Noutra ocasión, na miña/vosa casa, pero espazando as preguntas, pois, máis ou menos, sempre se emocionaba cando lle afloraban as lembranzas:
-Xa me levas falado de moitas cousas, pero aínda non me referiches como che foi co Herr Glatt?
-¡De marabilla! Dese home cheguei a sabe-lo todo, ou case todo, menos as orixes da súa amizade co Von Papen da Lexión, que iso nunca me atrevín a preguntarllo.
-Non obstante, deixáchelo, ou te botou, para meterte na construción, niso dos lousados...
-Mira, ho, nesta vida nada é eterno, así que o mein Herr, cando deu en padecer da columna, e parou de viaxar, díxome que fose buscando outro emprego, que podía pasar sen Wachmann porque os seus inimigos, ao non serlles contrario, xa se comportaban como amigos. ¡É o que teñen os alemáns! Berna é medio alemana e medio francesa, así que van ao seu, pero tamén son nobres! Aquel señor tiña dúas fincas, procedentes de seus pais; unha, nun sitio que lle chaman Köniz, e a outra, á que máis ía, aló no Emmental, mesmo ao lado do castelo de Burgdorf; nesta última arranxeille o tellado, que llo deixei novo de todo, cousa que moito me agradeceu porque era difícil, arriscado, e non se lles atrevían os albaneis do país. ¡É o que ten a riqueza neses países que chegan a ricos, que os traballos incómodos déixanllelos aos de fora, aos inmigrantes!
-¿Daquela acreditácheste de louseiro?
-¡Exactamente! O Glatt comentouno con amigos e veciños, así que, co seu permiso, deron en encargarme obras desas. En Suíza, as obras, os traballos incómodos ou perigosos, e tamén os enterramentos, son para os Galegos. ¡Sempre, que nunca falla!
-¿De verdade? Pois non sei como tanto aguantan por aló; os nosos, quero dicir!
-Foron a menos, que xa hai retornados, tódolos días. En Suíza, polo menos alí onde eu coñecín, hai dous tipos de xubilacións, ben dándoche o importe dunha vez, tal que se te vés, ou con mensualidades. A queixa que había ultimamente aínda non era polo traballo en si senón porque os fillos dos emigrantes pretenden a nacionalidade, e dánllela con contagotas; pero diso pouco che podo explicar, que son problemas dos que teñen fillos!

O Cantón de Berna é moi cativo, que non chega aos seis mil quilómetros cadrados, pero vale o seu peso en ouro, que alí non hai pobres. ¡Que digo pobres: o que non hai son folgazáns! Teñen de escudo un oso, pero eles, de facer o oso, cero!
-Dixéchesme que non se soben aos lousados..., os do país!
-¡Xa, pero saben ganar para pagar, e aínda así sóbralles, e non nesta España dos faroleiros, pois aquí a metade da xente vive dos cartos que imos traendo os emigrantes!
-Anda, que a ti estache indo ben...!
-¡A ver o que dura, que xa me avisaches de que, en casas e coches, aquí chegaremos a ter con exceso!
-Daquela volves para Suíza...
-Igual si, aínda que só sexa para esconde-los cartos, como seica fan algúns caciques; sen ir máis lonxe, os meus socios...
Xosefina veu co café, e con iso pasamos a falar doutros temas, que aquí non veñen ao caso.
-.-
-¡Aínda estamos abrindo a caixa...; como é que madrugaches tanto?
-O madrugador es ti, que logo pareces un suízo.
-¿Madrugan?
-¡Non so madrugan, que tamén se deitan cedo, e logo que fan o que fas ti: O xefe é o primeiro en chegar!
Desde que abrín o despacho e me pasaron uns cantos telegramas, deses de operacións urxentes:
-Cando queiras; di a que vés!
-Hoxe tócache contar a ti, que non sempre vou ser eu o confesado, así que, empezo: Quería preguntarche se coñeces un Arquitecto que sexa de fiar, que algún terás de cliente.
-¿E logo, os que vos fan os proxectos para a vosa sociedade...? Os meus arquitectos, tanto o fillo coma o xenro, están na Xunta..., arrexuntando as desfeitas dos outros!
Non debeu captar a miña picardía, que seguiu falando moi en serio:
-Precisamente, porque son da sociedade, e eu quero poñer a miña casa, a que vou facer nese solar que me proporcionaches, con total independencia dos meus socios. Desde que me levaches á Meda, e vin aquelas ruínas, sinto como remorsos de non ter casa propia. Quero localizar un Arquitecto que me faga unha cousa discreta, pero orixinal e cómoda, que para abortos chegan os pisos que vendemos. Unha casa sen pretensións, pero de calidade, ben feita, a estilo suízo, que estou desexando o que che dixen, vivir en casa propia, e vai sendo hora. ¿Enténdesme?
Por suposto que o entendín; ¿quen non entende a unha persoa que, cansa de gradar mundo, e sempre dependendo doutros, quere abeirarse en algo útil, propio, agradable, ben feito?
-.-
-¿Ti, outra vez, a estas horas, que hoxe tampouco abrimos a caixa, de cedo que é; lémbrasme aquel tuareg, aquel que se foi satisfeito ao vela chea de billetes, e non precisamente seus!
-Pois a min non me botan da cama, como se cadra che pasa a ti, que eu non teño muller, pero..., o que din na nosa terra, aquel que ten ansias, non durme!
-Estou pensando que se de min dependera faríate alcalde...
-¿Alcalde, eu..., nin para Castroverde!
-Si, alcalde, porque inaugurarías as rúas antes de poñelas presentables!
-¡Estes de Montecubeiro, que cando non fan loras fan zocas; tedes saída para todo!
-Tamén ti es ocorrente, que ben o levas demostrado.
-¿Eu? ¿E se che digo que falei por teléfono co Cura da Meda..., que xa ten teléfono, sabes, e ata será para que lle dea ordes o bispo de Mondoñedo, que seica é un mandón, unha especie de Coronel, e menos mal que non ten bastón!
-Pero ten báculo.
-Niso non caera. Pero, ao que vou: Chameino para propoñerlle que venda as miñas propiedades, pero ben vendidas, que ninguén coñece a situación de cada familia mellor co crego, e sabe onde hai pecados, que sen pecados non hai diñeiro...
-Non sei se che pesará, que ese diñeiro vai ser pouca cousa ao lado do que xa tes aquí depositado, e non o precisas, por agora.
-Mira, ho, sempre chego tarde nas miñas ocorrencias. O que pretendía era facer unha escola moderna, precisamente alí, alí onde eu a tiven medio esfargallada, como se dicía que a fixera o Cura Reigosa, no teu Montecubeiro, pero o da Meda díxome, contestoume, que están construíndo, ou xa acabado, un Grupo Escolar grandísimo, na mesma vila de Castroverde, e que recollerán os nenos polas casas, en minibuses... ¡O dito: ou madrugo de máis, ou chego tarde! Pero non é isto ao que viña, senón a pedirche o teu parecer noutro asunto, outra contestación..., tamén para non chegar tarde!
-Dirás...
-Foime ese Arquitecto, e estivemos vendo o solar. A miña idea é que me faga planos para o seguinte: De soto, nada, de quitado unha especie de pozo para poñer o ascensor coa maquinaria abaixo, estilo Suíza.
-Non coñezo ningún caso, aínda, pero, sigue:
-Aquí póñena no máis alto, que así sérvelles de pretexto e de tapadeira para engadir un piso de estranxis, digamos que, fóra de Ordenanzas. Arriba quero unha azotea despexada, para ver o Ceo; o das estrelas, non, o outro, o de maiúsculas, pero diso xa falarei. Na planta baixa, portal, escaleiras, o ascensor, e mailo garaxe.
-¡Non tes coche, que ata debes ser o único emigrante que se veu sen "haiga"! ¿Sabes por que lles chaman así?
-¡Oes, que son da Meda, así que, de pailán, nada! Iso vén de dicir, Quero ter o mellor coche que haiga no mercado, tal que un Mercedes. Mercedes tamén se chamaba unha rapaza de Vilafrío, pero..., o de todas, que me deixou frío! E non me interrompas, que logo che empezarán a vir clientes...
-Estou atendendo un, nada menos que un Promotor de Vivendas, que aquí en Coruña son, sodes..., unha institución!
-¡Vaite ao carajo! Penso comprar unha furgoneta, que tamén me serve para levar ferramentas, ou algún material. É o que fan en Suíza, maiormente a xente do campo; en Portugal seica tamén; pero aquí, ben viches o outro día no noso Castroverde, que en turismos pásanlle diante a Berna; ¡chulos que son, que somos! No piso primeiro vou poñer unha cheminea de leña, e deixalo moi aberto, espazoso, para reunións, recordando aquelas lareiras nas que se facían as ruadas, os xuntoiros. O segundo dedicareino a unha especie de oficina, algún libro, cousas así. O terceiro como vivenda, pero non para min senón pensando se algún día me convén ter unha familia de balde, sen alugar, a cambio de que se comprometan a coidarme caso de que teña achaques, ou me vexa baldado por caer dunha obra, que xa non é o primeiro.
-¿Sabes como dicían os mouros? ¡Vesaf la fantasía!
-De fantasía, nada, todo o contrario, pragmatismo. Agora subo ao cuarto, que o quero con galerías, igual que no terceiro, para ve-la rúa comodamente..., cando deixe de andar por ela! Por último, unha azotea, ben impermeabilizada, que lle vou poñer un paraugas de cemento, para que non o leve o vento... Un paraugas, non, un parasol, para toma-lo sol, que hai que aproveitalo pois aquí en Galicia faise de rogar, pouco menos que en Suíza! A todo isto, ¿que che parece, pois a iso veño, para confirmarlle as instrucións ao arquitecto, antes de que se poña a debuxar, que xa sabes como son, que se esquecen da carreira tan pronto lles peta á porta un promotor, pero isto é diferente: é o meu sono de ter unha casa habitable!
-As outras, as que facedes, non o son?
-Estou aquí a título privado, así que trátame como tal.
-A idea paréceme boa, pero non te apresures en aceptarlle os planos. O meu consello é que fagas coma os nosos paisanos cos avogados: De feitos os debuxos, ensínallos a outros tres, que se che din que non leva xeito, daquela é que son excelentes!
Riuse, non sei se de min ou do que lle dixen, pero coa mesma, sen outra palabra, levantouse do Chester, e desde a porta máis que dicirme berroume: -¡Como dixo Mac Arthur, xa volverei! Estes malditos bancarios, que sempre din, Amén, así que non hai forma de coñecer o seu pensar!
-.-Gómez Vilabella, Xosé M.