Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cadernos de Gres Nº 2

Sampedro, Pilar - jueves, 27 de noviembre de 2025
O número 2 dos Cadernos de Gres, a publicación da Fundación Neira Vilas, acaba de aparecer. O seu nome quere lembrar aquel caderno que escribía Balbino en Gres e foron as Memorias dun neno labrego, o que lle entrega a aquel estudante sobriño da casa na que remata traballando. Varios artigos forman ese voceiro que dá razón, por escrito, do andar da súa Fundación, a preocupación pola obra de ambos escritores (Neira Vilas e Anisia Miranda), dalgunhas actividades que se realizan e de parte do último libro de anotacións que deixou aberto o autor.

Cadernos de Gres Nº 2 Vexamos as tres partes que o completan:
"Dende Gres. Retorno á aldea das letras" é o saúdo de entrada e presentación.
O capítulo I con dous artigos de especialistas, sobre a obra de Anisia Miranda que acaba de ser reeditada. A Grecia antiga na escrita de Anisia Miranda cos "Textos e contextos de Mitos y leyendas de la Antigua Grecia (1966), de Anisia Miranda" e "A ollada adolescente de Anisia Miranda sobre a mitoloxía clásica".
O primeiro deles é de Xosé Antonio López Silva, un artigo moi documentado que revisa o tratamento da mitoloxía clásica no marxismo e a súa aplicación práctica na URSS e Cuba. O autor, especialista no mundo clásico, revisa a consideración destes mitos e o seu emprego no mundo escolar. De aí, avanza no traballo de Anisia Miranda na Cuba revolucionaria, a escrita deste libro e a tradución que del fai Neira Vilas.
Da autoría de Alba Rozas Arceo (especialista en fantasía épica) é o segundo artigo sobre esta obra de Anisia Miranda. A especialista pon a obra en relación a outras internacionais, deténdose especialmente no mito de Prometeo e un par de sagas traducidas ao galego: O Señor dos Aneis e Terramar.

O capítulo II quere recoller o que queda dos Encontros literarios en Gres por parte de Carlos Labraña ("Para que serven as estrelas?") e Paula Carballeira ("O corazón de pexego do espantallo amigo"). Dous dramaturgos que falan do escritor que, xustamente, non escribiu teatro. Lembran como o coñeceron e como lles influíron as súas obras.

No capítulo III faise entrega da segunda parte do Dietario derradeiro (2012-2013). Unha axenda na que Neira Vilas ía apuntando as actividades de cada día; do primeiro deles (5 de xaneiro de 2012) no que lle chega a noticia da morte de Isaac Díaz Pardo ata o último (24 de decembro de 2013) no que relata a visita que recibe do bispo de Tui-Vigo, Luís Quinteiro, e a cea na casa da irmá. As notas son moi curtas e case asépticas, apenas se notan os sentimentos, a modo de certificado do quefacer sen translucir emocións. Neste tempo toma posesión o secretario da Fundación como secretario xeral de Política Lingüística e repítense as viaxes para inaugurar a exposición Querido Balbino e os encontros con alumnado ao redor dela; as homenaxes do concello de Vila de Cruces, o de Allariz e outros, o da Solaina de Piloño e diferentes centros de ensino; a asistencia á representación da Memoria das Memorias dun Neno Labrego de Cándido Pazó (explicita que quere acompañar ao actor no seu deambular polo país con Balbino, igual que fai coa exposición); as visitas á Fundación de xente de todo tipo dende rapazada a persoas da terceira idade; a presentación de libros (A prensa galega en Cuba, Esperando o leiteiro, Correspondencia de Xosé Neira Vilas con Valentín Paz Andrade e Celso Emilio Ferreiro, 100 anos do Esperando o leiteiro...); as reunións da RAG; a atención a xornalistas e investigadores, gravacións para televisión, encontros con especialistas de todo tipo dende directores de cine ata alumnado de centros que queren facerlle unha entrevista... Hai días con dúas actividades, incluso en lugares distantes e días de traballo na casa, aínda que deses non se fala, non apunta os avances na escrita dese tempo nin as xestións que leva a cabo cando permanece no domicilio. O que aparece no dietario son os actos públicos, aqueles nos que se representa a si mesmo como personaxe notorio ou á Fundación. Sorprende a cantidade de centros de ensino polos que pasou así como as actividades ás que acudiu, de forma que é rara a semana na que non atendeu a cinco ocupacións deste tipo, polo menos. Nunca viramos traballar tanto a alguén nin un autor dera tanto xogo ás librarías e editoriais, nunca ninguén tivo tantos enconyros co lectorado...

Cubre así, esta revista varias facetas a ter en conta. Por un lado os estudos necesarios sobre a obra dos escritores da Fundación, por outro o resultado dos Encontros literarios na casa do Romano e unha parte final na que se vai publicando (pouco a pouco) o Dietario derradeiro de Neira, ese día a día de libreta no que el ía apuntando o decorrer do tempo.

Escritos deles, sobre eles e o pouso da súa escrita sobre os novos escritores que teñen participado nesta actividade que se puxo en marcha na última etapa da Fundación: os encontros literarios en Gres, que sempre comezan coa reflexión acerca do que estes autores (especialmente NV) supón para eles, o pouso que lles deixou.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES