A xeografía está repleta de topónimos de animais como poden ser as illas Tartarugas ou o río Búfalo, mais tamén está chea de membros, apéndices ou de prolongacións óseas de animais como poden ser: "O Corno de Ouro" que así se lle chama a unha praia de Croacia ou "O Corno de África" onde o mar Vermello se conecta co océano Índico e na

nosa Galiza non se nos pode esquecer O FOCIÑO DO PORCO no concello do Vicedo, na Mariña occidental luguesa, cuxo nome orixinario era a "Punta Socastro", que pouco a pouco vai renunciando a ese nome e que hoxe xa nos parece anónimo, cambiándoo polo de "O Fuciño do Porco", por mor de que na súa visualización aérea non soamente semella o peteiro dun rancho coa boca aberta senón tamén porque ten ollos e unhas pequenas orelliñas levantadas e incluso se lle ve asomarse os lacóns; por todo iso diriamos que máis ben parece medio rancho saíndo da terra nun lugar inhóspito, profundo e inesquecíbel.
Este rancho vive nun paraíso para lembrar porque cos seus ollos contempla na ría de Viveiro impresionantes paisaxes e agasallos naturais onde a virxindade lle regala areas impolutas da praia de Pereira á que soamente se pode macular desde as augas das cornixas que son batidas pola fera irascíbel do cántabro mar. Despois da enseada de Pereira, sempre polo oeste, hai unha pena que fai de illa nas enchentes de sístole e diástole das augas que se lle acercan apertándoa e cinguíndoa de flores brancas que as ondas magnifican en orquídeas bailando paseniño unhas veces e outras internándose de contado e desaparecendo entre os azuis, alcumada a Ladela. Xa un pouco máis ao lonxe vénsenos aos ollos a praia de san Román á que arribaron os viquingos nos seus drakkares ou naves sen cadernas cando os nosos viaxaban polos mares en barquiños de coiro, segundo Estrabón, moi sorprendido das artimañas dos nosos ancestros que tamén chegarían á praia de Tixoso, á punta Ventosa, á súa veciña Anchousa desde onde se divisa a illa Coelleira, á saída da ría do Barqueiro, que parece un trapecio que se funde e se mergulla no líquido azul onde o priorado beneditino foi pasado a coitelo polos normandos á procura do ouro e dos coellos "Quonicularia intus mare et face Saure" (No lugar de Coelleira, no mar e na boca do río Sor), mais tamén foi atalaia onde o sangue das baleas tinguían o mar froito dunha caza inesquecíbel destes monstros mariños que hoxe gozan de veda pola caza-pesca intempestiva de tempos pretéritos.
Polo leste, aló no fondo, aparecen os Netos, o faro Roncadoiro, a praia de Esteiro, o monte Faro, a Gabieira, a insua de Area e a prezada praia de Area. Pola fronte as pasarelas e pontellas de madeira van declinando un desfile de visitantes que seguen o lombo dunha cobra ou anguía mariña que fai ángulos e escaleiras torcendo o seu espiñazo para que curvando alturas sexamos quen de proseguir un sendeiro que sobe e baixa cumios cheos de agoiros e presaxios entre os abraiantes acantilados cheos de misterios e de medos que se van acumulando cando camiñas e o abismo fai presaxios polos vértices do ángulo poliédrico que deseña a cúspide das coordenadas xeodésicas onde o vértice é vertixe que pode xirar ao redor do misterioso na pendente longa do abismo. Seguindo o sendeiro que nos leva polas varandas empicadas en vistas penetrantes ata a espectacularidade dun mar infindo onde a harmonía de cores se vai derretendo e entrando na inmensidade na que o mar e o ceo fan comunicación e nos invitan a reflexionar acerca do noso ser.