Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Testamento aberto (4)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 04 de noviembre de 2025
Xa no café da esquina:
-Este señor é o que me acolleu de socio porque..., a ver como cho digo en poucas verbas! Trouxen para el, de Suíza, uns papeis de seu irmán...

Desabrochou a camisa e mostroume unha carteiriña de badana, colgada do seu pescozo.

-Por se os roubos, as cousas importantes aló en Suíza levámolas así. Os papeis que lle trouxen eran secretos porque... ¡Ai, Deus, que difícil de explicar é todo isto!

-Ti fala, pois, do que non entenda, xa preguntarei!

-Aquí o amigo, ao saber que era íntimo de seu irmán, e que ademais traballei de albanel, propúxome entrar de socio, ¡de cuarto socio, porque realmente somos catro, dous visibles e dous invisibles! Este estivo de carniceiro en Venezuela, e como trouxo parné, o dono dunha Axencia da Propiedade Inmobiliaria propúxolle facer de socio, e á vez, de testaferro seu. Así que somos: O da Agencia, que non dá a cara, pero que nos dirixe na sombra, percibindo, de aquí en diante, o cuarto dos gaños, amén do que pase do prezo fixado na Cédula de Calificación Definitiva, que iso é todo para el. Este home, con seu irmán, que non traballa aquí pero si o fai en Suíza, onde o Axente, e tamén aquí o amigo, teñen senllas contas clandestinas..., en previsión de se veñen mal dadas en España, ademais dos impostos!

Neste punto rompeu a falar o venezolano:

-Meu irmán nunca manda cartos, pois el ingrésanos, como cousa nosa, a partes iguais, nas contas que temos en Berna, o Axente e mais eu. Pola contra, cando hai que facer desembolsos, a parte súa poñémola aquí, o da Axencia e mais eu, pero, en pesetas. ¿Entende o xogo?

-Coñezo casos parecidos, si, pero son segredo profesional.

-Agora que temos un cuarto socio, que ademais é entendido en obras, imos prescindir do encargado que tiñamos cando eramos tres socios, repartindo o traballo desta maneira: O Axente, para conseguir cousas oficiais; meu irmán, nese encubrimento dos nosos gaños; eu, que me dedicarei aos materiais das obras; e aquí Xurxo que fará de mestre delas. ¿Vainos entendendo?

-A todo isto, ¿en que vos podo ser útil, se xa o tedes todo, e non precisamente ganduxado?

Volveu a falar o socio:

-En dúas cousas: A primeira é que imos abrir unha conta aquí, a nome de nolos dous, porque a temos na mesma oficina onde a teñen os da Axencia, e o Axente, que nos esixiu xuramento de non dicir o seu nome, nin baixo perigo de morte, non quere deixar indicios de que teña nada que ver con nós: ¡el, coas xestións oficiais, e maila venta de pisos e de locais, despachado! A outra é pedirlle que nos tome de clientes na súa Asesoría, concretamente para impostos e algunha cousa da contabilidade, que nola pode levar a súa secretaria...

Acepteilles, aínda que non me facía graza aquela colaboración lateral con semellantes chanchulleiros, pero o que queira te-las mans limpas é mellor que nin saúde aos homes de negocios!
-.-

Aínda non pasaran dez días cando tivemos outra visita do xa amigo Xurxo. Traía un fardelo na dereita e unha carpeta de documentos na esquerda. Abriulle a porta a nosa asistenta, que é unha marroquí:

-Un señor, que dice llamarse Yurgo…

-¡Será, Xurxo! Dille que pase.

¡Pasou, directamente á cociña, sen que ninguén tal cousa lle dixese, e alí deixou a fardela! De volta ao vestíbulo, díxolle a miña dona:

-Aquí a compra fágoa eu, e non consinto que me traian nada, nada que non sexa comprado, por min ou pola nosa Shakina, así que estás recollendo esa fardela, e lárgate con ela!

-Foi un encargo do teu marido… -Mentiulle.

-Estráñame ben, que nada me ten dito! Se queres, entra aí no despacho, que foi á papelería, e está a volver.

-¿E se despois lle falta algún papel, e me bota a culpa? Se non che importa, agardo aquí, no vestíbulo, nesta sela.

Isto referiumo a muller, pero do seguinte fun testemuña presencial; eu, e tamén ela.

-Veño de Castroverde, que fun en busca da miña Partida de Nacemento, que a quero ter comigo para o que se precise. Fun pola partida, e a pouco traio comigo unha de casamento...!

-¡Ti sempre con chanzas! –Bromeoulle a muller.

...

-Agora que estamos sentados, e xa que trouxeches este café, dime: ¿vosoutros, que poñedes o café, o café e mailas pastas, podedes negarvos a que vos traia un queixo da nosa terra?

Testamento aberto (4)
Con esa dialéctica, calamos, que tampouco era cousa de poñerse a rifar cun amigo. El seguiu:

-Por se me teñen pasado cousas na vida, a de hoxe non foi de menor contía. Resulta que en Castroverde comín no Pereira, e puxéronme un queixo da facenda deses de chupa-los dedos. –É do voso Verducedo, non si? –Non, -contestáronme-, é de aló das Casas do Monte, que hai alí unha viúva que, a falta de marido, pon todo o seu cariño, que debe ser moito, en facer estes queixos remasados; como ves, de primeira calidade!

Pedinlles o aderezo da señora, por suposto, e aínda que nada lles dixen, ben a recoñecín polo nome: ¡Unha daquelas mozas que tanto me gustaban! Dinlle ao acelerador e planteime deseguida nas Casas, onde non tiven que preguntar cal era. Saíu unha vella, aínda guapa e ben aseada:

-¿Que se lle ofrece? –Foi o que me dixo ela, por todo saúdo.

-Mire, señora, -mentinlle, pero non de todo-, teño unha fonda en Lugo, e ata aló chegou a nova de que vostede fai uns queixos de chuparse os dedos.

A miña afirmación sorprendeuna un tanto, así que me ollou de arriba para abaixo, e de abaixo para arriba, pero, aínda así, seguía sen recoñecerme:

-Os dedos só os chupan os nenos, e para iso, os maleducados!

-Señora, se non mo toma a mal...; eu veño de chupar os seus queixos, pero, polas trazas do que vexo diante de min, de mellor gana chuparía as súas meixelas, tan parecidas aos seus queixos!

¡O que fan os anos, os anos e maila distancia! A vella púxose colorada, coma unha cereixa; quere dicirse, máis guapa aínda, pero non me recoñeceu, aínda non. Seguiu:

-Mire, señor, diga a que vén, e déixese de piropos, que nin vostede nin eu estamos en idade de xogar aos parrafeos. ¡Se non lle vale así, váiase!

-Desculpeime, e de seguido pedinlle tres queixos; que me escollese dos mellores, grandes e ben curados..., pensando en min, e no meu socio, pero tamén en vosoutros! Non lle discutín o prezo, pero si lle pedín un vaso de auga; ela pasoume á cociña, e púxomo de viño. ¡Viño e unha tapa dos seus propios queixos! A señora tiña ganas de falar, e eu tamén, que calquera nos notaría que viñamos de padecer moita soidade. Fala que te falarás, eu díxenlle que aínda estaba solteiro, e que, sendo ela viúva, cos fillos por Europa arriba, sería boa comenencia casarnos, e levala a vivir a Lugo, á miña fonda, que así eu tería que pagar unha criada menos, e ela libraríase das ovellas.

-¿Que, que che dixo; aceptou? –A miña dona, que non é periodista, pero fáltalle pouco.

-Díxome..., moitas cousas, pero a principal foi que non estaba disposta a abrirse a un descoñecido, así, de primeiras!

A miña dona fíxose de cruces:

-¡Esa muller non che convén, pois unha viúva non se debe abrir, nin a coñecidos nin a descoñecidos! ¡O matrimonio é para sempre, un só, indivisible e perpetuo!

Xurxo, antes de contestar, riuse, a callón:

-Non penses mal, pois ela non se refería, obviamente, a abrirse de pernas, senón..., iso, abrir o corazón, sincerarse cun descoñecido..., pois ela seguía sen acordarse de min, sen recoñecerme!

-¡Ah, sendo así...; eu son mal pensada..., polo que vexo ao meu redor, que xa non hai vergoña, nin nos homes nin nas mulleres!

O queixo resultou magnífico, pero o mellor de todo é que a fabricante segue facendo neles pois, aínda que viúva e solitaria, ten as súas ovellas, e vende os produtos; ¡a que non se vende, nin deixa achegarse aos pretendentes, polo visto, é ela! Este Xurxo, que non escarmenta, que hai que ser menos pícaro e máis diplomático coas mulleres, pois, de darse a coñecer, daquela..., daquela igual preaba coa queixeira!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES