O tiroteo máis famoso
Onte cumpríronse 144 anos dun dos duelos máis famoso de toda a historia, se non o que máis. En cuestión do mundo cinematográfico si penso que é o máis famoso e o que máis versións tivo desde que existe a sétima arte.
Tombstone, Arizona, 26 de outubro de 1881. O mediodía arde sobre as rúas cheas de po de Tombstone cando unha agarrada de longa data entre os irmáns Earp e a banda dos Clanton desembocou nunha das contendas máis célebres do Vello Oeste: o tiroteo no O.K. Corral. O que empezou como un enfrontamento entre axentes da lei e supostos ladróns de gando, acabou por converterse nunha lenda que aínda hoxe divide opinións.

Todo se iniciou cando Ike Clanton e Tom McLaury, membros dun grupo coñecido como The Cowboys, chegaron armados á cidade pese á ordenanza que prohibía portar armas dentro do perímetro urbano. Os irmáns Virgil, Wyatt e Morgan Earp, xunto co seu aliado, o dentista e xogador Doc Holliday decidiron facer cumprir a lei.
Dicir que a tensión xa viña desde semanas atrás: acusacións de roubo de gando, ameazas de morte e unha rivalidade política entre os partidos da orde federal e os rancheiros do condado.
Cara ás dúas e media da tarde, os Earp localizaron ós Clanton detrás do curral O.K., unha pequena corte en Fremont Street. Segundo algunhas testemuñas, Virgil Earp, que portaba unha escopeta, esixiulles que entregaran as armas. Ninguén obedeceu.
En apenas 30 segundos, unha chuvia de disparos rachou o silencio da cidade mineira. Cando a poeira se disipou, Tom e Frank McLaury e Billy Clanton estaban mortos, Virgil e Morgan Earp resultaron feridos, mentres que Wyatt Earp e Doc Holliday saíron ilesos.
O tiroteo provocou unha ola de controversias. Algúns cidadáns consideraron ós Earp heroes que fixeran cumprir a lei; outros acusáronos de asasinos sedentos de poder. Os funerais dos Clanton e McLaury congregaron a centos de simpatizantes rurais, mentres en Tombstone os comerciantes celebraban o restablecemento da orde.
Hollywood, a literatura e a historia transformaron o duelo nunha epopea. Tanto foi así que se fixeron varias películas (a máis famosas foron "Paixón dos fortes" e "Duelo de titáns"), o noso Camilo José Cela meteuno na súa novela "Cristo versus Arizona", asoma en dúas series de ciencia ficción: "Doctor Who" e "Star Trek", e mesmo en Transformers: A vinganza dos caídos", entre outras obras.