Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranza. Fátima Rueda ou a maxia da vitalidade compartida

Sampedro, Pilar - jueves, 20 de noviembre de 2025
Fátima é a compañeira de Juan Barreto. Xuntos forman unha parella envexable que goza das viaxes e da permanencia, das paisaxes e das xentes, dos lugares e dos sentimentos. Dous corpos, dúas personalidades, dúas maneiras de estar no mundo que son quen de unirse e compartir o tempo e os sentimentos. Tamén os de amizade con nós, cos galegos; tamén os de amizade con Granell e o surrealismo; tamén os de amor a unha terra á que volven para facernos felices cando os vemos aparecer nunha exposición e podemos compartir xantar e viño. Xuntos viven e pintan por separado. Lembranza. Fátima Rueda ou a maxia da vitalidade compartida Non se contaminan aínda que algunha vez podamos atopar converxencias.

Cores para unha exposición de Fátima Rueda. Azuis e vermellóns dixera alguén que coñecía a súa pintura. Azul violeta, vermellón granate, branco lúa, amarelo ocre, elegante gris case brillante... eran as cores que eu vía e a identificaban para min, máis aínda que a temática, máis aínda que a técnica e o estilo, as cores que ela fora buscando e elaborando ao longo do tempo, experimentando ata dar con elas; como alguén que busca a pedra filosofal (ou o elixir da vida) ela pescudaba nos pigmentos, probaba e ensaiaba... porque a súa procura era para sempre, para envolver nela os seus mundos. Unhas cores que definen a unha artista.

Baile con fondo de decorados. Fátima danza cando se move. A elegancia do seu movemento remítenos a unha temática moi querida. Ballets nos que os bailaríns se estilizan ata semellar figuras aladas, cadros nos que estes se debuxan en branco sobre a policromía e os seus corpos poden ser transparentes para que os traspase a cor do fondo. Coreografías que evolucionan desde o clasicismo a novas interpretacións de vangarda visual e musical. A exposición ten esa música que atravesa os sentidos e se integra no lenzo; leva a banda sonora incorporada igual que trae o movemento aínda na quietude da representación. Detense no desprazamento, fica xeado e inmóbil para que a música o obrigue a poñerse en marcha. Variacións que se cortan a modo de pause.

Escenografía e decorados que reciben o surrealismo nas telas e os atrezzos, que xogan coa abstracción e o universo dos soños onde entran os corpos celestes, as xeometrías, as formas informes.

Ás veces as figuras escapan do lenzo e aparecen en pratos, formas de poliéster ou abanos. Ás veces as cores foxen da tea para colorear as pezas de madeira, o modo de tótems surreais, de pezas de ebanistería torneadas. Ás veces os detalles do decorado e as cores de Fátima ocupan obxectos rodeándoos e introducíndoos no propio universo creativo; ás veces acaban tocando as pedras cos ollos omnipresentes que miran e senten. Como senten tamén e miran as redondeadas caras femininas que nos conducen a unha estética moi querida de noso. Ás veces, ergue xeometrías, escenografías propias, arquitecturas construídas con anacos de madeira, en pálidas tonalidades, que lembran a táboas, os restos dun naufraxio pulidos e lambidos polas mareas ao longo do tempo; escenografías para a danza dos días que... ás veces ten a ben o encontro en Compostela.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES