Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lugares de peregrinación

Sampedro, Pilar - jueves, 30 de octubre de 2025
Sempre estudamos que para o cristianismo os lugares de peregrinación son Xerusalén, Roma e Santiago. Lugares santos, sitios sagrados aos que se debe viaxar por pura devoción ou con intereses propios (como conseguir indulxencias cando coincide con ano santo). Este 2025 é ano santo en Roma, sucede cada vinte e cinco e nel os romeiros (que é como se chaman os que camiñan a Roma) ganan o xubíleo.

Os que o van a Santiago son peregrinos e os que fan o camiño a Xerusalén son palmeiros. Pois ben, fóra dos anos xubilares e máis alá de conseguir ou non as indulxencias plenarias, a xente peregrina a Santiago como se non houbese un mañá. Semella que o tempo se acaba e deben chegar á meta, semella que despois do confinamento debemos estar ao aire libre e camiñando (será polo colesterol?). Os camiños a Santiago están plenos (será que paga o cidadán galego unha parte moi importante dos avituallamentos?), tal vez porque os gobernos galegos empeñáronse en contar os peregrinos como se contaban os turistas hai décadas ("El turista 1,999,999", dicía a canción). Nese empeño por abaixar o lombo, en plan humillación, e pensar que só se aos demais lles gusta pode ter algún valor para nós, convidamos a todo o universo mundo a que nos visite. Lugares de peregrinación Que non deixan cartos? Non importa! Somos coma os "paletos" que recollen diñeiro entre eles, para facer grandes festas no verán, cando teñen visitantes, e darlles sardiñas, marisco ou o que toque, para que estean contentos, aínda que a eles nin lles toque unha raspa (quedei sen probalas, dicía un veciño). Complexo de inferioridade, se chama. Aquilo que nos deixaron os antepasados, o que crearon con tanto esforzo e os seguintes conservaron, deixamos que acaben coas cidades e coa natureza todos eses que camiñan cara ao oeste. Que non, home que non, que no Fisterra está a morte (así se chama a costa, nós non enganamos a ninguén), que tedes que ir cara ao leste, onde nace o sol e a vida, aí están orientados os ábsides das igrexas, aí está a luz. Facede caso, dade a volta e ídevos a Roma que alí é ano santo. En Santiago só vos dan a Compostela que serve unicamente como desculpa ("Estiven facendo o camiño, non penses mal"). Pero sobre todo, polo neno "deusiño", ídevos a Xerusalén que alí é onde facedes falta. Si, seino, vos sodes boa xente que camiña por fe e, sobre todo, por facer ben; coma os indios arhuacos camiñades para que a Terra se mova no seu eixe e non se pare; camiñades para que avance o ben no mundo e lle gane a batalla ao mal. Por iso camiñades, para facervos mellores, de tal maneira que entrades en Santiago cheos de humildade e sabedoría, admirando a cidade, felices de chegar a tempo de coñecela, dispostos a axudarnos a coidala, a que continúe sendo a cidade do silencio onde falamos baixiño e cando alguén berra sabemos que representa o mal, cando ri alto como se quixese meter na "cacharada" aos que o rodean, sabemos que a maldade se aproxima, porque esa escultura de pedra na que todos residimos ha de manterse con voces baixas e sorrisos.

Que vou por outros lindeiros... O que eu quería é que vos poñades no camiño a Xerusalén. É alí onde facedes falla. É alí onde están matando xente inocente e os vosos pés, camiñando, impedirán que continúe a masacre. Ídevos a Xerusalén, por favor, facédevos palmeiros. Con esas palmas podedes mover o aire para que os armados se paren a pensar no que están facendo e deteñan ese horror.

Xa vos vexo, ocupando os camiños que coma afluentes se van xuntando no río principal, naquel que vos leva á cidade sagrada por antonomasia. A Xerusalén, a meta de cristiáns, xudeus e musulmáns a cidade onde as relixións do libro se xuntan para defender o entendemento entre as nacións.

Veña ho, dade a volta e dirixídevos a Xerusalén. Ese é o camiño, a ruta; aí é a onde hai que chegar. Cando o fagades veredes que erades necesarios, que vos agardaban para mostrarlle ao mundo que a paz é posible, que só hai que seguir ás mulleres que o fixeron hai séculos como Exeria para dar fe de que seguimos sendo humanos, e temos na nosa man a posibilidade de mellorar o universo, de paso que nos perfeccionamos nós.

Dade a volta, pídovolo unha vez máis, aquí non facedes falta ningunha; máis ben sobrades. Corremos o risco de que a Terra se é certo que é plana (como din os negacionistas) emborque deste lado. Dade a volta para compensar, non o pensedes máis, camiñade cara ao Leste buscando ese edén do que nos falaban os antigos, esa intersección de continentes, ese lugar de culto.

E... aí os van, apoiados nun pau, mirando ao horizonte que se abre co día, loitando por un mundo mellor. Aí os van. Dentro dun anaco, seguirémosvos nós, imos facer falta todos para erguer o que as armas derrubaron, para volver á vida os corpos que mataron. Faremos palmas para expulsar os espíritos do odio e cantaremos para reclamar a bondade.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES