por si son absolutamente inhumanas)? De verdade hai algunha razón para aplaudir mentres se mata de fame a poboación civil ou se tira a matar cando acoden a buscar comida? De verdade temos algunha razón para aplaudir?