Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Na praza de Santa María perante o San Froilán

Otero Canto, Xosé - martes, 21 de octubre de 2025
No San Froilán fanse reencontros coa nosa cultura e coa nosa tradición na praza pétrea de Santa María, lugar emblemático e tamén sagrado para a nosa fala e a nosa música que verte orixinalidade desde os seiróns e esportas dos estrados e das tribunas espalladoras de músicas e cantares, de festa e tradición, vertendo o viño novo das palabras musicadas e o viño anello, avellentado dos nosos cancioneiros populares ornados cos instrumentos dos vivos costumes que nos penetran os corazóns atribulados de sentimentos cando a gaita se impón como mestra do noso e despois a palabra reverdece nos prados da melancolía traéndonos orballos de tempos pasados e de "-es" paragóxicas ao final dos infinitivos verbais, por iso "A raíz do toxo verde é moi mala de arrincare" e "Os amoriños primeiros son moi malos de olvidare".

Que "e" tan bela a das composicións populares que manteñen a tonalidade, non nas ortigas e espiños do "r" final, senón que se prolonga polos carreiriños da sonoridade dun "- e" final ao que se lle pode dar a continuidade que se merece facendo a palabra máis fermosa porque a nosa revoltosa lingua non vibra e cae polas profundidades da nosa boca segundo van remitindo os sons na terminación dos versos.

Cantos recordos nos traen os "-e" paragóxicos! Son como aveños e ferramentas coas que se traballa a nosa tradición desde os latíns cultos e vulgares do "obliviare" (olvidare) e o "aperire" (abrire) de "Fun, fun, fun e peteiche na porta e non me quixeches abrire" pasando pola Idade Media, onde fixo pegada e quedouse para sempre na nosa tradición oral que é unha vella servidora do presente e como tal anciá que é sabe todas as argucias para manterse nos eidos da nosa lingua dándolle engados de néctares e hidromeles a través dos nosos xograres e dos romances de cego que perduraron ata hai pouco nas nosas feiras e mercados e que aínda se ven aboiar nas augas non contaminadas da nosa fala que están sempre nas montañas e desde as súas abas van escorrendo ata chantarse nos nosos miolos.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES