Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Testamento aberto (11)

Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 28 de noviembre de 2025
En Guitiriz saínme da autovía, e pasamos á Vila, ¡que non merece esquecela!

-¿Chacho, non te meterás pola estrada vella, que sendo boa non é comparable?

-Tranquilo, Xurxo, que che vou demostrar que estes de Guitiriz son capaces de facer, do millo, tartas. ¡Bocatto di Cardinali!

Abastecidos na "Esquina", fresquiñas, e aínda quentes, acabadas de sacar do forno, virei á dereita, saíndome da N-VI.
-Pero ti..., xa tordeas, e iso que aínda non lle probamos o viño á pulpeira?

-Estou escribindo, co voante, a túa biografía, pero en sentido inverso: Acabamos de saír de Suíza, célebre tamén pola súa pastelería, "suízos" e todo iso. Así que agora, ¡outro paso atrás! Testamento aberto (11)

-¡Xa! Pero non temos aqueles avións de Herr Glatt!

-A Ceuta tamén se pode ir en auto, barco en medio!

Xurxo, ao meu lado, na dianteira, seguro que abriu uns ollazos dunha cuarta, pero non llos puiden ver, atento ao voante:

-¡Inch Allah! Sempre te tiven por verdadeiro, pero desde hoxe, máis aínda! ¡Xa o creo que estamos en Septa...; o que non vexo son mouros...; ¿será que aquí, coma en África, madrugan pouco?

-Xurxo, ¡mal podes velos, pois arestora aínda están deitados..., coas virxes do Sétimo! Estes de aquí son "reconquistadores", estes si, que os trouxo don Hermenegildo para que reconquistasen España, comezando por Covadonga. Nos nosos libros fálase de Pelayo, de Covadonga, da Reconquista... ¡Mentira, mentira de incultos, pois o de Pelaio foi Conquista, e o de Franco, cos seus Regulares, esa si que foi Re-conquista!

-¡Déixasme abraiado!

Xurxo, abraiado, e a miña dona partíndose de risa; supoño que pola sorpresa do Xurxo. Expliqueille:

-Mira, ho, de tanto cariño que lles tiña don Hermenegildo, aos nosos deixábaos en Asturias, nas cunetas, e aos mouros púxolles hospital, aquí en Guitiriz, lonxe dos perigos da guerra. Máis é, que para telos máis cerca do seu Alá, puxo aos cristiáns, ¡que non aos musulmáns!, a paredar, a paredar nesta mesquita, nesta que tes diante dos ollos! Do outro Paio din que era o Comes, o Conde, de Castroverde, pero, de Franco? A Franco o que lle desexo é que os seus mouros compartan con el esas virxes do Sétimo, pois, co efeminado que era, purgatorio meirande que darlles atención ás sete virxes...!

Despois daquelas risas, conmemorativas dunha traxedia, volvemos a enfiar a agulla da A-6, rumbo ao noso Castroverde, que ese si que está sen conquistar!

Día memorable este que pasamos co Xurxo por terras do Vallis Viridis; non por nós, senón pola emoción que nos produciu velo a el escacharrando os ollos e dándolle sen parar á súa máquina fotográfica.

En vista de que non se cansaba de ver, de ver e de recordar, despois de arranxados os meus asuntos subimos, andando, á Lomba, que é outra teta de Castroverde, outro "bolaño", a xogo co castro do castelo. Desde alí fixo vinte ou trinta fotos, en tódalas direccións, que nin que fose un compás. Ao castelo tamén fomos, e como aínda era cedo para o polbo, levámolo a Vilabade, desde onde non se cansaba de ollar para Castroverde, e tamén para o Mons Ciro:

-Este verde é o traseiro da Meda, e sendo o traseiro, non por iso deixa de ser guapo.

A nostalxia é o que ten, ¡que fai interesantes, incluso, as partes traseiras! Nun á parte díxenlle á muller:

-Cando así se pon adiviñando que detrás de Monciro está a súa Meda, hai que levar unha botella de whisky por se lle vén un desmaio cando cheguemos e vexa a súa casiña, as ruínas dela!

No polbo ata rebandou o seu prato, que pouco lle faltou para comelo..., ¡enteiro!

-Chacho; non te afanes desa maneira, que repetiremos ás racións!

-En Berna téñoo comido bastante bo, particularmente no bar do Centro Gallego, pero coma este...! Non sei que é mellor, o pulpo en si, ou comelo debaixo destes carballos!

-¿Tiñades Centro Gallego..., en Berna?

-Ultimamente, si, que alí teño estado, ben veces, con un tal Ramón Varela, que era da parte de Carballo... ¡Aínda quedaba aló, pero non trouxen o seu aderezo! Aquel home foi para Berna despois cá min, que debeu chegar xa case no 70... O que nunca souben, que non lle preguntei, foi se era o dono ou un empregado de Viajes Benítez.

-Telo fácil, con escribirlle a esa Axencia...

-Fareino, si, que me apetece. Ou a calquera dos meus amigos, que tamén os tiven do seu Carballo. ¿Á que non sabes como lle chaman os galegos ao Cantón de Berna? ¡Cantón de Carballo, pois alí case tódolos galegos son desa parte: uns levan aos outros, en particular ese Varela, que desde a súa Axencia, mesmo segundo chegaban, buscáballes colocación.
Testamento aberto (11)
Despois do polbo baixamos tomar café ao cruce das Ramplas, e desde alí xa para a Meda, pola estrada de Lugo, apartando na desviación de Gondar. Neste camiño, nesta ruta, deixamos o auto na Pallota, e achegámonos a Soutomerille para mostrarlle ese sitio sacro, que ben se acordaba del. Nunca tal se me ocorrera pois ao ver aquelas ruínas de xunto da igrexa botouse as mans á cabeza e díxonos:

-¡Despois de ver isto, é mellor non ir á Meda, que así estará a miña casiña...! ¡A miña, non, a de miña nai, que lla desprecei, e despois debín mandar cartos para reparala!

-Xurxo, -díxolle entón a miña dona-, tarde ou cedo tiñas que vir á túa Meda, que non aguantabas sen facelo, e hoxe, que fai un día de sol espléndido, con nosoutros ao teu lado por se te desmaias..., cando mellor?

-Deu-volo pague.

¡E fomos! Coa sorte de que non foi recoñecido, pero el si que identificou a cantos vimos, aínda que sen falarlles máis aló das, Boas tardes. Foi todo tan emotivo que eu, servidor, a tal momento non acerto a pinta-la súa cara, tanto por entre as casas como despois polas fincas, así que, para non facelo con exactitude, calo.

-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES