Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Confucio & Mao

Ríos, Xulio - martes, 21 de octubre de 2025
¿Un socialismo con peculiaridades chinesas ou unha China con peculiaridades socialistas? Como explico en "Marx & China. La sinización del marxismo" (Akal, 2025), a adaptación é o signo principal da política chinesa contemporánea. Sen embargo, ao analizar a súa evolución, hai tempos ben marcados. No maoísmo, por exemplo, tanto antes como despois do triunfo da revolución, esa adaptación referiuse en exclusiva ao marxismo ao tempo que amosaba unha clara liña de continuidade respecto ás críticas á cultura tradicional habituais nos movementos modernizadores que dende o século XIX fixaban a súa atención nas correntes intelectuais procedentes dun Occidente de signo emancipador fronte ás servidumes do pensamento clásico chinés.

Unha primeira fenda substancial desa visión deuse durante o denguismo, ata o punto de non faltar quen cualificou a caracterización da teoría de Deng Xiaoping como expresión dun confucianismo-leninismo, Confucio & Mao apuntando a ese equilibrio entre o mantemento do ideario fundacional e un ascendente ideario clásico, no que o "Pequeno Timonel" adiviñaba resortes de utilidade para implementar a súa política reformista. O concepto de "xiaokang" (moderadamente próspero), por exemplo, moi presente na literatura política do PCCh, apareceu por primeira vez no "Libro dos Cantares", pero Deng Xiaoping deullle o significado de modernización de estilo chinés para convertelo así nun termo fundamental no desenvolvemento do socialismo con características chinesas na etapa da reforma e apertura.

Outro tanto cabería dicir da dilatada experiencia do mandarinato chinés no tratamento dos sectores económicos emerxentes, impedindo o seu ascenso ata o punto de prolongar no esencial o modelo feudal ata practicamente entrado o século XX. Sen dúbida, esas leccións facilitaron a construción dese ecosistema vixente no país, por exemplo, para orientar o papel da propiedade privada, dunha banda, abríndolle espazos para que poida contribuir ao desenvolvemento enriquecendo aos seus titulares pero tamén pechándollos para evitar que supoñan un desafío político. A confluencia desa traxectoria co pensamento marxista facilita a disposición de engranaxes para impedir que ese colectivo poida organizarse como clase con poder político e teña ao seu dispor, por exemplo, medios de comunicación da súa propiedade, sistemas financeiros, institucións ou partidos. A burocracia do PCCh opera entón como aquel mandarinato tradicional habilitando diques estratéxicos que regulamentan o seu proceder e impiden que poidan dominar o sistema, instalen a súa ambición como principio rector da política estatal ou mesmo se apoderen do estado.

Esa evolución labrada no denguismo e moi asentada no seu tramo final durante o mandato de Hu Jintao, vive un momento de certo esplendor no xiísmo. O concepto de "segunda combinación" eleva a importancia da integración da cultura tradicional equiparándoa á significación do marxismo, protagonista da primeira conxugación, no pensamento político chinés.

Non se trata só do confucianismo. Cando Xi, por exemplo, apela a construir un estado de dereito está a pensar no ideario lexista (Han Fei) que nos tempos da fundación da China con Qin Shi Huang, no 221 a.n.e., instituía a gobernanza a través do imperio da lei como expresión de lexitimidade. Hoxe, conceptos como "Datong", unha promesa de harmonía e comunalidade, ou "Tianxia", evocadora dunha determinada visión do mundo, que iluminaron a senda dos políticos chineses ao longo dos séculos, proliferan nas reflexións académicas que abordan a construción dun novo marco de estabilidade para esa China chamada a ser a primeira potencia do mundo neste século XXI. Para iso, non miran con envexa cara o Occidente, cada vez menos, senón que abordan con orgullo unha fonda reflexión introspectiva con vontade actualizadora.

Asimesmo, por exemplo, no eido da democratización, apelando a ese mesmo enfoque, o xiísmo apunta ao que denomina tradición de democracia consultiva e os conceptos filosóficos que historicamente lle serviron de inspiración ao longo dos milenios para explorar agora formas de consulta e de democracia que combinen a participación, a eficiencia e a meritocracia rexeitando as formas de democracia competitiva occidental. Nesa experimentación van pesando cada vez máis as raíces culturais propias en lugar dos enfoques marxistas clásicos.

Esta evolución, que apunta a unha significación ascendente do ideario cultural, afiánzase como unha característica fundamental do pensamento político chinés. O énfase nas peculiaridades chinesas, que na época de Deng adxetivaba o modelo a modo de xustificación da súa heterodoxia, non só afonda na súa especificidade senón que habilita unha posición centralísima do pensamento clásico no seu ecosistema, blindándoo en maior medida fronte á presión liberal. Internacionalmente, impregna as innovacións institucionais que tanto outorgan previsibilidade ás súas políticas como asentan as súas redes multilaterais baixo un modelo medularmente distinto ao occidental.

China eríxese en exemplo paradigmático de como o magma cultural pode impregnalo todo de forma construtiva e igualmente da trascendencia de abordar a cultura dende a perspectiva non só das súas manifestacións senón da súa teorización integral, un aspecto no que en Galicia deberamos apurar máis.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES