Acostumo a escribir algo polo Día da Polio, unha data que lembra o nacemento de Jonas Salk, o médico que aportou a primeira vacina efectiva. Este ano vou compartir o manifesto dos compañeiros da Plataforma de afectados de polio e síndrome postpolio de España:
«Cada 24 de outubro conmemórase o Día Mundial contra a Polio, as súas secuelas e a síndrome postpolio (SPP).

Non se trata so dunha efeméride sanitaria, senón dun día cargado de memoria, denuncia e esixencia; porque a polio non é historia pasada, hai unha ferida aberta que aínda condiciona a vida de miles de sobreviventes en España.
A vacina contra a polio chegou cun retraso imperdoable na España da posguerra. Mentres outros países xa protexeran ás súas xeracións máis xoves, aquí un número moi significativo de nenos e nenas quedaron expostos á enfermidade e ás súas secuelas de por vida. Esa demora non foi so un fracaso sanitario, foi tamén un abandono político e social que condenou de por vida a familias enteiras á dor e á incerteza.
Despois do silencio do réxime anterior, a democracia tampouco estivo á altura e ten unha débeda pendente. A invisibilidade do colectivo, a falta de recursos específicos e a indiferenza institucional prolongan a inxustiza. Os sobreviventes da polio enfróntanse a una dobre batalla: as secuelas físicas e o avance da síndrome postpolio, que agrava a situación de quen xa viviu a infancia atravesada pola enfermidade.
A Lei de Memoria Democrática deu un primeiro paso ao recoñecer a responsabilidade histórica do Estado. Sen embargo, ese recoñecemento é insuficiente e corre o risco de converterse nun xesto simbólico e baleiro se non se traduce en accións concretas. O paso do tempo xoga en contra: o colectivo de afectados envellece, e cada día que pasa sen resposta supón un dereito perdido. Por iso, a mobilización non mira ao pasado unicamente, tamén interpela o presente e o futuro inmediato. A xustiza non pode esperar á desaparición biolóxica das súas vítimas. As reivindicacións dos afectados pola polio e síndrome postpolio exprésanse con claridade en tres urxencias improrrogables:
1.- Sanidade: acceso garantido á rehabilitación permanente, prestación gratuíta de ortopedia actualizada e creación de protocolos médicos específicos para o SPP en todo o sistema sanitario.
2.- Dereitos sociais: axudas económicas para a adaptación de vivendas, prioridade en vivenda pública accesible e o establecemento de pensións con carácter indemnizador que recoñezan o dano causado.
3.- Reparación histórica: inclusión real nos marcos de Memoria Democrática, con mecanismos de seguimento e garantías de cumprimento por parte do Estado.
O manifesto deste 24 de outubro non se limita a denunciar. É tamén unha convocatoria aberta á unión e mobilización colectiva. Dirixímonos a todas as persoas afectadas pola polio y ás súas familias para organizarse, dar visibilidade e gañar forza a través da participación en asociacións locais e nacionais. Cada voz suma, cada esforzo multiplica, cada novo aliado fortalece un movemento que se sabe necesario e urxente; porque o que está en xogo non son favores, senón dereitos: o dereito á saúde, á reparación e á memoria. O tempo da indiferenza xa pasou. O que onte foi neglixencia non pode consolidarse hoxe como inxustiza».
Remato agradecendo a iniciativa de ULA Librería Social de A Serra de Outes, Coruña, que organiza unha Xornada polo Día mundial cotra a polio na que, despois de proxectar un documental, presentarei o meu libro Unha historia de superación, acompañada dun médico e outro compañeiro de polio. Unha boa ocasión para reivindicar, unha vez máis, dignidade e xustiza.