Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - martes, 28 de octubre de 2025
Só para dicir que chove miudiño

Ó saír da casa vin o arco da vella e quixen pasar por debaixo del. Canto máis avanzaba, máis se afastaba. Dei a acción por rematada. Non son tan parvo para insistir nun imposible. Optei por mirarlle as cores e contalas. Sete. Tal como di o conto. Sei que unha vez, hai tempo xa, corrín e choutei por todas as súas cores, pero hoxe non procedía. Nin me apetecía nin estaba para perder o tempo.
Pingas de Orballo Esquecín o arco da vella e pensei na lonxitude dunha cola de lagarto cando este está a tomar o sol. Pensei, pois aínda que quixera realizar tal feito, nin hai lagarto nin alumea o sol. O ceo está gris, nubrado e mesmo, ós cachos, marmaña. O outro día alguén me preguntou que era marmañar. Aquí lle vai a riqueza da nosa lingua: baballar, babuñar, babuxar, barbañar, barbuñar, barbuzar, barrallar, barrazar, barrufar, barruñar, barruzar, brecar, chuviñar, chuviscar, froallar, lapiñar, marmallar (marmañar, por suposto), orballar, patiñar, poallar e zarzallar. Só para dicir que chove miudiño.
Pois si, o tempo está para ver arcos da vella, para ver nubes, algunhas veces incluso o sol (lagartos, coma que non) e para andar ás présas para que o orballo non me pille polo camiño. O tempo é este típico no que non sabes que poñer, como saír: se con paraugas ou non, se con zapatillas ou non, se con chaquetiña ou non, se con xersei ou non.
Collo camiño da casa e xa non existe tal arco da vella. Nin a imaxinación se me vai entón a pasar por debaixo del, nin tan sequera a buscar as súas cores. E como tampouco me atoparei con lagartos, que midan o que queiran as súas colas, os seus rabos.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES