Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - jueves, 23 de octubre de 2025
As tres etapas

Limitei (e limitarei) a miña existencia a tan só tres etapas: nacer, vivir e morrer. Para que máis complicacións. Nacín á beira da ponte vella de Baños de Molgas unha mañá de inverno cando miña nai e outras veciñas baixaron ó río a lavar as tripas dos dous porcos que acabaran de matar. Seica nin tempo tivo de buscar un sitio mellor. Ó mesmo tempo que espremía a tripa para botar toda a porcallada fóra, ela, miña nai, premía as entrañas para cuspirme a min. Pingas de Orballo Non caín ó río Arnoia porque a Veneranda, unha das veciñas, botara man da miña existencia. Penso que chorei, non por nacer, senón polo frío, pois a xeada semella que era daquelas que quedan rexistradas para a posteridade.
Non obstante, saín inmune e vivín e vivo como cadra. Ben, sen ostentacións, como unha persoa normal, que vai e vén, que fai e deixa facer, que mira e escoita, que fala e cala, que ri e, si, tamén chora e que, simplemente, vive segundo pasan os días. Estudei nos Milagres, non fixen o servizo militar porque xa o quitaran, traballei, casei, tiven fillos e, agora, de xubilado, estou a velas vir.
Estou esperando a morte, que chegará cando cadre ou cando eu queira. Si, cando eu queira. Sempre fun testán, torto e duro de roer. Non me penso deixar vencer por un final que aínda vexo moi afastado; máis alá das 100 invernías. Moito máis alá. E neste escrito deixo constancia para entrar nas estatísticas dos seres humanos máis lonxevos.
Son Lisardo, o fillo da Claudina, a que casou co Nemesio, O Caguetas. Os dous, pobres, xa morreron. Eu nacín, estou a vivir e xa morrerei cando me apeteza, cando me des por morrer.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES