Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - viernes, 17 de octubre de 2025
Algún día eles tamén

Paseo pola marxe esquerda do río Arnoia. Ó lonxe, o grallo dun gaio. Arriba, o ronsel dun avión que acaba de pasar. Polos auriculares, o "Billie Jean", de Michael Jackson. Ó meu arredor, todo é baleiro. Diante miña, baleiro. Detrás miña, baleiro. Porén, os xestos corporais seguen o ritmo da música. Bailarei sobre as tumbas dos opresores. Porque algún día eles tamén morrerán. Pingas de Orballo
Sento á sombra dun amieiro, xusto á altura da pasarela das Mestras. Ó lonxe, un vencello que voa deica o infinito e máis alá. Arriba, o ronsel do avión practicamente se esfumou. Polos auriculares, uns asubíos de Ennio Morricone nunha desas spaghetti western dos anos sesenta. Ó meu arredor, todo é soidade. Diante miña, soidade. Detrás miña, soidade. Porén, os beizos contráense e asubían tamén o tema de Morricone. Asubiarei sobre os nichos dos tiranos. Porque algún día eles tamén finarán.
Cruzo a pasarela das Mestras. Ó lonxe, unha carriza que asenta sobre as flores dun toxo. Arriba, o ronsel e o avión xa son tan só un recordo. Polos auriculares, o "Love Me Tender", de Elvis Presley. Ó meu arredor, todo é nostalxia. Diante miña, nostalxia. Detrás miña, nostalxia. Así a todo, a gorxa contráese e deixa escapar ruxerruxes musicais imitando ó rei do rock. Cantarei sobre as sepulturas dos déspotas. Porque algún día eles tamén falecerán.
Deito sobre o verde das Mestras. Ó lonxe, unha rula que me mira. Arriba, un ceo azul que me gorece. Polos auriculares, un instante de silencio. Ó meu arredor, todo é silencio. Diante miña, silencio. Detrás miña, silencio. Secasí, lanzo un ouveo. Oulearei sobre o sepulcro dos potentados. Porque algún día eles tamén perecerán.

O asunto ten o seu aquel

Que susto! Pensei que lle darían o Nobel da Paz a Donald Trump. Claro que, agora, ó non conseguilo, igual se bota para atrás coas negociacións de paz entre Israel e os palestinos. Se se bota para atrás, xa sabemos o que acontecerá: máis xenocidio e exterminio total do pobo palestino. Ademais díxoo ben claro: o que eu diga vai á misa. Ou se respectan as súas condicións ou as mulleres e nenos da franxa de Gaza seguirán a caer como moscas.
Agora, como non lle concederon o Nobel da Paz, igual sobe o ton das súas protestas para botar fóra da OTAN a España. A carraxe sempre é mala conselleira. Aínda que, a este respecto, oxalá que a Organización do Tratado do Atlántico Norte nos bote fóra. Un gasto enorme menos e, total, para o que vale a OTAN... Cando hai guerras xúntanse, reúnense, comen, beben, falan, bracean, divírtense, si, ata poida que discutan algo, pero coa boca pequena. Á hora da verdade, os nenos e mulleres seguirán caendo en calquera das guerras. Porén, as intencións de paz é o que conta.
Para que queremos a OTAN? Se nos vemos envoltos nunha guerra, os demais países membros dese Organismo axiña achacarán asuntos internos ou calquera outra trapallada que valla de escusa para non intervir. Como moito, xa digo, reunións, parladoiros, boas maneiras e punto e final. A non ser, iso si, que Estados Unidos ordene o contrario. Hoxe en día todo está baixo a batuta dos ianquis, ou sexa, de Donald Trump.
Susto polo medo a que lle deran o Nobel da Paz e, vaia carallada, medo agora a que non llo deran. O asunto ten o seu aquel.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES