Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Homenaxe a Luis Pérez Vila

martes, 29 de septiembre de 2009
Homenaxe a Luis Prez Vila Eu, por pura deformación profesional, en calquera acontecemento, busco e normalmente atopo referencias no mundo da canción ou no do cine, e tendo en conta que en Lugo se vivíu estes días a XXXI Semana de Cine, permitídeme que axeite a figura de Luis a unha película. Dirixiuna John Ford en 1952. O protagonista era John Wayne. A película titulábase “El hombre tranquilo”.

A película transcorre en Inisfree, na Irlanda tan parecida fisicamente a Galicia, cuns personaxes encantadores. É unha historia romántica da que sólo tomo o título como punto de partida… “Un home tranquilo”.

Eu xa coñecía a Luis polo meu traballo de información para Radio Popular de Lugo, pero comecei a tratalo en profundidade cando fun para o Concello con Vicente Quiroga en 1983, e onde estiven seis anos, nos que tiven ocasión de coñecer a este home tranquilo que estaba ó frente da policía da cidade de Lugo. E funcionaba -silenciosamente, tranquilamente- moi ben.

Cando había calquera problema, ou se prevía algunha cuestión complicada, Vicente decía: “Que veña Luis…”. E Luis chegaba, e todo quedaba arreglado.

“A tus órdenes, Alcalde”, era o saúdo. Sempre cun sorriso. Sempre ben. E todo tiña amaño. Con total tranquilidade.

Non é que houbera naquel Lugo de hai un cuarto de século graves problemas de orde pública. Pero podían ser os feirantes que se amotinaban con motivo da subasta dos postos para as barracas do San Froilán, a manifestación (violenta) dos obreiros do Ferrol da reconversión industrial que nos lanzaron tornillos e tuercas a través dos balcóns da alcaldía, ou o paso do Hortensia, aquela noite que pasamos na Alcaldía -Luis, entre a Alcaldía e o cuarteliño- vendo, como temen Asterix e todos os galos, como o ceo caía sobre as nosas cabezas.

Luis estaba sempre alí. Á fronte de toda a súa xente, magnífica xente coa que manteño unha excelente relación. Xente, varios -veteranos- aquí presentes, que se multiplicaba para todo, especialmente nas festas, como cando a multidude nos derribou o portalón do Seminario onde estaba actuando Manolo Escobar, coordinando aquela histórica actuación dos Coros do Exército Ruso, nas anuais ofrendas do Corpus, na Semana Santa, nas visitas protocolarias como a de Jordi Pujol… E lembro con especial agarimo aquela garda de gala que se montaba nas ocasións solemnes, nas que Lugo podía presumir dunha policía que nos podíamos rir da Policía Montada do Canadá…

E sempre, á fronte, Luis. En traxe de diario ou de gala, pero sempre co semblante vestido de gala, sempre cun sorriso, sempre en calma.

Pasaron os anos. Para todos. E velaquí que Luis segue a chamarme “Xuliño”, e ben que llo agradezo, que cada vez hai menos xente que mo chame xa. E el e a súa muller seguen distinguíndome coa súa amizade e continuas atencións. E sei moi ben que nin son o único, nin especial. Hai moita xente que lle quere ben a Luis Pérez Vila, que durante catro décadas foi o Xefe da Policía Municipal de Lugo.

E chega o momento en que, por imperativos de idade, Luis se xubila, e catro amigos formaron unha comisión organizadora e eu -posto a falar- dixen o que aquí resumo, agardando que os amigos todos que Luis ten suscriban o dito, porque neste mundo axitado que vivimos notamos cada vez máis en falta, precisamos, xente -especialmente se está en cargos de responsabilidade como o de Luis- que nos dea tranquilidade, paz. Que solucione problemas en lugar de crealos. Que poña un punto de amizade en tanta loita, que bastante acidez nos da a actualidade diaria como para que tomemos todo pola tremenda.

Eu non sei se a máxima de Luis pode ser a de «a mal tempo boa cara», pero el sempre presenta o rostro amable, de amigo, sorrinte… E as xuntanzas arredor del neste trance de quedar en liberdade de acción son testemuña de cercanía a un home bo e xeneroso, que pasou pola “vida laboral” sen mancar a ninguén, con boa cara e bós feitos, do que todos nós somos testemuñas.

De todos os xeitos eu, home familiar por encima de todo, entendo que boa parte -moi boa parte- do talante de Luis, e de que Luis teña tantos amigos, tamén lle corresponde a Manoli, a súa muller, porque coido que era Benedetti o que escribiu aquelo de “En la calle, codo a codo, somos mucho más que dos”. Luis e Manoli, son moito máis que dous, que numericamente xa hai que sumarlles os fillos: Noé e Lucas. Pero como parella, unidade familiar, son moito máis que dous na vida diaria, no trato, no traballo, nos amigos… E se só son dous, son dous ben grandes.

Da gusto coñecer e ser amigo de xente así.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES