Maica Gorgal e papá Lino
Cabada Castro, Manuel - martes, 21 de octubre de 2025
"Ser Castro en sangre
y de Galicia, si no es
lo más, es lo más grande"
(Lope de Vega)
Moito degustei a potente novela de Maica Gorgal que leva como título La Casa de la Mina (Barcelona, Penguin Random House Grupo Editorial, S.A.U., 2025). Aínda que inicialmente se publicara en galego, fago uso aquí desta edición posterior en castelán, dado que foi esta a que tiven a sorte de ler por primeira vez grazas á xentileza dunha conveciña amiga de Sabucedo (A Estrada), Sara Monteagudo, que ma emprestou. Dende aquí vai a ela o meu agarimoso agradecemento.
Maica Gorgal é unha escritora nada en Santa Comba (A Coruña), docente en Santiago de Compostela e premiada con múltiples galardóns. O impactante, conmovedor e extenso escrito (431 páxinas) interesoume e emocionoume por motivos moi diversos. O lugar de nacemento da autora, "Santa Comba" é un nome que desde cativo resoa en min en recordos fuxidíos. Sendo iso así, é para min case xa normal que ela se interesase polo meu avó, Lino Castro Garrido (1866-1951), a quen o de arrieiro lle viña de lonxe na familia e a quen eu e os meus irmáns chamabamos sempre "papá Lino".
Pois ben, Maica Gorgal fala explicitamente sobre el nalgún momento. Velaquí o que nos conta:
"Lino Castro repartía por toda la comarca de Xallas, que incluía el ayuntamiento de Santa Comba [...] Almacenaba el vino en su casa de Sabucedo, a más de 80 quilómetros [...] Desde que tengo memoria, no recuerdo haberlo visto más que una o dos veces al año [...] Aparecía de improviso, siempre por la noche; a veces ya nosotras estábamos acostadas. Pedía de comer y mi madre, sin decir ni pío, le calentaba el caldo o le hacía unos huevos, si los había. Y mientras él comía y apuraba el vino que quedaba en el fondo de la botella que solía traer consigo" [pp. 25-26)].
Información entrañable para min sobre o meu avó "papá Lino", por máis que aquí se trate de una obra literaria e non dunha reportaxe histórica. Cómpre indicar aquí que tanto na nosa casa coma noutras aldeas ("parroquias") da Galiza e sendo conviventes dunha mesma casa había daquela dous nomeados "papás": un era o papá real ou biolóxico e o outro era o pai (alí presente) da nai, é dicir, o avó materno.
O que nos, polo demais, refire a novelista coincide non pouco co que os familiares sabiamos del. Pola miña parte, en canto nado no medio e medio do mes de outono do ano 1935, teño a vaga idea de que el saía cara a Ribadavia coa recua de mulas e despois tiña (ademais da nosa bodega de Sabucedo) algún outro lugar, máis alá de Santiago, onde almacenaba os pelellos de viño para os repartir-vender por aquelas terras (Santa Comba etc.). Saía -é un recordo para min case esvaído- no anoitecer, na penumbra, cun par de mulas e el asentado na última. As mulas saberían ben o seu camiño. E, como experto na tarefa, podería quizais cantar aquela copla: "O cantar do arrieiro / é un cantar moi baixiño. / Cántano na Ribadavia / resoa no Carballiño"...
Arrieiros foran tamén o avó de papá Lino, Felipe de Castro (1798-1885). Vivira na casa da palleira (agora transformada e pertencente ao meu irmán Pablo) e finou con 87 anos o 26 de decembro de 1885. Papá Lino viviu tamén aínda nesta mesma casa da palleira ata a construción, á beira, da actual casa grande (nesta nacín e construín tódolos meus soños infantís...). Fillo de Felipe sería Xacobo de Castro Cabada (1826-1904), bisavó meu xa que logo. Segundo os libros parroquiais consultados, Xacobo foi "labrador" e "arrieiro". Irmán de Xacobo foi tamén, polo demais, José María, cura párroco na zona de Santiago (máis concretamente en Brión). A autora da novela fálanos ademais (pp. 24-25) dun "Xosé Cabada", que sería tamén arrieiro (e parente do meu avó), "natural -segundo ela- del ayuntamiento ["parroquia" pertencente á Estrada sería a denominación correcta) pontevedrés de Sabucedo. Tiña o tal Xosé -continúa a dicir- unha caseta de almacenaxe en A Ponte Maceira "a unos 30 kilómetros de nuestra casa y desde allí era desde donde mi padre se dedicaba al reparto por Negreira, Portomarín, Brión e o Val de Mahía con un carromato de dos mulas". Sobre este "Xosé Cabada" non teño, porén, pola miña parte noticias concretas.
Por certo e en relación co mencionado carromato aínda recordo dos meus tempos infantís o que chamabamos o carrillo, cando este estaba alí practicamente xa sen uso onda a parede, no baixo (cara á esquerda) da casa actual (e anterior palleira) de meu irmán Pablo. Recordo aínda con emoción o que o meu pai me contara sobre o noso avó materno (papá Lino) cando estaba xa a piques de finar. Preguntáralle el -xa moi enfermo- ao meu pai a comezos dos anos cincuenta do século pasado sobre as mulas. Estas daquela xa non existían, mais para a súa feble mente estarían aínda na ampla corte xusto debaixo do seu cuarto. O meu pai respondeulle á pregunta que normal ou algo así... E a tal información respondeulle papá Lino deste xeito: Pois eu non as oio rillar.... A pouco de el dicir isto, finou. Era o 5 de xaneiro do ano 1951. Eu, un rapaz de pouco máis de quince anos, estaba daquela a moitos quilómetros de distancia, en terras de Palencia. Finara con el unha saga de arrieiros, máis antigos ou máis recentes, relacionados coa familia.
Volvendo a falar sobre o antedito Xosé Cabada, orixinario de Sabucedo e tamén arrieiro, dinos a autora do mencionado libro que Xosé Cabada casara coa súa nai. Para ela o de arrieiro era honroso e preciado oficio. Cóntanos que, despois de ela nacer, o seu pai Xosé Cabada decidiu traballar con papá Lino e que con el estivo moito tempo. Refire tamén que o meu avó (Lino Castro Garrido) almacenaba o viño na casa de Sabucedo (p. 25).
En fin, para min todo isto é fermoso lembralo. Téñoo asociado ademais aos meus tempos de rapaz cando papá Lino tantas veces, tralo o sol se pór, sentaba tranquilo á beira da moreira (chantada ao pé da entrada á nosa ampla casa rural) e os seu netos (ata sete!) xogabamos alí mesmo a cazar morcegos para intentar darlles de fumar...
Mais volvendo de novo á longa saga dos arrieiros familiares, fago aínda referencia a Salvador de Castro Fernández. Nacera a finais do século XVII (seguramente no ano 1692), finando no ano 1758. Foi bisavó do meu tataravó. E se quizais non pertenceu estritamente ao gremio dos arrieiros, estivo seguramente relacionado con eles, pois consta polo menos que era viúvo de Josefa Monteagudo e que tamén era veciño de Sabucedo. Nunha información oficial recibida hai un tempo do párroco de Fontecada, Juan-Ventura Vázquez Camino, díseme textualmente o seguinte:
"Efectivamente en este archivo y en un libro de 'Bautizados, Muertos y Casados' figura una partida de defunción y enterramiento que le transcribo: Al margen Forastero. Salvador de Castro. En el cuerpo de la partida: 'En veinte de Noviembre del año mil sete cientos cinquenta y ocho, murió en esta fª de San Martín de Fontecada, Salvador de Castro, viudo que fue de Josepha Monteagudo, y vezino de la fª de Sn Lorenzo de Sabucedo, recivió los Stos Sacramentos de Penitencia, Eucaristía y Extremaunción, hizo una memoria simple de testamento por ante testigos, por no averla querido hazer auténtica, en la que dispuso su entierro, declaró lo que se le debía en este paraje, y en el suyo, y mandó sus bienes a sus quatro hijos por aguales partes. Asistieron a su entierro siete Sres. Sazerdotes incluso mí [eu?] se dio sepultura a su cadaver, en el día vte y uno, en una [sepultura] de seis rs [reales] dentro de la Igla Parroquial de esta dha fa de Sn Martín de Fontecada, y como cura que soy de ella lo firmo en el día vte y uno del mes y año referido arriba'. fdo. Diego de Fuentes Carrera".
Cómpre lembrar aínda que o acontecemento festivo da Rapa das bestas de Sabucedo (do que amplamente me teño ocupado en diversos escritos e de maneira especial no amplo volume A Rapa das bestas de Sabucedo. Historia e antropoloxía dunha tradición, 2ª edición corrixida, aumentada e cun Apéndice, Vigo, 2021) contribuíu de maneira especial á relevante importancia da profesión de arrieiro en relación coa subida da xente aos montes da contorna para xuntar e baixar as greas de bestas. Pois en tal operación festiva o viño estivo sempre tradicionalmente ata ben entrado o século XX a cargo da igrexa. Son por iso abondas as alusións aos gastos de viño con esta ocasión. No ano 1742 -coido que por primeira vez- anótase o seguinte gasto: un cañado de vino que se gastó el día que se trajeron las yeguas al curro: 15 reales. No ano seguinte, 1743, gástase xa o dobre: dous cañados de viño, que custaron en total 24 reais. No 1744 aparece o gasto case duplicado, aínda que o consumo vén sendo o mesmo do ano anterior: 46 reales de dos cañados de vino que se gastaron con los vecinos en dos ocasiones que se fueron a buscar las yeguas al monte y marcar los potros nuevos. No ano 1759, ao se indicar que tamén outras persoas (seguramente de lugares limítrofes) acompañan no monte os veciños, dise o seguinte: 56 reales de vino para todos los vecinos y más que asisten a traer del monte el ganado bravo y raparlo. Hai tamén constancia de que posteriormente, no ano 1777, houbo tres baixas, tal e como se di: 44 reales de gasto de vino, que en su año hubo con los vecinos de 3 viajes que hicieron a fin de beneficiar la hacienda brava de esta fábrica, quien no tiene otras fincas.
Polo Catastro de Ensenada (a mediados do século XVIII) sabemos polo demais que o viño tivo en Sabucedo unha boa tradición de transportistas ou arrieiros, oficio que foi minguando cada vez máis ata desaparecer, na súa forma tradicional, a mediados do século XX. É posíbel incluso que esta tradición tivera a súa orixe na antiga dependencia servizal de Sabucedo do mosteiro de freiras bieitas de Codeseda, xa que sabemos que este mosteiro tiña posesións na comarca vitícola do Ribeiro, segundo o Inventario que sobre os bens do mosteiro fixo o Cabido de Santiago no ano 1419: Item eno Ribeiro da Auea, friguesia de San Miguel de Lebosende, huun boo casal; et suyan dar o laurador o terço do vinno en saluo ao mosteiro, et he chamado o Casal da Costa et tenno Rodrigo Ares de Baar, scudeiro [ver Pérez Rodríguez, F., San Jorge de Codeseda: un monasterio femenino bajomedieval: Studia Monastica 33 (1991) 81)].
Velaquí van, pois, os datos que nos ofrece o mencionado Catastro (ao facer constar os diversos oficios ou profesións dos veciños) sobre os dez arrieiros da freguesía de Sabucedo no ano 1752:
Ambrosio Cavada tiene cinco cavallerías, con las que hace de porte dos moyos y medio de vino en cada viage.
Antonio de Castro con seis cavallerías hace de porte tres moyos y dos cañados y medio de vino cada viage.
Torquato Alonso con cinco caballerías hace de porte cada viage tres moyos de vino.
Phelipe Ovelleiro con quatro cavallerías hace de porte dos moios y una olla.
Santiago Gosende con seis cavallerías hace de porte cada viage tres moios y medio.
Lucas Monteagudo con siete cavallerías hace de porte tres moios y dos cañados y medio en cada viage.
Miguel Gosende con cinco cavallerías hace de porte dos moios y dos cañados y medio cada viage.
Juan de Bouzas con seis cavallerías hace de porte tres moios y dos cañados y medio cada viage.
Juan Cavada con siete cavallerías hace de porte en cada viage tres moios y dos cañados y medio.
Cyprián Ovelleiro con siete cavallerías hace de porte cada viage quatro moios y una olla.
Y todos dichos arrieros hacen al Año diez y seis viages y por cada moio se les regulan de alquiler veynte reales de vellón.
A tradición do viño costeado pola igrexa para os veciños que participan na baixa continuará vixente, aínda que xa con menos forza ca en tempos anteriores, no século XIX. Páganse, por exemplo, a Felipe de Castro, no día da Baixa do ano 1855, 104 reais por catro olas de viño. No ano 1858 pola mesma cantidade de viño páganselle 176 reais (e o mesmo ocorre tamén dous anos despois).
No século XX manterase aínda durante algún tempo o costume anterior do consumo do viño na festa da Rapa a cargo da igrexa. Por exemplo, no ano 1932 son pagadas a Lino Castro [o meu referido avó] 1425 pts. por 150 olas de vino.
Con Lino Castro Garrido (papá Lino) comecei e con el remato xa. Sen lembranzas non é posible vivir. Lembranzas que se basean tanto na historia, mestra da vida, como nas grandes obras literarias. Entre estas a de Maica Gorgal.

Cabada Castro, Manuel